Esta tarde botou a andar o Club de Lectura do alumnado de 1º e 2º da ESO, que se suma neste curso ao grupo de rapazas e rapaces lectores de 3º e 4º ESO e á estrea dun novidoso Club de lectura de persoas adultas que xa coñece o primeiro título da súa andaina: Coa man esquerda, de Xabier Quiroga.
Club de lectura
Estrea do Club de Lectura de Persoas Adultas
Co inicio do curso, retoman a súa actividade os nosos Clubs de Lectura, que están a ter unha grande acollida por parte do alumnado dos diferentes cursos. E con esa mesma intención, a de facer comunidade arredor dos libros e da lectura, bota a andar neste outono un "Club de lectura para persoas adultas".
En que consiste?
En ler un libro e compartir esa lectura en grupo nunha reunión na que se intercambian impresións e valoracións dende as nosas experiencias e inquietudes. Non fai falla ser un experto lector, mais si ter vontade de ler e facer do libro un punto de partida que pode acoller o encontro cos autores e as autoras, o visionado dunha película, unha saída, etc.
Quen pode participar?
As familias, o profesorado, o persoal non docente, os ex-alumnos e alumnas e, en xeral, a veciñanza.
Como se fai a inscrición?
Enviando un correo cos nosos datos a ies.avelina.valladares@edu.xunta.gal ou a dalleqdalle@edu.xunta.gal (coordinador: Aleixo).
Un curso... e un verán de lecturas!
Como cada curso, a Biblioteca foi o lugar de encontro dos lectores e as lectoras, especialmente, dos mozos e das mozas que forman os nosos Clubs de Lectura. Cada sesión foi unha descuberta, unha celebración dos libro e un momento de convivencia para compartir as lecturas que a profesora Mónica Souto coordinou coa colaboración de Rosario, Lurdes, Patricia, Chus, Ana e Román. A perspectiva da diversidade, a inclusión, a igualdade ou a memoria... estiveron presentes a través dos versos, os relatos e o teatro, e dos xogos, os desafíos, a creatividade, que tamén estiveron presentes nas lecturas das materias de Lingua Castelá, Lingua Galega, Filosofia, Educación Plástica, Historia...
Este xoves 20 de xuño era o día da súa festa, e ao igual ca nos anos pasados, o Recreo Cultural acolleu unha despedida, que foi moito máis ca iso grazas á proposta excepcional de Javier e Laura, Catro Elefantes, que son quen de converter as lecturas do curso (ver ficheiros anexos) en xogos moi dinámicos e creativos que cativaron a rapazada dos clubs. Formáronse dous equipos que tiveron que superar sete probas. Para superalas, tiñan que procurar pistas como a "morea d letras", continuar un poema, facer un puzzle, debuxar un cómic representando unha emoción, facer unha figura de arxila representando algo que os motivase ou algunha emoción. Houbo tempo libre para o deporte e ata para unha minisesión de maquillaxe. E, despois do xantar, uns merecidos agasallos e aínda máis deporte e ata piscina. Grazas a Mónica Mato, Patricia, Rosario, Matilde, Beatriz e Catro Elefantes por acompañalos e facer posible esta bonita xornada.
Mais esta non foi unha despedida, apenas un punto e á parte para os clubs, que voltan en setembro, e un punto e seguido para entrar na estación máis lectora do ano. Como vén sendo costume, as Bibliotecas dos IES Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº 1 achégannos as súas recomendacións lectoras para o verán. Gocemos das vacacións e un verán lector!
Recomendacións Lectoras (verán 2024) de Román Landín
Un brinde pola poesía
A sesión do pasado martes 21 de maio do clube de lectura centrouse na poesía e, concretamente, na obra Esto y ESO, de Raúl Vacas. Este autor pretende amosar que "calquera cousa, por estraña ou banal que sexa, pode ser un poema". Isto puideron comprobalo os alumnos da man da profesora Chus Pato. Así, acercáronse á poesía deste autor facendo lecturas expresivas e dramatizadas, elaborando caligramas e, incluso, converténdose en verdadeiros poetas ao compoñer o seu propio poema, "Un brinde do clube de lectura".
A mitoloxía a través de Ovidio e a as artes
A mitoloxía clásica centrou a sesión do club de lectura do pasado martes 30 de abril, que coordinou a profesora Ana Mella. A lectura das Metamorfoses de Ovidio serviu de introdución para analizar os grandes temas da mitoloxía grecorromana: a orixe do mundo, o panteón grecorromano dos deuses e deusas do Olimpo, os castigos eternos, os mitos amorosos, as metamorfoses, o concepto de monomito e as aventuras.
A partir das historias que aparecen an obra de Ovidio, e co apoio das diapositivas e de tarxetas que contiñan reproducións mitolóxicas en obras artísticas, as alumnas centráronse nas que lles pareceron as máis interesantes. Foi entón cando na nosa biblioteca cobraron corpo mitos como o de Saturno devorando ao seu fillo, Prometeo e o lume sagrado, os amores de Orfeo e Eurídice, de Venus e Marte, de Apolo e Dafne ou a aventura de Perseo e a gorgona Medusa, baixo a atenta mirada de grandes pintores coma Velázquez, Rubens, Goya ou escultores como Bernini.
A acrópole na aula
Na derradeira sesión do noso clube de lectura do pasado martes 16 de abril, o alumnado descubriu a mitoloxía grega.
Xuntos repasamos, a partir de obras de arte, as diferentes lendas que compoñen o imaxinario do mundo helenístico. E que a día de hoxe seguen vixentes e serven de inspiración para artistas como Alba Reche ou as Fillas de Cassandra.
Para comprenderen os mitos tiveron que identificalos nun xogo de pistas que rematou coa representación teatral das lendas máis coñecidas.
Ollar cunha ollada violeta e diversa
Campo de plumas escolma de Román Landín
Nas vésperas do Día da Poesía, o pasado 19 de marzo reunímonos baixo a coordinación da profesora Beatriz para facer un percurso poético iluminado polas cores do arco da vella da antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez publicada por Rinoceronte.
Safo, ou Safo de Lesbos, a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome, e se cadra a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome, abriunos un abano moi interesante de textos para descubrir escritores e escritoras que abordaron temáticas LGBTIQ+: Abu Nowas, Catulo, Walt Whitman, Emily Dickinson, Kavafis e Lorca.
De akelarre coas 'Meigas' de Esteban Folgar Brea
Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece. As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras. Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas! |
Historias, poesía e meigas
O pasado 9 de xaneiro reuníronse unha vez máis os clubs de lectura do noso centro para poñer en común as lecturas que fixeron nas vacacións de nadal. Por unha banda, co Día escolar pola Non-Violencia e a Paz moi próximo (30 de xaneiro), os máis novos traballaron a novela O neno do pixama a raias baixo a coordinación da profesora Rosario. O best-seller de John Boyne relata a historia de Bruno e Shmuel, dous nenos entre os que vai xurdir a amizade nas moitas tardes que pasan falando, xogando e comentando o estilo de vida de cada un a ambos lados dun arame que separa dous mundos que non chegan a comprender ben. Nun mundo no que aínda persisten moitos arames e as guerras non cesan, o alumnado imaxinou como pode ser vivir entre valos e tamén puxo imaxes á historia de Bruno e Shmuel visualizando varios fragmentos da película homónima.
Unha fogueira de versos na nosa biblioteca
O club de lectura máis noviño, o que forman os rapaces e rapazas de 1º ESO, reuniuse o pasado martes 19 de decembro ao redor da poesía. Mais non dicimos de todo ben porque, ademais de se encontraren, recitaron, xogaron, crearon e gozaron coa poesía.
O punto de encontro foi A fogueira dos versos, de Antonio García Teijeiro, un dos grandes narradores e poetas da literatura infantil e xuvenil galega. Nesta obra, o autor desenvolve, recrea e reiventa versos doutros autores para construír unha obra nova.
E así fixeron os nosos lectores: recitaron cadanseu poema escollido, escoitaron recitar a García Teijeiro, completaron o final dunha estrofa do poeta, ordenaron versos do seu poemario, crearon estrofas do libro Recendo de aire sonoro nun cartafol e, finalmente, compuxeron versos con imaxes nun caderno titulado Bicos.
María e mais nós
En María e mais eu (El Patito Editorial en galego e Astiberri en castelán) Miguel Gallardo, afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, convídanos a poñernos na pel dela para que, a través dos seus debuxos, aceptemos que todas as nenas e todos os nenos que son coma ela son únicos, coma todos os demais.
Esta foi a mensaxe que compartimos no club de lectura dos máis novos o pasado martes 5 de decembro na biblioteca con motivo da celebración do Día Internacional da Diversidade Funcional.
A profesora Patricia desenvolveu un obradoiro no que, por medio de diferentes dinámicas e xogos, comprendemos o que é a diversidade funcional e que existen unhas barreiras psicolóxicas que debemos superar para desterrar unha palabra, "discapacidade", que xa non queremos no noso vocabulario.
Locura, un elogio a la diferencia
O pasado martes 5 de decembro, o club de lectura de 3º e 4º ESO reuniuse para poñer en común de Locura, un elogio a la diferencia, un cómic guionizado por José Valenzuela e ilustrado por Alfredo Borés.
A obra trata a saúde mental a través dos testemuños de diversos pacientes que narran a súa historia dende unha visión metafórica, facendo uso de elementos oníricos, escenarios moi descritivos, monólogos, etc. Trátase dunha obra que axuda a entender non só aos que padecen os síntomas, senón aos familiares que os rodean, aos médicos que os tratan, e á sociedade en xeral.
Coordinadas por Lurdes, a orientadora do noso centro, as alumnas participantes no club de lectura fixeron a reflexión desta obra a través dunha actividade na que debían decidir sobre a vinculación de certos “síntomas” con algún trastorno mental. A súa opinión quedou reflectida na silueta dunha barca, elemento que o cómic utiliza de xeito metafórico. Foi esta unha tarefa nada sinxela, precisamente polos tópicos que existen acerca de certos diagnósticos e ao seu descoñecemento.
Presentación dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro
O martes 10 de outubro presentáronse o Grupo de Teatro e os Clubs de Lectura "A Carballeira", que xa coñecen os primeiros títulos do curso.
Por unha banda, da man de Rosario, a profesora de Xeografía e Historia, as participantes lerán Locura, un elogio de la diferencia, de José Valenzuela e Alfredo Borés, unha porta aberta para coñecer e descubrir máis sobre a saúde mental e a vontade de saber por que existe tanta confusión arredor deste tema.
Por outro lado, o Departamento de Orientación, con Patricia e Lourdes, guiarán o que xa é un clásico da banda deseñada, María y yo, que nos achega o autismo a través dunha ollada delicada, sensible e divertida coa que o autor, Miguel Gallardo, nos mostra a relación feliz que mantén coa súa filla María.
Festa de despedida de curso dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro
Onte, derradeiro día do curso 22-23, celebramos a festa de despedida dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro no Recreo Cultural. Tiñamos que festexar un ano de moitos libros, de ensaios, de representacións...
Foi un ano de lecturas compartidas dende a perspectiva da diversidade, da integración, da igualdade e da memoria e que, unha vez máis de forma excepcional, Javier e Laura de Catro Elefantes souberon transformar en intensos xogos dinámicos e creativos que requiriron toda a nosa atención e volver transitar polas páxinas dos libros de todo o curso (ver materiais nos ficheiros adxuntos), aos que lles sumamos para esta ocasión a lectura de Os seres invisibles, de Emma Pedreira, e O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas.
Despois, houbo tempo para o xantar colectivo, o primeiro mergullo do verán nas piscinas e os merecidos libros de agasallo que as profesoras Mónica, Patricia, Lurdes e Bea repartiron entre os rapaces e rapazas que forman parte de dúas das actividades máis gratificantes e enriquecedoras que se desenvolven no centro da man do Equipo da Biblioteca.
Gozade das vacacións e dun verán lector. Vémonos á volta!
Contra todas as violencias
Cemiterio de barcos, de Francisco Castro, foi a lectura escollida para pechar o curso polo Club de Lectura o alumnado de 3º e 4º ESO no martes 6 de xuño. Tres foron os temas que tratamos nesta sesión do club: a Guerra Civil, o machismo e as drogas. Léronse diferentes textos do libro nos que se reflectían estes temas.
A partir das diferentes intervencións, decidiuse elaborar uns vídeos nos que buscarían testemuñas no seu contorno que lles falasen dos caciques, os golpistas, da posguerra…, ou calquera outra historia que acontecese a algún antepasado relacionado cun dos temas do libro: o legado que aínda pervive.
Relatos sobre o acoso escolar
Mamá, quero ser Ziggy Stardust
As memorias urxentes d'O derradeiro libro de Emma Olsen
A semana pasada tivemos a sorte de coñecer de conversar con Berta Dávila, que se achegou ao noso centro para manter un encontro co alumnado de 3º ESO arredor, sobre todo, da novela Un elefante na sala de estar, lectura da materia de lingua galega. Xa entón puidemos coñecer de primeira man como se achega a autora á materia literaria e á vida e como, dende a sensibilidade e o lirismo, desenvolve unha capacidade extraordinaria para envolvernos na historia dos seus personaxes.
Algo semellante nos aconteceu con O derradeiro libro de Emma Olsen, a novela de Berta Dávila que Pablo Prado adaptou e ilustrou como novela gráfica. Emma Olsen, a protagonista, é unha escritora premiada que aos 40 anos regresa á pequena vila natal de Faith, no medio oeste americano, para enfrontarse a un cancro terminal e para voltar a vista atrás na ollada da adolescente que foi.
Encontro coa escritora Berta Dávila
Hoxe, martes 6 de febreiro, tivemos a fortuna de recibir na Biblioteca a escritora Berta Dávila.
A autora mantivo un encontro co alumnado de 3º de ESO para falar do seu libro Un elefante na sala de estar, que leran no primeiro trimestre, e mais co alumnado do Club de Lectura de 3º e 4º ESO, que leu a novela gráfica O derradeiro libro de Emma Olsen, adaptado e ilustrado por Pablo padro a partir da novela homónima da escritora.
Brais, Noemi e Carla foron os encargados de conducir o coloquio, achegando unhas breves notas biobibliográficas da autora e introducindo as primeiras preguntas.
Ao encontro da(s) memoria(s)
O alumnado de 3º e 4º ESO que forma parte dos Clubs de Lectura reuniuse o martes 20 de decembro para poñer en común a primeira das lecturas do Club Memoria(s), que se achegará a través de diversos formatos e perspectivas (ficcionais ou biográficas) á recuperación da memoria entendida nun sentido amplo (a democrática-histórica; a dos movementos sociais; a dos pioneiros e pioneiras nos máis diversos campos: ciencia, dereitos humanos, sexualidade, etc.).
Baixo a coordinación da profesora Rosario Blanco, e a colaboración dos profesores Román, Beatriz, Mónica Mato e Mónica Places, o grupo estreouse coa novela gráfica Jamás tendré 20 años, de Jaime Martín, unha historia real baseada na vida dos seus avós, que se coñeceron en 1936, antes da chegada da barbarie e a espiral de destrución da Guerra Civil e a represión franquista. Ao igual que nesta obra, na que unha historia de amor se ve intimamente ligada a historia colectiva, o alumnado e o profesorado participantes rescataron memorias familiares de persecución, morte, pobreza e penurias morais e físicas que, malia todo, non puideron apagar a alegría, a tenrura, a dignidade e o humor. Estas foron algunhas das temáticas e aspectos da lectura que fomos comentando co apoio das imaxes (presentación).
Visibilizar a diversidade afectivo-sexual
A novela 22 segundos, de Eva Mejuto (presentación de apoio), foi escollida para comezar a andaina do Club de Lectura Igualdade, cuxas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual.
Nesta primeira xuntanza do 20 de decembro, que reuniu un dos grupos de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, foi coordinado pola profesora Mónica Places coa colaboración de Beatriz e Mónica Mato, e na conversa tratouse a realidade que vive a mocidade trans, que medrou sen referentes e que compartiron as súas experiencias coa autora. O coloquio foi enriquecedor e as persoas asistentes foron quen de, dende a empatía e o respecto, aproximarse ás vivencias daquelas personas que non encaixan nos moldes sociales preestablecidos e que teñen experiencias de vida diversas, especialmente nunha etapa da vida na que se suceden máis mudanzas e que se vive con maior intensidade.
Unha historia -real- sobre o acoso escolar
Subnormal foi a primeira lectura que reuniu o primeiro dos grupos do alumnado de 1º e 2º ESO. A novela gráfica de Fernando Llor e Miguel Porto relata a historia real de bullying que sufriu o ex-xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta durante a súa escolarización. A súa altura e forza física non serviron de nada ante a manda dos acosadores, que o levaron ao bordo da morte, como el mesmo conta neste impactante vídeo.
En dúas sesións consecutivas (13 e 20 de decembro), os mozos e mozas do club, coordinados pola nosa orientadora, Lurdes, e coa colaboración de Román, puxeron en común a lectura, analizaron a historia poñéndoa en relación coa escaleira do acoso escolar e fixeron un mural no que plasmaron todas aquelas accións que nos axudan a rachar coa lei do silencio.
Presentación dos clubs de lectura
Un total de 29 alumnos e alumnas responderon á convocatoria dos clubs de lectura que realizou a Biblioteca do centro ao longo deste mes de outubro, que foi reforzada polo profesorado implicado nas aulas e tamén a través da cartelaría nos corredores e na cafetería. O martes 25 reunímonos para coñecérmonos mellor, intercambiar as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como as primeiras impresións sobre os títulos escollidos para iniciar a nosa andaina no curso 2022-2023.
|