Actividades Dinamización

Inauguración da exposición sobre García Barros

A mostra “Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento”, que estivo exposta na Casa das Letras da Estrada, continúa o seu periplo polos centros escolares do municipio, e desta volta chegou ao noso IES, ao Nº1. E así, todo o alumnado e profesorado do Nº1 poderá contemplar os paneis sobre o autor  estradense, situados no corredor da última planta. O comisario da exposición, o profesor Carlos Loureiro, será o encargado de presentárllela proximamente aos nosos alumnos e alumnas, e logo emprenderá viaxe cara aos demais centros educativos da localidade.

2022 10 expo garcía barros  (6)2.jpg

Apertura da Biblioteca no novo curso 22-23

22-23 apertura da biblioteca

O pasado mércores tivo lugar a inauguración da Biblioteca para o novo alumnado de 1º ESO. De maneira simbólica, un alumno cortou a cinta que nos permitiu entrar neste espazo de encontro coa lectura. Logo de atender ás explicacións de como se organizan os libros e de facer algún exercicio de busca, o alumnado foi agasallado cunha pequena festa, na que non faltou o tradicional chocolate con churros. 

O equipo da Biblio só desexa que, a partir de agora, os alumnos e alumnas veñan con frecuencia para desfrutar de todo o material que ofrece.

ÁLBUM COAS IMAXES DO ACTO

Festa do Club de Lectura

O club de lectura retomou neste curso unha actividade xa tradicional no noso centro: a festa no Recreo Cultural!

Todos os que participastes, ao longo do curso, desas lecturas que nos fan nómades, que nos permiten viaxar por lugares e tempos... sen saírmos da casa, puidestes desfrutar dun día extraordinario grazas a Catro elefantes, grazas a Andrea e Julio, que desde o primeiro momento souberon atraparvos cunha volta aos libros deste ano, e foron tecendo e destecendo actividades, xogos para todos e todas vós.

O día foi intenso: andaina, xogos de preguntas e respostas, xogos de pistas, sopas de letras... e a procura do acougo coas acuarelas. E despois, mergullarse nas piscinas, o xantar cos amigos e amigas, e os agasallos que as coordinadoras do club escolleron para cada un e cada unha de vós.

Agora toca descansar, encherse da enerxía do sol e do verán... e vir con forzas renovadas para enfrontar o novo curso. 

Vémonos pronto... que as profes xa andan argallando novas lecturas para o próximo ano!

21-22 Festa Club de Lectura

Unha alumna do IES, gañadora nun concurso de videopoemas

O pasado sábado a alumna de 4º de ESO Hiba Lajouad Dyani veu de gañar con este vídeo o concurso de videopoemas organizado pola Casa-Museo Manuel María, que vai xa pola V edición. O xurado seleccionou o seu traballo para a fase finalista de entre máis de 80 presentados, que representaban a alumnado de ESO, bacharelato e ciclos de centros de toda Galiza. 

21-22 premios manuel maría Rosalía

A xornada final, que se  celebrou este sábado, comezou ás 11 horas co visionado dos videopoemas finalistas e finalizou coa entrega dos premios aos dous traballos gañadores, entre o que se atopaba o da nosa alumna Hiba. 

O acto foi moi emocionante, e para nós rematou do mellor xeito posible. Ademais, as persoas asistentes a esta actividade tivemos a posibilidade de facer unha visita guiada á Casa-Museo e descubrir a figura de Manuel María e o seu acervo.

 

 

Así que o IES Nº1 agradece, unha vez máis, o traballo do noso alumnado e anima a todos e todas a seguir potenciando o seu talento.

 E neste enlace podedes ver tamén o outro traballo gañador, dunha alumna do CPI de Xanceda: (40) Parte miña - YouTube

 

Intercambio Courel - Canón do Sil

 O 28 e 29 de abril o alumnado de 2º de ESO participou no INTERCAMBIO COUREL-CAÑÓN DO SIL dentro das actividades complementarias da materia de Paisaxe e Sustentabilidade, grazas ao patrocinio do PROXECTO TERRA, co que colaboramos.

O xoves 28 visitamos o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico de Quiroga, e xa á tardiña fixemos o roteiro cara á Lagoa de Lucenza - Fervenza de Vieiros.

O venres 29 disfrutamos dunha visita guiada ao Mirador de Campodola e á Alvariza da Granxa en Santa Eufemia e achegámonos ata a falla de Santa Eufemia, singular punto de interese do Xeoparque.

Pola tarde, dirixímonos á Ribeira Sacra, ao embarcadoiro de Doade, para percorrer o Canón do Sil en catamarán.

 Unha excursión estupenda que o alumnado disfrutou!!!

Agradecemos especialmente o labor de Guillermo e Iván, os dous magníficos guías de COUROLEANDO. Con eles aprendimos as singularidades do noso territorio, disfrutamos desa contorna con magníficas paisaxes e pasamos uns agradables momentos, combinando o lecer coa aprendizaxe.

 

21-22 Excursión de 2° a Courel - Ribeira Sacra

Excursión ao Museo do Pobo Galego e ao Museo de Historia Natural

Este martes tocou saída para o alumnado de 1º de ESO. As aulas trasladáronse á cidade de Santiago de Compostela, e alí, con guías especializados, fixeron un curso intensivo de ciencias naturais, de historia e de galego. 

Comezaron no Museo de Historia Natural, onde aprenderon a valorar a biodiversidade, a entender os perigos do cambio climático e a recoñecer o xénero e a especie dos distintos animais. Foron dúas horas que pasaron rapidamente, porque as actividades eran moi didácticas e o museo preséntao todo dunha maneira tan visual, que as explicacións entraban "polos ollos". E o comportamento do alumnado... fantástico!

De aí marchamos a pé cara ao Museo do Pobo Galego (algo de chuvia, camiñata cos amigos e un tempiño para o descanso e recobrar forzas). No Museo puidemos aprender algo da súa historia e ver as magníficas salas que amosan os modos de vida da sociedade galega; é importante coñecer o pasado para entender o presente... Alí, organizados en grupos, resolvemos un xogo de pistas e... camiñata de novo.

Xa case eran as tres cando chegamos para xantar. Comida, tempiño de lecer... e volta ao IES. 

21-22 Excursión ao Museo da Ciencia e ao Museo Galego

Roteiro Camiñando Camiñando

O martes á tardiña, o alumnado de 1º de ESO puido coñecer de primeira man os espazos vitais máis importantes para un escritor de noso: Xosé Luna.

O propio autor nos acompañou nesta andaina, adobiada cos seus versos, na voz das profesoras e alumnos e alumnas do IES.

Foi unha fermosa maneira de adiantarnos ao Día da Poesía, que se conmemora o próximo 21 de marzo.

 

 

 

roteiro 2022  (4)

 

 

Mans de Muller - 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora

O día 8 de marzo foi o Día da Muller. O IES N1 súmase á celebración, con diversas actividades que tratan de inculcar no alumnado os valores da igualdade, a equidade, a xustiza, en que participan os departamentos de Biblioteca, Extraescolares e Dinamización.
Pero tamén, desde a sensibilidade artística, poñemos de manifesto o empoderamento da muller, con este fantástico traballo do departamento de Plástica, que parte da ollada sensible cara ás mulleres que nos rodean. Son as nosas nais, avoas, irmás ou veciñas. Son mans e rostros que arrastran historias pasadas para facelas presente. Son mans e rostros de luz, para a celebración da Muller. 
  Mans de muller

dia da muller traballadora 720

BO NADAL - Este ano toca Nadal

O IES Nº 1 da Estrada deséxalles unhas Boas Festas e un Feliz Ano Novo.

Ademais, queremos agradecer o labor da alumna Uxía Seoane, que aínda quita tempo para agasallarnos con este vídeo de felicitación, cheo de esperanza e de bos desexos para estes tempos de incertezas.

Moitas grazas e parabéns, Uxía.

Voltamos o 10 de xaneiro!

Concurso de Foto - Poesía LEBRES COMO GACELAS - XELA ARIAS

O IES Nº 1 foi galardoado co 1º Premio na Categoría de Centros e con dous premios individuais no concurso organizado pola Deputación de Pontevedra para homenaxear a figura de Xela Arias.
A nivel individual, concedéronnos un 1º premio para a alumna Helena Castaño e un accésit para Hiba Lajouad.
Parabéns a estas magníficas rapazas e tamén a todos os mozos e mozas que participastes no concurso coas vosas creacións, dunha calidade excelente, merecedora tamén de premio. 
A poesía de Xela Arias late nestas novas voces que entrelazaron maxicamente a palabra e a imaxe, como xa fixera noutrora a ousada poeta no seu libro máis transgresor Tigres coma cabalos
Se picades aquí, poderedes ler a noticia do xornal Faro de Vigo, que recolle a entrega do galardón.
E moito máis importante, aquí tedes a montaxe que recolle todas as vosas creacións.
Desfrutade delas! 
 

DÍA DE ROSALÍA, 2021

Debido ás restricións sanitarias por mor da pandemia que estamos a sufrir, a conmemoración do Día de Rosalía trasladámola ás redes sociais, mantendo o mesmo fin de lembrar a nosa poeta e todos os valores de rebeldía, amor á Terra, compromiso coas emancipacións e celebración da vida que ela representa. E moitas cousas máis das que nos gustaría que nos falases ti para encher un minuto co tema que desexes sobre esta escritora que tanto nos di cos seus versos.
Pedímosche que graves unha intervención de menos de 60 segundos e que nola envíes ao correo da nosa páxina web: redaccion@tabeirosmontes.com, ou que nola fagas chegar por calquera outro medio até o venres 19 de febreiro co fin de publicar nas redes sociais e na web www.tabeirosmontes.com o día 24 todas as achegas. Estas actividades rematarán coa lectura do manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega ás 20:00 h. a través das nosas

 

Samaín Pandémico no IES Nº 1

Quen dixo medo?

Nestes tempos de pandemia, as actividades do IES Nº 1 van collendo rumbo, amodiño pero con paso firme. E o noso alumnado, coma sempre, responde ás nosas propostas con orixinalidade e creatividade.

Este vídeo recolle os vosos traballos. De seguro que vos vai encantar!

 

Parabéns a todos e graciñas por colaborar!

 

Enquisa Sociolingüística

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do  IES Nº1 da Estrada estamos a facer unha actualización da realidade sociolingüística do noso centro, e para iso precisamos da túa colaboración cumprimentando unha breve enquisa.  Grazas pola colaboración!

ANDREA MACEIRAS VISITA O NOSO IES

Este martes, día 13 de novembro,  a escritora Andrea Maceiras tivo un  encontro co alumnado de 3º e 4º da ESO para falar da novela “O que sei do silencio”,  que trata sobre acoso escolar. A autora confesou que era a primeira vez que falaba desta obra con lectores e lectoras de secundaria por ter sido publicada moi recentemente e que quedou finalista do Premio Raíña Lupa 2017.

escritora 1

 

andrea maceiras 3

Videoconect@s

ACTIVIDADE CONXUNTA  DE DINAMIZAESTRADA, O EQUIPO DE COORDINADORAS E COORDINADORES DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DOS CENTROS EDUCATIVOS DO CONCELLO DA ESTRADA

 

Por primeira vez neste curso, Dinamizaestrada organiza esta actividade que pretende comunicar os distintos centros de ensino da Estrada a través das novas tecnoloxías empregando como lingua de comunicación o galego.

A actividade consistiu nunha videoconferenza que se impartiu desde o  noso centro e se difundiu para o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos Colexios de Oca e de Vea.

Festa das palabras, 2018

Día de Rosalía - A Estrada 2018

Aquí vos deixamos o vídeo do Día de Rosalía que este ano fixemos dende o Concello da Estrada contando coas achegas de moitxs amigxs. Rosalía en 18 linguas en fragmentos de vídeo chegados dende Glasgow, Leiden, Fuerteventura, Turaif, Dubai, Copacabana, Polonia, Japón, Jerez, Munich, Venecia, Guanzhou, Tailandia, Los Angeles, París, Portugal, Bos Aires, Granada, Inglaterra, Irlanda, Rep. Checa, Suíza, e como non podía ser doutra forma dende todos os centros educativos do Concello da Estrada cunha produción de Lucas Terceiro. Un videoclip que trata de poñer en valor a proxección universal da obra de Rosalía a través secuencias fragmentadas en distintas linguas e imaxes chegadas de moitos puntos do planeta.