3.1 - Glosario
Un glosario presenta un catálogo non exhaustivo de palabras relativas a unha mesma disciplina, tema..., coa súa definición e/ou comentarios. Pódese crear un glosario como un dicionario dos termos propios dos contidos que se están a estudar e estar a disposición dos participantes. Tamén se pode construír glosarios como unha enciclopedia, onde os artigos explican máis en extenso os conceptos incluídos como entradas do glosario.
A información residente nun glosario non está simplemente almacenada esperando que alguén a busque. En Moodle é posible vincular de forma automática as entradas dun glosario a outros textos introducidos no curso. Para iso a persoa administradora da aula virtual debe configurala axeitadamente (esta opción está desactivada en Platega, para non ralentizar o funcionamento xeral da plartaforma). Desta forma, cada vez que se utilice nun recurso un termo definido no glosario, Moodle inserirá e resaltará sobre fondo gris e automaticamente un hiperenlace que permitirá visualizar a explicación correspondente a ese termo no glosario. Isto denomínase autoenlace e funcionará só para textos introducidos a través de Moodle, pero non para arquivos binarios importados como recursos, por exemplo os paquetes de contidos creados con eXe.
Moodle distingue entre un glosario principal dun curso (único e só editable polo profesor), e os glosarios secundarios, dos cales pode incluír todos os que necesite e, cada un deles, facelo ou non editable polo alumnado (un curso só pode ter un glosario principal polo que se crean máis glosarios, necesariamente serán secundarios). Isto permite unha construción activa do coñecemento por parte de alumnos, non só a súa lectura pasiva. Polo tanto un glosario é tanto un colector de información material como unha posible actividade didáctica creativa e participativa.
Os glosarios teñen moito potencial didáctico e pedagóxico. Pode formularse como unha actividade realizada ao longo do curso: os participantes poden incorporar novas entradas a medida que aparecen novos termos, personaxes, datos... Deste xeito poden ir construíndo colectiva e colaborativamente o coñecemento.
Aquí podes ver un exemplo de glosario. Lembra que neste caso podes cambiar as opcións para que se axusten ao obxectivo da actividade. Lembra configurar o sistema de puntuación e de completado de actividade.
Exemplo de configuración
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0