Do 11 de febreiro ao 5 de maio o noso centro tivo a oportunidade de formar parte do proxecto Divulgaciencia, promovido pola OMIX e a Concellaría de Educación de Soutomaior e apoiado pola FECYT e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este programa educativo procura espertar a curiosidade pola ciencia e difundir contidos científico-tecnolóxicos usando unha metodoloxía dinámica, experimental e lúdica que motive a participación e interacción do alumnado e da poboación en xeral.
Ademais das actividades abertas a toda a veciñanza, os tres centros educativos do municipio acollemos unha serie de actividades formativas previas para o alumnado de diferentes cursos e para o profesorado:
- Xornada de formación para o profesorado con David Ballesteros (16-02-2022).
- Presentación do programa e mesa-coloquio “Vocacións científicas e novas profesións” (11-02-2022). 4º ESO e 1º BACH. C de BioXeo.
- Obradoiro “Investigando a natureza” para 1º ESO (06-04-2022).
- Obradoiro “Droneando” para 3º ESO (06 e 07-04-2022).
- Roteiros medioambientais “Soutomaior mira ao mar” para 4º ESO (19-04-2022).
- Roteiros medioambientais “Mergúllate no monte” para 1º ESO (19 e 21-04-2022).
- Roteiros medioambientais “Aventura ecolóxica” para 2º ESO (21 e 27-04-2022).
Durante todo ese tempo fóronse desenvolvendo diferentes proxectos no centro, coordinados por Lucía López, Menchu, Gabriel e Manuel Cuervo, e que foron presentados polos rapaces e as rapazas ante o alumnado do noso e doutros centros e ante as familias e as centos de persoas que ateigaron durante toda a xornada a carpa que acolleu a I Feira da Ciencia. O evento, que se desenvolveu o 5 de maio na Alameda Talo Río, mostrouse a aplicación práctica dos proxectos levados a cabo no centro e supuxo unha oportunidade extraordinaria como experiencia para o profesorado e un alumnado entusiasmado polo que tivo de motivador, de xornada de convivencia e de apoderamento do alumnado, que demostrou as súas habilidades comunicativas, como se pode ver na crónica fotográfica e mais na cobertura que fixo TV Soutomaior. Proxectos do centro:
- Invernadoiro con tensegridade.
- O lavado das mans protéxenos dos fungos que nos rodean? Premio Revelación Secundaria.
- Foguete de bicarbonato. Premio Divulga ESO.
- Regulador de luz baseado en Arduino (Premio Innova).
- Proxector de hologramas. Premio Comunica.
- Vehículo con rodas “mecanum”. Premio Revelación Secundaria.
- Plastórganos.
- As augas do noso pobo: a auga é vida e a auga limpa é saúde. Premio Rigor Científico.
- Estudo da investigación sobre a situación da muller no mercado laboral no contorno do IES de Soutomaior. Premio Divulga BACH.
Así pois, cómpre felicitar á OMIX, Concellaría de EDucación e a Ceo Aberto por nos permitiren gozar desta experiencia e mais polo formato e a organización profesional do encontro, que vai ter unha moi agardada segunda edición no ano 2023. E, por suposto, hai que lle dar a noraboa ao profesorado e o alumnado participante polo traballo e os resultados acadados.