Blogues

Recollida Solidaria de Xoguetes - Nadal 2023

Coma todos os anos, comezamos a Recollida Solidaria de Xoguetes a prol da asociación Boa Vida - Inclusión activa. Podedes facer as vosas aportacións ata o vindeiro 15 de decembro.

Lembrade que os xoguetes deben estar en bo estado e non ser sexistas nin bélicos.

   

Premios OPEN Science

Hoxe estamos de celebración. Os alumnos do Club de Ciencias Pedro Sánchez Rodríguez, Iván Mariño Soage y Manuel Alejandro Franco Garrido, titorizados polos profesores Elena Vázquez e Miguel Casado obtiveron os premios na categoría de Secundaria e de ODS 10 Reducción de desigualdades da #oscambre2022 co proxecto "A linguaxe Arduino axuda ás persoas invidentes ou daltónicas".
Parabéns!!!

Exposición "As Mates no Humor Gráfico"

Se pensas que todo o relacionado coas Matemáticas é un rollo, pásate polo noso centro e visita no vestíbulo a exposición "As Mates no Humor Gráfico", pois de seguro que botas unhas risas. Pero, apura, que xa quedan poucos días.

Aquí che deixamos un avance do que podes ver:

 

Programación Didáctica Departamento Matemáticas (curso 2021/2022)

 

Premendo sobre a imaxe que aparece debaixo destas liñas, accederá á Programación Didáctica do Departamento de Matemáticas para o presente curso académico 2021/2022.

Se desexa consultar un apartado concreto do documento, basta con que o busque no índice e prema sobre o correspondente epígrafe.

Programación Didáctica Matemáticas (2021/2022)

 

Relación libros de texto para o próximo curso 2021-22

No próximo ano manteranse a maior parte dos libros de texto deste curso, ainda que algúns foron eliminados da lista, concretamente os de Lingua Castelá e Literatura de 3º e 4º da ESO. Para facilitar a consulta incluímos unha lista dos libros por niveis.

Torrente Solidario, disponíbel nesta páxina

Desde hoxe, 31 de maio de 2021, todos os interesados no blogue Torrente Solidario, promovido polo alumnado de VoEs, poderán conectar desde a páxina do centro premendo a ligazón presente na barra á dereita da páxina. Desfrutade del.

Convocatoria do VII Certame de Fotografía Matemática

Un ano máis, o Departamento de Matemáticas do IES Gonzalo Torrente Ballester  convoca o concurso de fotografía matemática coa intención de que o alumnado aprecie ata que punto están presentes as Matemáticas na vida cotiá, ao tempo que se contribúe a que os estudantes desenvolvan a súa creatividade e competencia artística.

A temática desta convocatoria é "Xeometría ao teu Arredor", de xeito que todas as fotografías presentadas (un máximo de 2 por alumno participante) deberán levar un título no que se amose a relación existente entre a correspondente imaxe e o tema do certame.

Este concurso vai dirixido a todos os alumnos e alumnas do noso centro. Para participar e achegar as fotografías soamente haberá que encher o formulario cuxa ligazón aparece máis abaixo, accedendo a el coa dirección de correo electrónico que cada alumno do centro posúe no dominio do Instituto, @torrenteballester-edu.es. É precisamente neste formulario onde cada participante indicará os datos requiridos (categoría, grupo, nome e apelidos), xunto co/s título/s da/s fotografía/s que decida enviar.

Consideraranse 3 categorías de participación (1º ESO - 2º ESO, 3º ESO - 4º ESO e BAC - CF) e en cada unha delas serán concedidos un 1º premio de 40€ e un 2º premio de 25€. Ademais, haberá tamén outro premio de 40€ para a fotografía máis popular, a cal será elixida por votación de todo o profesorado e alumnado do centro mediante unha enquisa que se habilitará na Aula Virtual.

O prazo para encher o formulario e participar no concurso vai do 12 de Abril ao 30 de Abril de 2021.

Para máis información consulta as bases completas do certame na ligazón que vén a continuación.

 

BASES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA 2020/2021

FORMULARIO PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA 2020/2021

 

 

PLAN COVID do IES TORRENTE BALLESTER

O Plan Covid do IES Torrente Ballester, baseándose nas diversas normativas legais vixentes, recolle todas as medidas que a directiva do centro acordou tomar coa intención de preservar a saúde da comunidade educativa en especial dos membros desta que participan das actividades cotiás do centro como é o alumnado, o profesorado e o persoal non docente. As medidas do plan Covid foron remitidas ás autoridades académicas e aprobadas por elas polo que todas elas son de obrigado cumprimento pola comunidade educativa.

Normas de Organización e Funcionamento do centro

As Normas de Organización e Funcionamento do centro inclúen todos os aspectos necesarios para a actividade habitual do centro educativo. Nelas inclúense os horarios do centro e frecuencias de reunións de diversos organismos, a composición dos mesmos, as obrigas e dereitos do alumnado, profesorado e persoal non docente, normas de comportamento e procedementos corretores, entre outras informacións necesarias. 

Normas de Organización e Funcionamento do centro

Nas Normas de Organización e Funcionamento están rexistrados todos os aspectos organizativos do centro desde horarios, funcións, órganos administrativos, normas de convivencia, procedementos de todo tipo e demais aspectos necesarios para o normal desenvolvimento da actividade académica e administrativa dun centro de ensino. 

ENSINO TELEMÁTICO

ENSINO TELEMÁTICO

Estimadas familias

Desde o IES Torrente Ballester pretendemos manter a comunicación máis fluída posíbel coas familias do noso alumnado. Con todo a situación provocada pola Covid 19 está lonxe da normalidade e por tanto da comunicación fluída. Se a isto aumentamos a incerteza xeral de como afrontar as diversas situacións que poden darse no contexto desta pandemia as dificultades para comunicar informacións fiábeis e construtivas son aínda maiores.

En pasados días un grupo do centro foi posto en corentena por un caso de Covid 19 confirmado. Este confinamento foi decretado, como calquera outro que se poida dar no futuro, polas autoridades sanitarias en atención ás circunstancias concretas do caso.

Noutros casos son postos en corentena os contactos estreitos dos casos confirmados, no centro ou no entorno familiar, e destas diversas situacións derívase que alumnos ou mesmo grupos de alumnos permanezan na casa sen poder acudir á aula coa conseguinte dificultade para seguir o desenvolvemento normal das aulas.

Respecto do proceso de ensino-aprendizaxe durante os períodos de corentena, tanto individual como colectivos e mesmo de confinamento domiciliario xeral, as autoridades educativas teñen establecido unha serie de medidas que, no que atinxe ao alumnado e familias, paso a describir.

MEDIDAS PARA  O ENSINO TELEMÁTICO

O alumnado en corentena individual (por contacto estreito cun positivo ou por ser positivo) ou en grupo, ten dereito a manter a actividade educativa nas condicións máis similares que se poida ás do ensino presencial, aínda que, como é fácil supor, a docencia por medios telemáticos non é equiparábel á presencial. Este dereito é tamén unha obriga polo que non conectarse sen causa xustificada pode ser motivo de aplicación das normas sobre faltas a clase e mesmo dos protocolos de absentismo, se for o caso.

En caso de non dispor de medios para tal conexión (falta de terminal, carencia de conexión a internet...) o alumno ou alumna deberá pór en coñecemento do centro esta situación para procurarmos subsanala á maior brevidades posíbel.

As familias disporán na Aula Virtual do centro de titoriais para coñecer os mecanismos básicos de comunicación entre o centro e o alumnado e familias. Tamén se dará a información correspondente na páxina do centro sobre cursos e charlas ao respecto (en pasados días subiuse unha convocatoria do CFR para información á familias) 

En todo caso debemos diferenciar os casos individuais dos colectivos.

CASOS INDIVIDUAIS

Nun primeiro momento, o alumnado deberá conectarse á Aula Virtual do centro, en horario similar ao das clases presenciais, ou estar atento ao correo corporativo do centro, para recibir instrucións do seu profesorado para cada unha das materias. Pode haber un desaxuste temporal entre o inicio da corentena e as indicacións do profesorado porque a información interna ou as posibilidades do profesorado de conectarse poden demorar por diversas causas. Teñan en conta que o profesor dun alumno ou alumna en corentena ten que atender no seu horario habitual o resto do grupo e a outros grupos durante as mañás polo que a atención dese alumno concreto debe facerse fóra do seu horario de traballo.

GRUPOS EN CORENTENA

De ser un grupo o que está en corentena o profesorado procurará atender o alumnado do grupo nas horas marcadas para docencia presencial (horario de clases), sen prexuízo de que poida empregar outras horas para subir materiais, corrixir exercicios ou calquera outra actividade docente, mesmo comunicarse co alumnado a través de correo electrónico.

Baixo o criterio do profesor ou profesora empregarase videoconferencia (a través de Webbex) ou outras vías para impartir clases ou transmitir o temario e exercicios (vídeos, gravacións sonoras, material de texto, exercicios automáticos ou actividades para entregar…) que se transmitirán a través da Aula Virtual ou correo.

Segundo está estabelecido no plan de continxencia, o horario de clase-atención telemática será como mínimo o 60% das horas lectivas normais xa que ten en conta que a realización de exercicios e actividades ocupa unha porcentaxe, variábel segundo a materia, no horario habitual presencial.

EXAMES

No caso de coincidir a corentena con exames será decisión do profesorado adiar até a reincorporación ou realizar a proba por medio da Aula Virtual ou outros medios informáticos.

 INCORPORACIÓN DO ALUMNADO EN CORENTENA

Unha vez pasado o período máximo de corentena, 14 días sen proba ou 10 despois de obtido un resultado negativo na PCR, o alumnado incorporarase á actividade habitual do centro no día seguinte.

PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS PARA O CURSO 2020-21

EN FICHEIROS ADXUNTOS PUBLICAMOS AS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS DOS DEPARTAMENTOS DO NOSO CENTRO

Programación Didáctica Departamento Matemáticas (curso 2020/2021)

 

Vostede pode ter acceso ao texto completo da Programación Didáctica das distintas áreas dependentes do Departamento de Matemáticas para o presente curso académico 2020/2021, sen máis que premer co rato sobre a imaxe que aparece baixo estas liñas.

Dada a extensión do documento, o índice ten habilitadas todas as ligazóns necesarias para levalo directamente ao apartado concreto que sexa do seu interese, evitando así ter que navegar por todas as páxinas ata atopar o que desexe ler ou consultar.

 

Programación Didáctica Matemáticas (2020/2021)

 

INFORMACIÓN BÁSICA PARA FAMILIAS DE ALUMNADO

INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS

A situación creada polo COVID-19 obrigou a toda a sociedade e, por descontado, ao centro a adaptarse e formular toda unha serie de modificacións importantes na vida académica para o curso 2020-2021. Para transmitir estas modificacións nos aspectos que afectan ás familias e ao noso alumnado enviamos esta circular.

Docencia presencial

Se non hai ningunha instrución en contra desde a Consellaría de Educación ao longo deste ano a docencia será presencial en todos os niveis e estudos.

Horario do centro:

Entrada e saída: o alumnado entrará ás 8:30 e sairá ás 15:00 horas os luns e xoves e ás 14:10 os martes, mércores e venres. Como regra as clases duran 50 min.

O centro estará aberto antes da hora de entrada (desde as 8:10). Para evitar aglomeracións no patio o profesorado de garda procurará que todos se comporten conforme ás normas de seguridade tanto no patio como no vestíbulo do centro.

Respecto da saída, para evitar aglomeracións, faranse dous agrupamentos de alumnado para saíren de modo diferenciado. Un grupo co primeiro toque de timbre, 3-5 min antes da hora de saída do día, e o segundo grupo co segundo toque de saída, na hora habitual.

Recreo:

O recreo durará 40 minutos. Para evitar aglomeracións os dous agrupamentos de alumnado  farán o recreo en dous momentos diferentes da mañá. Un dos grupos terá o seu tempo de lecer entre as 11:00 e as 11:40. O segundo grupo terá o seu tempo de lecer entre as 11:50 e 12:30. Deste modo evitamos ter mais de 250 alumnos en cada recreo e isto permite que nos días de choiva poidan estar todos ou a grande maioría en espazos cubertos. Para este fin marcáronse no chan puntos, liñas e frechas de diversas cores para indicar as zonas de circulación (como se explica abaixo) e zonas de “estacionamento”.

Alumnos e grupos

Seguindo a normativa, o alumnado debe estar situados a metro e medio un do outro polo que a capacidade das aulas ten diminuído. As aulas tipo onde antes estaban 30 alumnos terán agora, como máximo 20 (as que teñan o cargador de ordenadores pasan a 19) por ese motivo houbo que ampliar o número de grupos (habitualmente 3 por nivel). Agora son 5 grupos de 1º da ESO, 5 de 2º da ESO, 4 de 3º da ESO, 4 de 4º da ESO. En Bacharelato seguirá habendo 4 grupos por nIvel (4 de 1º e 4 de 2º Bach).

Aulas:

Este desdobre de grupos obrigou a ocupar todas as aulas “normais” ou “tipo” e ademais servirse de aulas especiais para convertelas en aulas de referencia para certos grupos. A consecuencia disto é que algunhas materias perden o seu espazo natural e adaptado (aula de música, aula de tecnoloxía, por exemplo) e as optativas dos niveis superiores (4º da ESO e 1º e 2º de Bach) poden ter certas limitacións pois van ser impartidas en espazos relativamente inadecuados (biblioteca, salón de actos, laboratorios...).

En todas as aulas haberá unha solución hidroalcohólica a disposición do alumnado para se hixienizaren as mans ao entrar na aula. Tamén haberá unha papeleira con tapa de pedal e virucida e panos de papel para proceder á hixienización por parte de cada alumno do posto, ao final do día ou cando teñan que ocupar un posto que non sexa o seu. Cada posto está atribuído en exclusiva ao alumno ou alumna que se sente nel, coa excepción dos casos en que haxa que compartilos (desdobres ou agrupamentos especiais). Inclusive no caso de aulas específicas (informática, p. ex.) o posto de cada alumno será sempre o mesmo.

Seguindo as indicacións do protocolo da Consellería, os alumnos non poderán deambular pola aula nos tempos entre horas nin ir a ningún lugar excepto coa autorización expresa do profesor ou profesora presente. O comportamento ha de ser exemplar e evitar o contacto físico con outros compañeiros/as e calquera uso compartido de materiais escolares (bolígrafos, papeis, cadernos, calculadoras, correctores...) ou produto, nomeadamente alimentos e bebidas ou doutro tipo.

Circulación no centro

O alumnado será “informado” e adestrado sobre a circulación no centro de maneira detallada nos primeiros días do curso. Con todo aproveitamos para dar unhas referencias básicas sobre como circular polo centro.

No corredor exterior:

Están pintados no chan puntos vermellos e verdes separados entre si 1’5 metros como referencia tanto para a distancia entre alumnos/alumnas como para indicar as liñas básicas de circulación.

Excepto na hora de entrada (8:30) e na hora de saída do centro (14:10 ou 15:00), para entrar no centro o alumnado,ou calquera outra persoa, debe seguir a liña formada por puntos verdes. Para saír o alumnado debe seguir a liña formada por puntos vermellos.

No vestíbulo:

Unha vez hixienizadas as mans con xel hidroalcohólico, deberán percorrer o vestíbulo polos “carrís” destinados á circulación. Un para aproximarse ás escaleiras de subida, na parte dereita do vestíbulo, e outro para abandonar o centro na parte esquerda do vestíbulo (sempre para quen entra). Un terceiro corredor permitirá atravesar o vestíbulo desde as escaleiras de baixada até a cafetaría. Aínda un corredor permite ir do vestíbulo ao Dep. de Orientación ou Ximnasio.

Tamén haberá “carrís” específicos para facer cola e dirixirse á cafetaría, á biblioteca ou aos baños do vestíbulo, marcados con diversos signos no chan, a distancias de 1’5 mts para serviren de referencia para a distancia de seguridade.

No 1º, 2º e 3º andar

A circulación polos andares onde se sitúan as aulas farase sempre percorrendo os corredores pola dereita, seguindo as frechas azuis do chan. A distancia entre a punta dunha frecha e doutra é de 1’5 metros de modo que sirva de referencia para manter a distancia interpersoal. A circulación será dirixida polo profesorado de garda e o das aulas de onde proceda o alumnado.

O ascensor será de uso individual e unicamente para o alumnado ou profesorado que teña dificultades de mobilidade.

Uso de máscara

O uso da máscara é obrigado en todo momento, tanto na aula como no vestíbulo e exterior. Recoméndase que os alumnos traian, ademais da máscara posta, unha ou máis máscaras de reposto por se for necesario o seu uso por rotura, degradación, perda...

O uso debe axustarse ás normas publicadas na cartelería do centro (vestíbulo, corredores, aulas...). Unicamente pode baixarse para inxerir alimentos ou bebidas o tempo necesario para realizar esta acción.

Xel hidroalcohólico

Hai xel hidroalcohólico a disposición do alumnado tanto nas aulas como no vestíbulo. Porén recomendamos os alumnos levaren no seu estoxo ou mochila un bote pequeno de xel hidroalcohólico para hixienizar as mans en calquera momento sen necesidade de moverse pola aula ou o vestíbulo. Este bote poderá recargarse, baixo supervisión do profesorado, co contidos dos botes presentes na aula.

Limpeza do posto

Sempre que un/ha alumno/a ou alumna acceda ao posto que teña sido ocupado por outros, nunha aula de uso común (como a informática) ou de desdobre, debe hixienizar co virucida e o papel que lle forneza o profesor ou profesora. Esta limpeza inclúe a superficie da mesa e as partes inferiores dos laterais, o respaldo da cadeira e calquera outra superficie que poida tocarse coas mans. No caso de ter “anteparo” de separación o seu posto (por exemplo nos ordenadores da biblioteca) deberá desinfectar a súa parte. Tamén deben limpar o teclado, o rato e a pantalla do ordenador.

Titoría e entrevistas

A presenza de persoas no centro fica limitada ao alumnado ao persoal do centro. Os familiares do alumnado NON PODEN ACCEDER ao centro sen cita previa.

Para a comunicación ordinaria das titorías ou doutro tipo utilizaranse os medios telefónicos ou electrónicos a disposición. Unicamente poderán acudir ao centro en caso de teren cita e sempre fora do horario de recreos e cambios de aula, para evitar contacto co alumnado.

 

COMPROBACIÓN DIARIA DE SÍNTOMAS

Os familiares do alumnado do centro están obrigados segundo o estabelecido nas “Instrucións de actuación coordinadas en materia de saúde pública...” (DOG. 174 bis do 28-08-2020) a realizar unha comprobación diaria, antes de viren ao centro, da temperatura e o estado xeral da alumna ou alumno.

Se tiver calquera síntoma compatíbel cos síntomas propios da COVID-19 (febre, tose seca e persistente, dificultade respiratoria, debilidade...) deberán comunicalos ao centro, mediante chamada telefónica, así como ao pediatra e ficar na casa á espera das decisións médicas pertinentes.

Como mostra do compromiso dos familiares nesta comprobación pedimos asinen a DECALARACIÓN RESPONSÁBEL que enviaremos a través do alumnado no primeiro día de clase.

 

 

Enquisa de (auto)avaliación clínica

Síntomas fundamentais

¨ Febre superior a 37’5º C          Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Tose seca                                      Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Dificultade respiratoria             Cando comezou o síntoma? ____________________________

 

Outros síntomas

¨ Fatiga severa (cansazo)            Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Dor muscular                                Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Falta de olfacto                            Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Falta de gusto                              Cando comezou o síntoma? ____________________________

¨ Diarrea                                            Cando comezou o síntoma? ____________________________

 

Tivo contacto nas últimas 2 semanas

¨ cunha persoa con COVID19 confirmado

¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19

Tipo de contacto:

Duración

Periodicidade

Distancia

Uso de máscara

Conviviu nas últimas 2 semanas

¨ cunha persoa con COVID19 confirmado

¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19

 

 

 

 

 

 

TROCA DE LIBROS

 

O domingo 28 de xuño relizarase a actividade da TROCA DE LIBROS, Feira do libro usado, adiada polo Estado Alarma. Levade os vales e disfrutade do evento.

CONCURSO DE FRANCÉS

Con motivo do fin do curso o departamento de francés convoca un concurso para esta semana "Questions pour un champion" desde o luns 8 até o venres 12. Para máis detalles ver a imaxe. Moita sorte aos participantes

ADAPTACIÓN DAS PROGRAMACIÓNS DOS DEPARTAMENTOS DIDÁCTICOS PARA O 3º TRIMESTRE DO CURSO 2019-2020

En cumprimento das instrucións da Consellería de Educación damos publicación nesta páxina (ademais de nas respectivas páxinas da AULA VIRTUAL) as adaptacións da programación didática, motivadas pola crise do COVID19, pra o terceiro trimestre. 

Distribuir contido