Skip to Content

Actos do 25N: "Onde máis doe"

O venres 24 de novembro, participamos nos actos programados pola Concellería de Igualdade e o CIM do Concello de Burela co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Asistiu o alumnado de 4º de ESO. 
 
Primeiro, a concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, recibiu o alumnado presente no Auditorio e presentou o documental ‘Onde máis doe’ sobre a violencia vicaria dirixido por Manane Rodríguez (2022). A proxección presentouse nun formato impactante que narra unha historia real de ameazas dun pai que mata o seu fillo de 11 anos a golpes de pa para castigar e facer sufrir a nai eternamente. 
 
Xa na Praza do Concello, deuse paso á lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero e a inauguración do Xardín da Memoria, actividade realizada co alumnado dos institutos de Burela. No noso caso, o alumnado de 2º de ESO, redactou unhas tarxetas cos nomes de vítimas de violencia de xénero, traballo que os fixo pensar e que os sensibilizou pola dureza e inxustiza dos feitos.
 
O alumnado achegouse ata a mesa informativa onde recolleu folletos, chapas, pulseiras e bolsas conmemorativas. 
 
É necesario combater e sensibilizar día a día para acabar con  TODAS AS VIOLENCIAS.
 
Accede á reportaxe AQUÍ.

Obradoiro: "A ciencia dentro dunha pompa de xabón"

O xoves 30 de novembro o alumnado de 3º ESO asistirá a un obradoiro preparado por Marga L. Periago no que empregarán líquido xabonoso con fins científicos. Veredes como sairán pompas de diferentes formas e tamaños. 
 
Mais non só o alumnado de 3º ESO poderá desfrutar da elaboración de pompas. O venres 1 de decembro no recreo quen queira probar a crear burbullas con xabón que se achegue a Marga no patio.  
 

Concurso Taboleiros de Nadal 23-24

Convócase unha nova edición do concurso Taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 

Poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. 

A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que se enviou ao correo en Vicedirección ou Secretaría. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, PROHÍBESE a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 

5. O luns 15 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Aulas Limpas: a mellor aula do mes de outubro foi a de 4º PDC

Este mes de outubro a aula máis limpa e ordenada foi a 101, a pertencente a 4º PDC. Este grupo xa destacou o curso pasado por manter a súa aula moi recollida, por estar sempre pendentes de recoller pilas e material escolar para reciclar e por ter sempre o seu taboleiro ben organizado e con traballos expostos. 

De todos os xeitos o grupo de 4º PDC está seguido moi de preto por 2º Bacharelato B e A. 
 
Recordade que continuamos participando no concurso Pilabot, polo tanto, todas as aulas deben ter unha caixa ou recipiente para recoller pilas e outro para a reciclaxe de instrumentos de escritura gastados, que xa non sirvan. 
 
Parabéns para a aula gañadora! E moito ánimo para o resto dos grupos. Sabedes que hai premios mensuais e un premio anual para a mellor aula. 
 

Digital week 2023

Esta semana o noso alumnado de 2º ESO está no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares (Ourense).
 
Están desfrutando moito da súa estancia e envíannos imaxes de múltiples actividades:

- Nature Trip

- Casino Night

- Egg drop

- Comic creation

- Sara's Birthday

- Stop the bus...

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Concurso do Concello de Burela co gallo do Día Mundial da loita contra a SIDA

Participa no concurso que anualmente convoca o Concello de Burela co gallo do Día Mundial da loita contra a SIDA. 

Crea a túa obra en tamaño A4 debuxando ou con outras técnicas dixitais e envíaa ou entrégaa ata o mércores 22 de novembro no propio instituto ou na Unidade de Drogodependencias de Burela. 
 
Se o teu deseño é o gañador, publícarano no calendario anual do Día da Sida e recibirás material de librería ou papelería por valor de 60 €. 
 
Anímate!
 
Mira as bases AQUÍ

Novembro: mes da ciencia en galego

Ruta científica, artística e literaria por Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur

Este curso participamos no programa "Rutas científicas, artísticas e literarias". A ruta que lle foi asignada ao IES Perdouro foi a que percorre Castela-A Mancha sur e Andalucía centro e sur e que leva por nome "Ruta dos camiños e o mar romano". 

Este programa educativo pretende, ademais de dar continuación aos coñecementos recibidos polo alumnado na aula, mellorar e presentar de forma máis atractiva a formación recibida nos seus respectivos centros, a través dunha contorna máis experimental e visual. Isto favorecerá non só a formación artística, literaria, científica, cultural, histórica, medioambiental e social, senón tamén o seu desenvolvemento integral. 

O IES Perdouro comparte experiencia co IES Clara Campoamor de Valencia e o alumnado participante dos dous centros realizarán a ruta en común. 
 
Na primeira xornada, a do luns, visitaron os muíños de Consuegra, o castelo de La Muela, as lagoas de Ruidera e a cova de Montesinos. O aloxamento tivérono en Manzanares e alí desfrutaron dunha divertida velada. 

 Na segunda xornada, visitaron as Tablas de Daimiel, un corral de comedias en Almagro, onde asistiron a unha representación teatral, e logo dirixíronse a Bailén, localidade onde se aloxaron. 

 
 
Na terceira xornada, o grupo visitou unha almazara en Bailén, na que desfrutaron dunha cata de aceite. Logo, dirixíronse a Córdoba, recibiron unha charla no departamento de Electrónica da Escola Politécnica da Universidade de Córdoba e pasearon por lugares emblemáticos da cidade, entre eles o Zoco. 
 

 Podedes ver máis imaxes AQUÍ

Un equipo do IES Perdouro competirá na fase final da V Ciberliga da Garda Civil en Aranxuez

O alumnado de 4º de ESO participou o pasado día 10 de outubro na fase clasificatoria da V CIBERLIGA da Garda Civil, na modalidade Preamateur. 

Participaron un total de 850 equipos, formados por catro estudantes cada un, procedentes das comunidades de Galicia, Castela a Mancha e Madrid, entre os que se incluían os 7 equipos do IES Perdouro. Resolta a fase previa, clasificáronse 30 equipos para a fase final e entre eles está o formado polos nosos alumnos Álvaro Guisande, Danilson da Costa, David Baltar e Pablo Casas (equipo Los Invencibles) aos que lles damos os merecidos parabéns. Tamén felicitamos a todos os demais alumnos e alumnas do noso instituto que participaron, polo entusiasmo e a seriedade con que o fixeron, de maneira que a actividade resultou moi enriquecedora. 

A fase final será presencial, nas instalacións da Academia de Oficiais e do Centro Universitario da Garda Civil en Aranxuez (Madrid) o día 15 de novembro. Nesta fase, ademais do ciber-reto final, terán lugar divertidas actividades formativas. O alumnado tamén terá a oportunidade de compartir a experiencia con outras categorías como a Amateur (universitarios) ou a Profesional, na que participarán corpos policiais de varios países (por exemplo, o FBI). 

A Ciberliga é unha competición organizada en colaboración entre a Garda Civil e a Consellería de Educación, co obxectivo de concienciar ao alumnado en materia de ciberseguridade desde un enfoque real e práctico, mediante a posta en marcha dun proceso de gamificación, onde os participantes aprenden ciberseguridade xogando de maneira práctica e divertida. 

Máis información: 

Convocatoria do programa educativo “V CiberLiga 2023 modalidade preamateur": https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40933 

MasterlabsCTF, sitio web para o acceso aos retos: https://ligagc.com/ 

Sitio web da V National Cyber League da Garda Civil: https://www.nationalcyberleague.es/

Canle de YouTube da National Cyber League GC: https://www.youtube.com/playlist?list=PL3N5rMPe7UIgDnnoEenK5p78ryF8Qg9fa 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Lectura e familias: Ana Ojea achegounos á diversidade afectivo-sexual e de xénero

Ana Ojea Alonso é profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes e responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo. Tamén é cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Ademais traballa como formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

O martes 31 de outubro acompañounos no IES Perdouro dentro do programa Lectura e familias e informou sobre a lexislación que ampara ao colectivo LGBTQIA+, sobre a diversidade que engloba o colectivo, sobre os prexuízos que teñen que sufrir e sobre o acompañamento do que debería gozar desde a nenez e a adolescencia calquera que se inclúa entre as persoas non heterosexuais ou non cisxénero. 

Recomendou ademais algunhas lecturas como os libros de Lucas Platero, Noemi Parra, Camino Baró etc. En BiblioPerdouro podedes atopar moitas obras interesantes sobre esta temática. Botade un vistazo aquí ou buscade a pegatina do arco da vella. 

Podedes acceder a máis imaxes do encontro con Ana Ojea AQUÍ

Encontro con Lucía Ferro, autora de "En Brandán"

Lucía Ferro estará na biblioteca do IES Perdouro, mañá venres, día 3 de novembro para falar de "En Brandán", a súa segunda novela.
O alumnado do club de lectura terá a oportunidade de intercambiar coa escritora palabras sobre o proceso de creación literaria así como aspectos desta novela policiaca.
 
Lucía Fernández Rodríguez, veciña de Barreiros, tamén escribe en galego e en inglés intervencións curtas publicadas na rede.  
 

Concurso de catrinas de 1º ESO

Nesta época de Samaín, coñecemos tamén tradicións doutras culturas. En México celébrase o Día de Mortos e, para iso, o alumnado de 1º ESO elaborou catrinas, caveiras decoradas, que expuxeron no 1º andar do edificio 1. O profesorado e o persoal non docente escollerá as tres mellores, que recibirán un premio. Moita sorte e parabéns polos vosos traballos!

Coñece a túa vila: ruta por Burela

Tal e como fixeron as promocións anteriores, no inicio do novo curso o alumnado de 1º ESO do IES Perdouro saímos a coñecer a nosa vila: Burela. 

A organización do centro decidiu que fósemos andando con seis profesores e profesoras: Fernando Losada, Sol Galdo, Fernando Lago, Miguel Rodríguez, Begoña Abad e Carmen Sampedro. 

Ás 8:30 reunímonos, dividíronnos en 2 grupos e saímos do recinto escolar ás 8:45. Nada máis baixar pasamos moi preto do Hospital da Mariña, moi importante para os cidadáns desta comarca. Seguimos a ruta e atopamos outro edificio importante: o Cuartel da Garda Civil. Aproveitando as vistas do alto de Burela, explicáronnos que "o faro non é faro" senón que é unha baliza. Tamén puidemos ver unhas plantas de menta, medicinais, que axudan a calmar a dor das ortigas. 

Dirixímonos á parte vella de Burela: a Vila do Medio. Alí vimos un cruceiro, unha cruz que axuda á orientación, unha casa tradicional galega e un hórreo, sobre o que nos deron información. Aprendemos que son estruturas típicas galegas fundamentais para gardar o millo e outros cereais. 

Entre o máis antigo que ten a nosa vila está a igrexa da Vila do Medio, unha impresionante construción do século X. Os nosos guías mostráronnos as famosas pinturas que contén o seu interior, as 3 campás e ofrecéronnos moitos máis datos que nos deixaron abraiados. Aproveitamos para facer unha foto de grupo nese fermoso monumento. 

Moi preto desa zona atópase un lugar idóneo para ver diferentes tipos de plantas típicas da vila tanto autóctonas como invasoras: alí puidemos ollar un groso castiñeiro centenario, xigantes eucaliptos, un muíño de auga e un río que fai que haxa musgo, fentos e acacias. Os salgueiros, toxos e a herba da pampa (planta invasora) encontrámolos aos poucos metros. 

Deixamos a zona vella de Burela e camiñamos en dirección á Marosa. Alí puidemos escoitar unha curiosa explicación da erosión da auga, que fai que as rochas polo impacto do mar se vaian convertendo nunha peculiar “tableta de chocolate”. 

De regreso vimos a "uña-de-gato" (outra planta invasora) e as Tetas da Vinculeira, emblema da riqueza arqueolóxica da Mariña. Para rematar a nosa andaina, vimos o antigo castro habitado polos galaicos onde se atopou o Torques de Burela tan famoso da nosa vila. Obviamente, non puidemos evitar estar uns intres parados desfrutando das vistas que nos ofrece Cabo Burela. 

Case sen darnos conta, xa era hora de voltar para o instituto e dar por terminada a xornada educativa.

Pódese acceder ás imaxes AQUÍ.

Gabriel Marrube Mendaña - 1º ESO A

Charlas formativas abertas para as familias: Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero

Retomamos as conferencias de Escola de familia. A primeira das charlas programadas para este curso no marco do Programa Lectura e Familias será impartida pola profesora Ana Ojea Alonso. Falarase de educar en igualdade, da identidade de xénero, de educación afectivo-sexual e educación emocional na atención á diversidade.

Curriculum de Ana Ojea: Profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes. Responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo.

Cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
Formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

Non faltedes á cita, previa confirmación de asistencia chamando ao 982 87 01 02.

Vémonos na biblioteca.

Martes 31/10/2023 ás 18h30.

Conferencia do neurobiólogo Carlos Spuch sobre o Alzheimer e outras demencias

Na xornada do martes 17 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato e de CM de Peiteado e Cosmética Capilar acudimos a unha charla sobre o alzhéimer, unha enfermidade que afecta actualmente en España ao redor de 70.000 persoas. Esta actividade foi organizada pola Fundación Barrié e por AFAN Burela.  

O neurobiólogo Carlos Spuch explicounos cales son as causas da enfermidade, os datos máis relevantes sobre ela e como podemos axudar ás persoas que a sofren. 

O alzhéimer non afecta a todo o cerebro, senón só a unha pequena parte, a correspondente á fala, toma de decisións, comportamento e pensamento, entre outras. Pola contra, non afecta nin á memoria musical nin ás emocións, polo que a musicoterapia é unha das formas de atrasar a aparición desta enfermidade; tamén axuda a isto algunha das medicinas descubertas e o adestramento do cerebro. Sabemos tamén que a memoria non se perde, senón que fallan os lóbulos sinápticos, é dicir, as redes que conectan as neuronas entre si. 

Unha das preguntas máis frecuentes sobre este mal é: o alzhéimer é xenético? A resposta é non: é unha enfermidade que se dá a causa do noso ambiente aínda que, raramente, tamén pode ser xenética. 

En conclusión, para axudar ás persoas afectadas, deberiamos escoitar e interpretar o que nos queren dicir. Outra opción sería falarlles e poñelas en contexto da situación na que se atopan, para que poidan así expresar as súas emocións. 

Para rematar a charla, Carlos Spuch nomeou tamén diferentes persoas que padecían esta enfermidade ou algún outro tipo de demencia, como Carmen Sevilla, unha actriz española, e unha veciña da localidade de Burela, a cal estivo presente no acto. 

Pódese acceder a máis imaxes da actividade AQUÍ.

 Laura Alonso Fernández - 1º BACB

Distribuir contido


by Dr. Radut