En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de montaxes audiovisuais e caligramas que foron expostos na entrada da Biblioteca. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos.
Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.
Así mesmo, Adriana e Iria acudiron nesta mañá de sábado ao programa "Recuncho da Lingua" de Radio Estrada dedicado a Rosalía de Castro para establecer unha relación entre a poeta padronesa e Avelina Valladares, a autora de Berres que foi reinvindicada por elas e mais por Isabel Rei Samartím, musicóloga e profesora do Conservatorio de Música de Santiago de Compostela.
Pode escoitalas a partir do minuto 28'30''.