Skip to Content

Xa comezou Proxecto Neo!

A semana pasada comezou Proxecto Neo. Como cada mércores de curso escolar durante 13 anos, o equipo de radio do IES Perdouro realizou distintas entrevistas. 

 Na emisión inicial desta tempada por fin puidemos estrear as instalacións de radio dos Polos Creativos. Os locutores deste primeiro programa do curso, que xa é o 393 desde o comezo de Proxecto Neo, foron Yanira, Hugo, Sara, Germán, Vanesa e Bernardo. A fotógrafa oficial é Lucía Rivas e no control técnico estivo Karina Parga, que contou coa axuda de Moustapha Sarr. 

Estas foron as persoas entrevistadas: 

- Anxo Rivas, locutor de Radio Foz 

- Miruca Parga, vicedirectora do IES Perdouro 

- Félix Pardo, profesor de Electrónica, do IES Perdouro 

- Ineida Moreno, alumna do CUALE de lingua portuguesa 

- Pepe Peinó, profesor e escritor 

- e María José Pardiñas, directora do centro. 

Proxecto Neo emítese en CUAC FM na Coruña, Radio Filispim en Ferrol, Xente de Teo en Compostela, Radio Piratona en Vigo e, este ano, como novidade, estará tamén na frecuencia de Radio Foz e Radio Valadouro.

Esta semana, novo programa, escoitádeo con atención!

Recordos e bos desexos para Ana

O pasado venres 30 de setembro tivo lugar a xubilación da profesora Ana Vázquez. Tras 32 anos como docente de Física e Química no noso instituto, rematamos xunto a ela esta etapa cun evento preparado por alumnado e profesorado.

Escribíronse mensaxes de bos desexos e recordos en pequenas tarxetas durante toda a semana, con palabras de rapaces e rapazas de diferentes grupos. O profesorado tamén realizou esta actividade e coordinou a sorpresa para Ana. 

Sobre as 13:00h reuniuse boa parte do instituto no edificio principal e cando entrou Ana, todas as mensaxes estaban expostas nun taboleiro. Ademais da entrega dun ramo de flores entre aplausos, o alumnado introduciu todas as mensaxes dentro dun gran tarro de cristal para que levara de recordo. 

Ana Vázquez, emocionada e envolta nun cálido ambiente de apertas e sorrisos, recibiu o recipiente con tantas cores como recordos leva do IES Perdouro. 

Con esta marmelada de emocións, desexámoslle con moito agarimo a mellor sorte para esta nova etapa.

Podedes acceder ás fotos AQUÍ.

Carla Paz Trelles - 4º ESO A

 

Equipo de investigación: contacta co Perdouroscopio

Este curso contamos no centro cun equipo de investigación. Chámase Perdouroscopio
 
O Perdouroscopio nace coa idea de proporcionar á comunidade educativa unha nova ferramenta de apoio e investigación no propio centro. Queremos estudar detalladamente a aparición ou as consecuencias de posibles diferenzas e obstáculos que impidan a convivencia no noso contorno e por iso vos animamos a suxerir a intervención do noso equipo nos casos en que a consideredes necesaria. 
 
Cres que debemos actuar? Podemos axudarche? 
 
Queremos acompañar e axudar a solucionar pequenos problemas centrándonos na investigación como primeiro paso para atopar solucións. Somos o apoio que necesitabas. Non dubides en contactar con nós no buzón da entrada principal. 
 
Ti suxires, nós investigamos!
 

 

Concurso Aulas Limpas 2023-24

Comezamos no mes de outubro co concurso Aulas Limpas, o que quere dicir que nos grupos da ESO e Bacharelato o alumnado debe ter en conta unha serie de medidas para manter a súa aula limpa e ordenada.

Achegamos a rúbrica que utiliza o xurado do concurso polo que é recomendable repartir entre o alumnado as tarefas de vixilancia para que todos os puntos da rúbrica se cumpran. 
 
As ventás e persianas dos extremos da clase deben quedar cerradas e as do medio, abertas, para ventilar antes de proceder á limpeza da aula. É importante tamén subir as cadeiras enriba das mesas para facilitar o labor das limpadoras. Se na última hora de clase o grupo que queda é pequeno, o alumnado anterior debe deixar subidas as súas cadeiras. 
 
Cada un de nós debe poñer o seu gran de area para que se manteña a limpeza e a orde nas aulas. 
 
Consultade a rúbrica do concurso para ver qué puntos debedes ter en conta.
 

Semana europea da mobilidade: STOP accidentes

O martes 19 de setembro veunos dar información unha das responsables da asociación STOP Accidentes de Galicia, que axudan ás vítimas de tráfico, traballan en prevención fomentando a mobilidade sustentable, saudable e segura. 

Empezou presentándose e explicando a que se dedicaba a asociación. Despois falounos do perigoso que é ir rápido no coche porque podemos provocar accidentes ou mortes a nós mesmos e a outras persoas. Tamén nos contou que sempre debemos coller un taxi ou outro medio de transporte antes de ir cun amigo que acaba de sacar o carnet ou que vai ebrio. Tampouco debemos estragar unha vida por unha noite na que estás cos teus amigos consumindo alcohol ou outras substancias e decides coller o coche para volver á casa. 

Por último, comentounos que sempre hai que ir co cinturón posto porque se vas con máis xente e tes un accidente podes chocar contra os teus amigos ou saír despedido por algún lado. 

Para ver mais fotos preme AQUÍ

Avril Hermida e Uxía Del Ángel de 4º ESO B e PDC

Tenis de mesa nos recreos

O profesor de Educación Física, Emérito, e o alumnado de 4º da ESO están a organizar nos recreos os partidos de tenis de mesa, unha actividade dentro do obxectivo de PATIOS ACTIVOS, na cal se dispón de 4 mesas, 8 pas e 6 pelotas que se van intercambiando cando se estragan ou rompen. Para que participe todo o mundo o alumnado xoga a 3-5 puntos con diferenza de 2 puntos e quen perda cédelle o posto a outra persoa para que poida xogar.

Esta actividade sempre está moi concorrida, por desgraza só por rapaces.

RAPAZAS, ANIMÁDEVOS!

Podedes acceder a outras imaxes AQUÍ

Hugo Sanjurjo e Borja Cortegaza - 4º ESO A

Melloramos a nosa ciberseguridade participando na V Ciberliga da Garda Civil

O alumnado de 4º de ESO participará na V CIBERLIGA da Garda Civil, na modalidade preamateur, que se desenvolverá no primeiro trimestre deste curso 2023-24. 

A Ciberliga é unha competición organizada en colaboración entre a Garda Civil e a Consellería de Educación, co obxectivo de concienciar ao alumnado en materia de ciberseguridade desde un enfoque real e práctico, mediante a posta en marcha dun proceso de gamificación, onde os participantes terán a oportunidade de aprender ciberseguridade xogando de maneira práctica e divertida. 

O alumnado organizarase en equipos de catro membros que afrontarán un divertido reto onde poderán demostrar as súas habilidades. A participación na V CIBERLIGA modalidade preameateur, organizarase do seguinte modo: 

A) Fase clasificatoria, a desenvolver on-line en dúas sesións. A primeira delas será unha sesión formativa que terá lugar o martes día 10 de outubro, de 11:45h a 13:45h, e consistirá nunha conferencia sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías que se impartirá en liña desde Santiago de Compostela para todos os centros participantes (Link: https://www.youtube.com/watch?v=9xzvd7xzI5E). Esta conferencia tamén estará dispoñible na plataforma MasterLabsCTF (https://ligagc.com/ ) de xeito permanente para que todo o estudantado poida visionala cando o desexe. 

Posteriormente, haberá unha segunda sesión práctica que consistirá no desenvolvemento dun ciber-reto. Os 5 mellores equipos clasificados (20 participantes aproximadamente) accederán á fase final.

Semana Europea da Mobilidade

O mércores día 20 de setembro o alumnado de 1º da ESO asistiu a unha charla de José Ramón López sobre Educación Vial. Este axente da garda civil de tráfico explicounos como temos que comportarnos como peóns, como condutores de bicicleta e como usuarios de patinete.  

Os peóns sempre teñen preferencia porque son os máis vulnerables. Sempre hai que cruzar polos pasos de peóns e mirar tres veces para os lados. Nunca se pode cruzar se non se ten visibilidade. 

Na bicicleta é obrigatorio o uso do casco se es menor de 16 anos. No caso de que non o leves, a sanción é de 200 € ou 100 € se o pagas pronto. Débense sinalizar as manobras co brazo. Debemos circular sempre moi pegados á dereita. Non se poden levar acompañantes na bicicleta a non ser que se trate de menores de sete anos e nun asento homologado. 

As bicicletas deben levar unha luz branca diante e unha vermella detrás cando non haxa visibilidade e o condutor debe levar un chaleco reflectante. Os usuarios de bicicleta teñen que dar 0,00 nos controis de alcoholemia e circular pola calzada. Se se soben á beirarrúa, convértense en peóns e teñen que ir baixados da bicicleta. 

O axente da garda civil tamén nos falou dos distintos tipos de patinetes aos que denominou Vehículos de Mobilidade Persoal. A súa velocidade máxima é 25 Km/h. Os que circulen a máis velocidade son ilegais sen permiso de condución de ciclomotores. Todos os patinetes eléctricos teñen unha placa lateral que indica a súa velocidade máxima. Nos vehículos de mobilidade persoal tamén é obrigatorio o casco e non poden saír das vías interurbanas. 

Isto foi o que aprendemos na Semana Europea da Mobilidade. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ

Equipo de redacción: Reforzo 1º ESO AB e Aleixo Fernández Maseda - 3º ESO A

Comeza o campionato de fútbol e baloncesto de San Xoán Bosco





Acto de presentación do libro Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos

 
O luns 25 de setembro ás 18:30h tivo lugar a presentación do libro de Antón Niñe Unha familia de escultores, Xosé Rivas e fillos. Este evento foi ademais un acto aberto ao público e de carácter inaugural despois da remodelación da nosa biblioteca. Nela reuníronse docentes e ex-docentes do IES Perdouro, do IES Monte Castelo, integrantes do programa de radio Proxecto Neo e representantes das confrarías da Semana Santa de Viveiro.

Antón Niñe foi presentado pola directora, Mª José Pardiñas, que tamén introduciu as restantes acompañantes na mesa: Karina Parga, presidenta da A. C. Os Matos e profesora do IES Perdouro, e Maribel Crecente, ex-docente do noso centro e encargada de redactar o limiar da obra que se presentaba.  

Nas súas explicacións, o autor do libro expuxo os datos máis relevantes da vida e da obra de Xosé Rivas, orixinario de Riotorto, e dos seus fillos. Este prolífico escultor e a súa familia teñen repartidas as súas esculturas pola Mariña, por distintos lugares de Galicia, de España, por varios países de Hispanoamérica e mesmo algunha das súas imaxes se atopa en Filadelfia (EEUU). 

O ambiente da xuntanza foi moi familiar e, para finalizar, como Antón tiña por costume a principio de curso, agasallounos con bombóns. A continuación, asinou exemplares dos seus libros para os presentes. 

Foi un acto entrañable. 

Podedes acceder ao resto de imaxes AQUÍ

Presentación do libro de Antón Niñe: Unha familia de escultores, Xosé Rivas e fillos

O luns 25 de setembro ás18:30h o ex-profesor do IES Perdouro Antón Niñe presentará no centro o seu libro Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos. 

Nela repasa a historia deste grande artista e dos seus descendentes. Xosé Rivas era natural de Riotorto e de alí marchou para Santiago. No seu taller dedicouse a esculpir numerosas obras, fundamentalmente imaxes relixiosas, que están repartidas por distintos lugares de Galicia, de España e mesmo de América. 

O centro e a A. C. Os Matos, da que Antón é presidente de honra, convídanvos a asistir. 

A presentación está aberta a todo o público.

O profesor Bernardo Penabade recibe o Prémio Meendinho

O sábado 9 de setembro o profesor do IES Perdouro Bernardo Penabade recibiu o Prémio Meendinho en Vilar de Santos (Ourense) na súa décimo cuarta edición. A Fundaçom Meendinho outorga este galardón a persoas e entidades que destaquen no campo da dinamización cultural e lingüística tendo en conta a dimensión internacional da lingua galega.  

Este recoñecemento premia a constancia de Bernardo á hora de traballar nun ensino inclusivo a través do Modelo Burela, que cumpre xa 20 anos. Esta é unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. As primeiras actividades, ponte entre a escola e o conxunto da cidadanía, consistiron na recompilación e estudo de escritos do ámbito familiar (convites, recordatorios, lápidas…), das comunicacións comerciais e empresariais, da xestión de comunidades de vivendas e das actuacións xurídicas e notariais. A realización de xornadas de animación á lectura e a promoción do diálogo intercultural a través de intercambios educativos completouse coa posta en práctica dunha escola de comunicación a través da radio, coa emisión de dous programas semanais: Proxecto Neo e Grandes Vozes. 

Proxecto Neo é o noso programa de radio escolar. Nel trátase de incorporar á cultura galega a persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua. Desde o mes de xaneiro de 2012 dá a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso. Emítese en Radio Burela os mércores pola tarde, está realizado por alumnado do centro coa coordinación de Bernardo e a colaboración de profesorado do IES Perdouro. Está preto de chegar aos 400 programas.

No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha acción educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais, deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social.

Moitos parabéns, Bernardo!

Pódese acceder a outras imaxe do acto AQUÍ

Oferta educativa 23/24

 

 

Vídeo Promocional IES Perdouro

Distribuir contido


by Dr. Radut