Saltar navegación

5.1 - Foro

Todos os cursos Platega deben ter o foro Foro de novas ou Últimas noticias e anuncios.  Trátase dun lugar onde o profesorado coloca anuncios de carácter xeral, para todo o grupo. Todos os participantes (docentes e estudantes) están subscritos obrigatoriamente a este foro, o que significa que, ademais de poder ver as mensaxes conectándose vía Web, recibirán unha copia por correo electrónico.  Emprégase de xeito similar aos taboleiros públicos ou cortizas onde se fan públicos os anuncios de interese para todo o grupo. Só se permite un foro deste tipo por curso. No Modelo de cursos Platega aparece no tema Presentación e actividades iniciais.

Asociado a este foro vai o bloque lateral Últimas noticias, onde automáticamente aparecen ligados todos os post que a titoría ou a coordinación do curso publique nese foro.

Ademais deste foro xeral, pódense crear cantos foros necesitemos, dos seguintes tipos:

  • Foro estándar para uso xeral. É o foro típico onde un usuario pode tanto abrir un tema como achegar a súa opinión a outro xa existente. Este é o foro de uso típico.
  • Unha única discusión. É un foro normal simplificado onde se debate sobre un único tema, todo nunha páxina. Útil para debates curtos e moi concretos.
  • Cada persoa propón unha discusión: Pensado para que cada usuario abra un único tema e os demais fagan as súas achegas. Esta modalidade é útil para actividades onde se quere que un alumno presente o seu traballo e este sexa valorado e complementado polos seus compañeiros.
  • Foro de preguntas e respostas: É un modelo de foro no que o titor formula un tema ao que os alumnos deben responder. Ten a peculiaridade de que o alumno non ve as respostas dadas polos seus compañeiros ata que el non achega a súa.

Utilidade dos Foros

Son moitas as posibilidades educativas que ofrecen os foros. Podemos usalos para:

  • Exercitar o pensamento crítico e creativo, hai que educar para que as opinións se fundamenten con argumentos sólidos.
  • Permite un tratamento reflexivo que na aula pode ser máis difícil de exercitar por falta de tempo e pola "presión" dos compañeiros e compañeiras.
  • Favorecer a participación real do alumnado sen limitacións de espazo nin tempo (pódese participar fóra das aulas).
  • Coordinar traballos en equipo.
  • Educar no respecto ás persoas con opinións diferentes.
  • Aforrar tempo ao profesor cando responde unha vez as preguntas ou aclara dúbidas que poden ser xerais.
  • Potenciar a aprendizaxe entre iguais mediante a interacción.

Todas estas posibilidades educativas poden quedar diluídas se simplemente creamos o foro e damos unhas cantas instrucións para que os estudantes participen. É fundamental que o foro, como calquera outra actividade, estea integrado e sirva para a consecución dos obxectivos do curso. Por outro lado, o éxito dun foro depende en boa medida do estilo de moderación e dinamización, polo que haberá que coidar especialmente este labor para garantir un avance continuo na argumentación.

Os foros canalizan as conversas... non vale falar de calquera tema en calquera foro. Cómpre polo tanto saber localizar o foro axeitado para buscar a resposta ou a solución, cando temos preguntas ou problemas, e tamén saber elixir o foro no que plantexar a pregunta, dúbida ou problema, cando non atopamos a resposta ou solución nos foros. O enunciado e ligazón de entrada aos foros debe ser claro e orientar inequívocamente aos usuarios.

Exemplo de configuración dos foros

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)