Blog A Pedra
EXCURSIÓN GALIPARK
Enviado por Anónimo o Dom, 18/06/2023 - 15:49O pasado 5 de xuño, o alumnado de 5º de primaria fomos de excursión a Padrón para gozar dunha divertida xornada no Parque Multiaventura Galipark.
Visualizade o vídeo e comprobaredes o ben que o pasamos!!!
SAÍDA A SANTIAGO DE COMPOSTELA
Enviado por Anónimo o Dom, 18/06/2023 - 14:17O pasado 23 de maio, o alumnado de 5º de primaria fomos de excursión a Santiago de Compostela.
Comezamos o día cunha visita moi especial, a MeteoGalicia, onde aprendemos moitas cousas sobre meteoroloxía e aparatos meteorolóxicos. Tamén puidemos ver un vídeo do lanzamento dunha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, proporciona información sobre o estado da atmosfera. Ademais, visitamos a sala de Predición Operativa, onde nos explicaron as ideas básicas da predición meteorolóxica e onde tivemos a gran sorte de escoitar en directo a predición do tempo para unha cadea de radio.
Continuamos a nosa excursión cunha visita ao Museo da Historia Natural, onde fixemos un percorrido polas salas expositivas con explicacións dun guía especializado.
Para finalizar o día, visitamos a fermosa Praza do Obradoiro, onde puidemos ver a Catedral de Santiago de Compostela.
Sen dúbida, foi un día moi completo e pasámolo xenial!!
ROTEIRO Á PRAIA DE PORTOMAIOR
Enviado por Ainhoa Suarez o Xov, 15/06/2023 - 14:36Onte fixemos un pequeno roteiro de sendeirismo ata a praia de Portomaior. Saímos do cole á primeira hora da mañá, e comezamos vendo o peirao de Bueu. A profe Ami foinos explicando como era esa parte do noso pobo anos atrás, e descubrimos que había unha praia que ía dende Pescadoira ata a banda do río!
Despois pasamos polo clube de remo e baixamos á primeira praia: Petis. Alí comezamos a recollida de lixo, e comezamos a darnos conta da cantidade de cousas que algunhas persoas tiran ao chan, contaminando así o noso entorno natural.
Continuamos a camiñata pola praia de Loureiro, onde descubrimos unha rocha partida á metade, que marca a fronteira entre Bueu e Cela; e seguimos cruzando Agrelo ata chegar a Portomaior. Cando chegamos alí xa xuntaramos tres bolsas cheas de lixo!
Unha vez alí puidemos merendar e repoñer forzas para escoitar a interesante charla que nos deu Suso, da asociación ecoloxista ANDUXÍA. El explicounos un montón de cousas sobre o ecosistema da duna, aínda que despois do proxecto que estudamos este curso, había algunhas que xa coñeciamos.
Por último, o profe Jose Ángel preparounos algúns xogos na area. Acabamos moi moi cansos, pero pasámolo xenial.
Visita ao composteiro municipal
Enviado por Susi Fernandez o Xov, 15/06/2023 - 09:46Hoxe, a rapazada de 4º realizamos a visita comentada e guiada ao composteiro municipal onde observamos o proceso da compostaxe no contexto veciñal. Foi moi interesante e educativo ver as diferencias dese composteiro co do noso cole.
Explicáronnos o traballo da Mestra composteira que vixila o bo funcionamento do proceso. Tamén nos concienciamos da importancia dunha boa reciclaxe.
Dos nosos actos depende o futuro do noso planeta!
Antonio García Teijeiro
Enviado por Susi Fernandez o Xov, 08/06/2023 - 21:12Hoxe o alumnado de 4º tivemos a sorte de recibir a visita do autor do libro "No xardín do poeta", Antonio García Teijeiro. Veu a dinamizar esa obra, homenaxe ao seu autor favorito e de referencia, Federico García Lorca.
Recitamos en coral varios poemas do libro, tivemos que facer memoria para rematar os versos que el ía lendo, e entonamos por turnos algúns versos.
Despois de contestar todas as nosas preguntas, asinou un a un os nosos libros.
Nos vídeos seguintes podedes comprobar o ben que o fixemos e o divertido que foi:
Sesión de autógrafos:
ENCÁNTANOS A METEOROLOXÍA!!
Enviado por Macu Rodríguez o Mér, 07/06/2023 - 23:00VOLVEMOS SER METEORÓLOGXS!!!
Este curso volvemos traballar no eido da METEOROLOXÍA! Tocounos volver investigar o tempo atmosférico e tomar nota das temperaturas, a presión atmosférica, a humidade, as precipitacións...
E, como xa estamos en 2º, este curso fixémolo por partida triple, en tres épocas diferentes: en decembro, en abril e entre maio e xuño.
En canto entrabamos na escola a primeira hora da mañá, iamos á caseta meteorolóxica e tomabamos nota dos datos das medicións e, inmediatamente, nos dirixiamos ao PANEL DAS METEOESCOLAS que temos no corredor do BIBLIOCASTELO, para rexistrar a información.
Nas primeiras semanas de decembro, cando chegou a primeira quenda, puxémonos mans á obra!! E para facelo, volvemos repasar conceptos.
· TEMPERATURAS: mídeas o termómetro en graos centígrados.
o MÁXIMA: a máis alta. Acádase a iso do mediodía. Como visitamos a caseta meteorolóxica a primeira hora da mañá, temos que apuntala no rexistro do día anterior!!!
o MÍNIMA: a máis baixa. Prodúcese de madrugada. Esta si que a anotamos no día presente!!!
· PRESIÓN ATMOSFÉRICA: que é a forza que exerce o aire sobre a superficie da Terra. Rexístrase no barómetro e mídese en milibares.
· HUMIDADE: rexístraa o higrómetro e mídese en porcentaxes; por exemplo, o 70%.
· PRECIPITACIÓNS: recóllense no pluviómetro e medímolas en mililitros.
ENCÁNTANOS ESTA TAREFA!!!
Durante a última quincena de abril repetimos experiencia e resulta curiosísimo destacar que en ambas ocasións se deron circunstancias meteorolóxicas totalmente distintas na primeira semana de medicións que na segunda.
Na primeira parte da quincena de decembro e na primeira na de abril, as temperaturas foron estrañamente altas para a época do ano e non choveu nin unha pinga. Porén, tanto na segunda semana de decembro como na última de abril, as precipitacións foron abundantes (sobre todo entre os días 12 e 16 de decembro; tanto, que houbo algún deses días nos que non puidemos saír a medir a primeira hora porque chovía moitísimo).
Encántanos esta actividade e sérvenos para reflexionar sobre o terrible problema do cambio climático. É NECESARIO QUE TODXS TOMEMOS MOI EN SERIO QUE O PLANETA ESTÁ EN PERIGO E É RESPONSABILIDADE DE TODXS BUSCAR SOLUCIÓNS PARA COIDALO.
Como ademais nos coincidiu coa celebración do DÍA MUNDIAL DO PLANETA o día 22 de abril vimos varias curtametraxes na aula para reflexionar sobre temas relacionados con isto como o consumo de auga, a contaminación, o aforro enerxético, o uso dos plásticos...
Entre a última semana de maio e a primeira de xuño, levamos a cabo a derradeira quenda deste curso e fixádevos que curioso; outra vez sucedeu que nos últimos días choveu máis que na semana anterior, igual que nas outras dúas ocasións!!
ALGO ESTRAÑO ESTÁ A SUCEDER COA CLIMATOLOXÍA E É SÍNTOMA DO QUE LLE ACONTECE AO PLANETA.
NON PODEMOS ELUDIR QUE O SEU COIDADO É COUSA DE TODXS!!
PREMEDE NA IMAXE PARA VER AS FOTOS
OBRADOIRO DE ALFOMBRAS FLORAIS
Enviado por Anónimo o Xov, 01/06/2023 - 16:17O alumnado de 5º de primaria tivemos a sorte de contar coa visita de varios compoñentes da Asociación de Alfombristas de Bueu.
Coas súas explicacións, fomos capaces de elaborar dúas fermosas alfombras florais coa temática de Picasso.
Mirade o ben que o fixemos!!
VISITA DA AUTORA ANDREA MACEIRAS
Enviado por Anónimo o Dom, 28/05/2023 - 12:51O pasado xoves 25 de maio, tivemos a gran sorte de contar coa presenza da autora do libro “A folla azul”: ANDREA MACEIRAS.
Durante a sesión, puidemos gozar dun percorrido de tres días polo corazón da selva amazónica, poñendo a traballar a nosa imaxinación. Ademais, Andrea contestou a todas as nosas preguntas e asinou os nosos libros cunha fermosa dedicatoria.
Grazas, Andrea, por dedicarnos o teu tempo!!
CONECTA “UNIÓN EUROPEA”
Enviado por Anónimo o Dom, 28/05/2023 - 11:48Como parte do proxecto anual do noso centro "Moito máis que xogo" e dentro do noso proxecto de ciencias, o alumnado de 5º elaboramos un conecta dos países da Unión Europea.
Foi un traballo moi laborioso, debido a gran cantidade de conexións que tivemos que facer pero, sen dúbida, valeu a pena o esforzo para poder gozar do resultado final.
FORMACIÓN RADIO
Enviado por Anónimo o Dom, 28/05/2023 - 11:23No pasado mes de marzo, o alumnado de 5º de primaria, melloramos a nosa formación sobre radio con dúas charlas moi interesantes: Radio Voz e Formación en Radio Escolar.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- seguinte ›
- última »