En María e mais eu (El Patito Editorial en galego e Astiberri en castelán) Miguel Gallardo, afeito a se comunicar visualmente coa súa filla María, convídanos a poñernos na pel dela para que, a través dos seus debuxos, aceptemos que todas as nenas e todos os nenos que son coma ela son únicos, coma todos os demais.
Esta foi a mensaxe que compartimos no club de lectura dos máis novos o pasado martes 5 de decembro na biblioteca con motivo da celebración do Día Internacional da Diversidade Funcional.
A profesora Patricia desenvolveu un obradoiro no que, por medio de diferentes dinámicas e xogos, comprendemos o que é a diversidade funcional e que existen unhas barreiras psicolóxicas que debemos superar para desterrar unha palabra, "discapacidade", que xa non queremos no noso vocabulario.
Ademais, achegámonos xogando a diferentes sistemas de comunicación coma os que emprega María Gallardo para se comunicar. O braille, a linguaxe de signos e os pictogramas demostráronnos que somos seres visuais e que o contexto no que nos movemos no día a día é o mesmo para todos e para todas. E aí tamén nos manifestamos como María, que non é tan distante nin tan fría, senón tamén emocionais e cariñosos.