Skip to Content

Letras galegas 2024: Luísa Villalta

O alumnado de 4º ESO de Proxecto competencial elaborou este curso a exposición de carteis das Letras galegas, dedicadas a Luísa Villalta. 

Podedes encontrar máis información sobre Luísa Villalta no Portal da Lingua. Alí podedes acceder a outras exposicións de carteis sobre a autora. 

Admisión 2024/25: Listaxes definitivas de alumnado admitido

No taboleiro de anuncios de secretaría están publicadas as listaxes definitivas de alumnado admitido na ESO e en Bacharelato.

Poden consultalas persoalmente ou chamando ao teléfono do centro: 982 870102 

 

II Día da literatura caboverdiana

Imos celebrar o IIº Día da literatura caboverdiana coa lectura continuada de "Siriaco e Mister Charles" de Joaquim Arena, novela galardoada co premio Oceanos. 
 
O martes 21 e mércores 22 de maio de 18:00 a 19:00h haberá sesións de animación á lectura da obra. 
 
O martes 11 de xuño terá lugar a lectura continuada na biblioteca do IES Perdouro .

Encontro literario con María Reimóndez

O martes 14 de maio María Reimóndez conversará co alumnado de 2º de ESO sobre a obra Furia.

 

 

Encontro e Ruta literaria con Lois Pérez

O xoves 09 de maio teremos a Lois Pérez na biblioteca para conversar co alumnado de 1º de ESO sobre a obra A Tribo do mar. 

Logo fará unha pequena ruta ata o pavillón Vista Alegre con alumnado de 4º ESO PDC e co alumnado do club de lectura do IES Monte Castelo.

 

Pílulas formativas do alumnado de Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 2º de Bacharelato

O alumnado de Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 2º de Bacharelato leva preparando nas últimas semanas breves pílulas formativas para explicarnoss de maneira doada algúns dos conceptos que estudan na aula. 

Con estes experimentos e exposicións gráficas entenderemos moito mellor a Xeoloxía e as Ciencias Ambientais. Grazas polo voso labor de divulgación. 

Aquí están os últimos vídeos que prepararon para explicarnos a densidade, a presión e a illa de calor: 

Rúa da Microrrede - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

 

O martes 7 de maio, ás 17h00 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares PLAMBE da Mariña á que pertencemos. 

As obras que aí se presentan brinda unha pequena homenaxe a Ibañez, humorista gráfico creador de Mortadelo e Filemón.

O cartel é obra da alumna de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Laura González Freire que agradecemos por brindarnos a portada que abre as portas ao noso traballo colaborativo. 

A exposición conta con 20 cadros e dun cómic artístico colaborativo, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 7 ao 10 de maio de 2024.

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA 

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP O VICEDO
  7. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  8. CEIP PENÍNSULA DA PAZ (San Cibrao)
  9. CEIP de CERVO (Cervo)
  10. CEIP Fondo Nois (Foz)
  11. CEIP Plurilngue SANTA MARÍA DO VALADOURO (Valadouro)
  12. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  13. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  14. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  15. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  16. IES ILLA DE SARÓN (Xove)
  17. IES MONTE CASTELO (Burela)
  18. IES PERDOURO (Burela)
  19. IES ALFOZ-VALADOURO
  20. EOI Luz Pozo (Viveiro)

 

Taller de minerais

O pasado xoves catro de abril tivemos o pracer de recibir o renomeado xeólogo Fran Canosa no noso centro para que nos impartira unha agradable clase. Nela explicou, a fume de carozo e de xeito ameno e exemplificado, as propiedades dos minerais. Non era a primeira vez que se realizaba unha actividade con este xeólogo, quen destaca tanto polo ensino como por ser un bo divulgador e defensor do patrimonio xeolóxico. 
 
O taller foi impartido no laboratorio para o alumnado de primeiro da ESO e para o de Bioloxía de segundo de Bacharelato. Cabe destacar as capacidades pedagóxicas do xeólogo, pois explicaba dun xeito tal que os pequenos comprendían perfectamente propiedades mineralóxicas que sorprenderon ata aos máis maiores, profesorado incluído. 
 
Fran, despois de deixar ben clara a diferenza entre rocha e mineral, explicou o hábito, a dureza, a cor da raia o brillo... e as propiedades que máis chamaron a atención: a fluorescencia e a fosforescencia. Sempre de xeito interactivo e cunha peza a disposición para exemplificar cada unha das explicacións, porque o alumnado científico do centro quere convencerse a base de probas. 
 
Podedes acceder ás imaxes aquí.
 
 Gabriela Pedre Lastra - 2º Bacharelato A

Exposción Especial BD para a Microrrede

A Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña rende este ano unha especial homenaxe a Francisco Ibañez. A exposición conxunta que se celebrará en Viveiro do 7 ao 10  de maio leva por título 13 rúa da Microrrede, coincidindo coa edición nº 13 da exposición.

No IES Perdouro, quixemos plasmar nunha viñeta os protagonistas da familia Trapisonda de Ibañez. Para iso, inspirámonos no traballo da artista galega de banda deseñada, Bea Lena, recén galardoada no Festival de BD de Angoulème coa súa obra Corpo de Cristo. Ela borda os seus debuxos en formato téxtil.
 
Un grupo de alumnado de 4º ESO confeccionou empregando a técnica das arpilleiras (cosendo a man e a máquina, bordando e pasando o ferro) os elementos que ían compoñer a viñeta de 95x75cm. Os retais foron doados por Arranxos a quen agradecemos moito a súa xenerosidade. En definitiva, fixemos un traballo cooperativo de custo cero. 

 

Tamén participamos cunha viñeta nunha tira cómica colaborativa, Supermariña e Martiño, entre os 20 centros que forman a Microrrede. O resultado final desta aventura poderá verse na exposición da Sala de Multiusos do Concello do Viveiro ou AQUÍ.

Podes ver a reportaxe de fotografía AQUÍ.  

Ademais, temos feitos uns xogos para medir os teus coñecementos en canto a personaxes de BD. Aceptas o reto? Adiante.

 

 XOGO 1 . Heroes e heroínas de BD

 

XOGO 2: Personaxe de BD francófonos

Presentación da charla formativa aberta: "As altas capacidades"

Programamos unha ponencia sobre as altas capacidades. Olalla Méndez Arias, orientadora, axudaranos a coñecer e comprender mellor as altas capacidades para contribuír ao desenvolvemento intelectual, social e emocional dos nosos adolescentes. Saberemos como detectar as altas capacidades, como evolucionan e como atendelas ao longo da vida.

Conferencia aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 08/05/2024 ás 18h30

 
Accede á presentación AQUÍ

Campus de verán XuvenCiencia_2024

Mañá, día 3 de maio ás 15:30h, abre o prazo de inscrición para o Campus de Verán XuvenCiencia.

Pode participar o alumnado de 3º e 4º ESO, BAC e Ciclos Medios de FP.

O obxectivo do Campus XuvenCiencia é poñer ao alumnado en contacto directo coas diversas ramas das ciencias experimentais, sociais e da tecnoloxía así como coa contorna universitaria. Ofertan durante 5 días unha multitude de actividades prácticas, tanto na rama Científico-Técnica como na Científico-Social, coa participación de todas as facultades e escolas universitarias da USC no Campus de Lugo e a colaboración de moitas empresas e laboratorios externos.

Duración do Campus: 30 de xuño ao 6 de xullo.

Custo da matrícula: 250€

Poden encontrar toda a información na seguinte ligazón: https://xuvenciencia.org/campus

 

Aulas Limpas do mes de marzo: a de 4º ESO B volve a ser a mellor aula

De novo a aula 204 volve a ser a máis limpa e ordenada. O mobiliario está sempre en orde e destaca a recollida de pilas e de material escolar. Ademais, o seu taboleiro está ben organizado e con traballos expostos de tamaño mural e A4. 

Séguea en puntos a aula 101, pertencente a 4º ESO PDC, e en 3º lugar está a aula 401, de 4 º ESO A, polo que felicitamos o alumnado de 4º ESO, que este mes ocupou os tres primeiros postos de Aulas Limpas. 

Parabéns e ánimo para o resto dos grupos, que aínda quedan un par de meses para ter a aula máis limpa e ordenada. 

Recordade: todas as aulas deben ter caixa ou recipiente para recoller pilas e material escolar. Lembrade tamén deixar as ventás e persianas dos extremos pechadas e as do medio, abertas. As limpadoras recórdannos que deixemos as mesas separadas das paredes para poder pasar limpando por ambos os lados de todas as mesas e que se revisan estas por debaixo para que ninguén pegue chicles. 

 

CanSat 2024

Estivemos no CanSatGal coa proposta dun grupo de alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach coordinado pola profesora Marga López Periago.

CanSat é unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
Este ano, en Galicia, competiron 140 estudantes de 23 equipos pertencentes a 19 centros educativos na fase rexional de lanzamento de satélites e entre eles nós.
Que é un CanSat? É unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. Logo da construción do noso prototipo "Foghete Pataqueiro 73_X", viaxamos ata o aeródromo das Gaivotas  en Cerceda para realizar o seu lanzamento. Había que lanzar o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e deixalo caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consistía en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso. Aterramos nun campo sen danos.
Posteriormente, houbo  que ir defender os resultados do proxecto, no que se valorou a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas.
Finalmente, o noso CanSat "Foghete Pataqueiro 73_X" gañou o premio ao mellor logro técnico na fase galega.
Accede ao noso albúm de fotos AQUÍ.

 

Torneos San Xoán Bosco 2024 - Finais de Baloncesto e Fútbol

Logo de varios meses de competición nos recreos, chegou a celebración das finais dos xogos de equipos dentro dos Campionatos anuais de San Xoán Bosco. Agradecemos infinitamente a Emérito Fernández Cabaleiro pola programación e supervisión dos partidos. 

Os resultados foron:

Na final de fútbol sala celebrada o 14 de marzo o grupo de alumnado de 4° ESO B e PDC alzouse coa vitoria nos penaltis, despois dun intenso partido contra os que resultaron subcampións, 2° de Bacharelato A.
O martes desta mesma semana celebrouse tamén un partido no que 2° de Bacharelato A conseguiu pasar á final despois de vencer ao equipo de profesorado por 2-1.

Na final de baloncesto celebrada o 23 de abril, enfrontáronse 2° Bacharelato A e 2 ° ESO A. O equipo de 2° ESO foi o vencedor. O resultado foi 7-2.

Moitos parabéns aos campións e ao subcampión!! E como ben dicía Pierre de Coubertin, o importante é participar. Grazas a todxs.

Día do Libro: Don Quixote da Lúa

Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
 
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado. 
 
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron. 
 
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut