Historias, poesía e meigas

23-24 Club de Lectura O neno do pixama a raias (09-02-24)

O pasado 9 de xaneiro reuníronse unha vez máis os clubs de lectura do noso centro para poñer en común as lecturas que fixeron nas vacacións de nadal. Por unha banda, co Día escolar pola Non-Violencia e a Paz moi próximo (30 de xaneiro), os máis novos traballaron a novela O neno do pixama a raias baixo a coordinación da profesora Rosario. O best-seller de John Boyne relata a historia de Bruno e Shmuel, dous nenos entre os que vai xurdir a amizade nas moitas tardes que pasan falando, xogando e comentando o estilo de vida de cada un a ambos lados dun arame que separa dous mundos que non chegan a comprender ben. Nun mundo no que aínda persisten moitos arames e as guerras non cesan, o alumnado imaxinou como pode ser vivir entre valos e tamén puxo imaxes á historia de Bruno e Shmuel visualizando varios fragmentos da película homónima. 

23-24 Club de Poesía (09-02-24)

Por outra banda, as alumnas que conforman o Club de Lectura de 3º ESO reuníronse ao redor da poesía cos profesores Román e Beatriz a partir dunha antoloxía de poemas de María Lado, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Antía Otero e Tamara Andrés, que tamén saíron ao encontro de Guadi Galego, Massive Attack, Radiohead ou Fanny & Alexander. Houbo tempo para o recitado, para gozar da conexión entre a música e a palabra na voz das propias escritoras e aínda máis para facer origami a partir da "Pajarita de papel" de Federico García Lorca e os lindos e enxeñosos "poemóviles" de Fabiola Garrido.

Para rematar ambas sesións, os mozos e as mozas de ambos clubs recibiron un exemplar de Meigas, novela de Esteban Folgar Brea, que nos presenta unhas bruxas moi destes tempos de hoxe..., xa veredes"! Esteban Folgar é, ademais de escritor, profesor de Lingua Castelá no noso centro veciño, o IES Losada Diéguez, e xa ten colaborado connosco impartindo obradoiros de escrita creativa e nos encontros  de formación en debate entre ambos centros. 

AdxuntoTamaño
Escolma_Poesía_Club_Carballeira_N1Estrada.pdf35.53 MB