ROTEIRO Á PRAIA DE PORTOMAIOR
Onte fixemos un pequeno roteiro de sendeirismo ata a praia de Portomaior. Saímos do cole á primeira hora da mañá, e comezamos vendo o peirao de Bueu. A profe Ami foinos explicando como era esa parte do noso pobo anos atrás, e descubrimos que había unha praia que ía dende Pescadoira ata a banda do río!
Despois pasamos polo clube de remo e baixamos á primeira praia: Petis. Alí comezamos a recollida de lixo, e comezamos a darnos conta da cantidade de cousas que algunhas persoas tiran ao chan, contaminando así o noso entorno natural.
Continuamos a camiñata pola praia de Loureiro, onde descubrimos unha rocha partida á metade, que marca a fronteira entre Bueu e Cela; e seguimos cruzando Agrelo ata chegar a Portomaior. Cando chegamos alí xa xuntaramos tres bolsas cheas de lixo!
Unha vez alí puidemos merendar e repoñer forzas para escoitar a interesante charla que nos deu Suso, da asociación ecoloxista ANDUXÍA. El explicounos un montón de cousas sobre o ecosistema da duna, aínda que despois do proxecto que estudamos este curso, había algunhas que xa coñeciamos.
Por último, o profe Jose Ángel preparounos algúns xogos na area. Acabamos moi moi cansos, pero pasámolo xenial.