O club de lectura máis noviño, o que forman os rapaces e rapazas de 1º ESO, reuniuse o pasado martes 19 de decembro ao redor da poesía. Mais non dicimos de todo ben porque, ademais de se encontraren, recitaron, xogaron, crearon e gozaron coa poesía.
O punto de encontro foi A fogueira dos versos, de Antonio García Teijeiro, un dos grandes narradores e poetas da literatura infantil e xuvenil galega. Nesta obra, o autor desenvolve, recrea e reiventa versos doutros autores para construír unha obra nova.
E así fixeron os nosos lectores: recitaron cadanseu poema escollido, escoitaron recitar a García Teijeiro, completaron o final dunha estrofa do poeta, ordenaron versos do seu poemario, crearon estrofas do libro Recendo de aire sonoro nun cartafol e, finalmente, compuxeron versos con imaxes nun caderno titulado Bicos.
Estas foron as dinámicas que envolveron uns mozos e mozas que xa apuntan maneiras artísticas. As imaxes dan boa conta diso.