"Silencio" e "Música" foron as palabras de Luísa Villalta que subiron ao escenario do Teatro Principal a través dos 62 micropoemas e microrrelatos do alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos que foron galardoados no XI Concurso Literario DinamizaEstrada que convocan os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino da Estrada. As palabras da escritora coruñesa homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas tamén estiveron presentes nas 14 ilustracións feitas polos nenos e nenas de Educación Infantil. Todos estes traballos, xunto cun limiar do padriño desta edición, o profesor e escritor Carlos Loureiro, e mais a portada, obra da deseñadora Rosa de Cabanas, fan parte do libro conmemorativo que lles foi entregado a todos estes rapaces e rapazas este mércores 22 de maio na IX Festa das Palabras que tivo lugar no Teatro Principal.
A comunidade educativa da Estrada gozou dunha festa sinxela pero linda e de grande simbolismo que organizou o EDLG do IES Manuel García Barros (noraboa!) e na que as palabras de Carlos Loureiro e a música da estradense Lucía Azurmendi e o seu grupo arrouparon esta canteira da creación literaria que é o certame DinamizaEStrada.
O IES Nº 1 estivo presente con Mónica Mato, coordinadora do noso EDLG, e Beatriz Quintela, a directora, xunto coas alumnas Helena, Victoria, Celia e Rosalía, que subiron ao palco para recibiren os seus obsequios e para representaren as compañeiras e compañeiros do instituto que presentaron traballos ao concurso, máis de 200 finalistas entre todos os centros.
A nova no Faro de Vigo.