FacebookSíguenos en YouTube

UN ALMORZO MOI MERECIDO PARA O ALUMNADO DE 2º BACHARELATO

O alumnado de 2º BACH gozou hoxe dun saudable almorzo no Centro nun ambiente moi tranquilo e agradable.

Coma vén sendo habitual introduciuse a actividade cunha pequena charla na que se lles abre o abano de posibilidades para realizar esta primeira comida de xeito san e así afrontar con enerxía o resto da xornada lectiva.

A continuación chegou a parte práctica na que degustaron distintos produtos naturais e de calidade (pan fresco, froita variada, xamón, aceite, tomate, produtos lácteos....) que desexamos que lles aproveitasen ante todo, pero que, tamén lles axude a reflexionar sobre a importancia de almorzar con tempo e con variedade.

Todo o alumnado presente puido comprobar de primeira man canto máis se goza da alimentación sen estrés e con boa compañía!

Matinée cinéma

Hoxe o alumnado de 2°, 3°, 4° da ESO e 1° de Bacharelato , que cursan a materia de francés, gozaron dunha mañá de cine en Santiago.

A alianza francesa convidounos a asistir ao Festinema coa proxección de “La Petite Bande”.

Ao sair, o alumnado comentou que lle gustou moito esta comedia francesa protagonizada por cinco  adolescentes da súa idade e que lles resultara fácil de entender a pesar de non estar acostumados a ver películas en versión orixinal.

O ALUMNADO DE 1º FP BÁSICA E 1º CICLO MEDIO DESFRUTA DUN ALMORZO SAUDABLE

Hoxe o alumnado de 1º FP Básica e 1º Ciclo Medio tivo a oportunidade de gozar dun almorzo equilibrado no Centro seguindo os consellos que lles demos na breve charla inicial.

1º Tomarse tempo para almorzar: o tempo ideal é de 20 a 30 minutos para realizar unha boa dixestión. Eles e ellas hoxe cumpriron de xeito sobrado este requisito pois tiveron sobre uns 40 minutos.

2º Elixir ben todos os nutrientes: é fundamental afrontar con enerxía a xornada de aprendizaxe, por iso lles propoñemos proteínas, graxas, hidratos de carbonos, fibra, vitaminas e minerais que conteñen a variedade de alimentos que lles ofrecemos: froita, lácteos, cereais, pan e aceite de oliva entre outros.

3º Dar máis importancia á calidade: os produtos que ofrecemos na súa maioría son galegos e de gran calidade co que tamén cumpriron este requisito.

4º Fomentar a dieta mediterránea, un dos modelos nutricionais máis saudables a nivel mundial. Por iso servimos aceite de oliva.

5º Planificar o almorzo: no día de hoxe todo o alumnado tiña planificado o seu almorzo abríndolle un abano de propostas diferentes.

Polo tanto, confirmamos o que sinalábamos ao comezo: o alumnado de 1º de FP Básica e 1º Ciclo Medio tomou un almorzo completísimo e moi equilibrado.


PUÑOS DE HARINA

Hoxe o alumnado de 2º, 3º 4º da ESO e 1º Ciclo Medio, asistiu en Vimianzo á representación da obra de teatro Puños de harina.

Esta obra da compañía andaluza El Aedo que acadou premios ao mellor actor, á mellor escenografía e foi finalista entre outros aos premios Max 2021 e aos premios Cinemagavia 2021, permitiulle ao noso alumnado reflexionar sobre a violencia, o racismo, a homofobia e a masculinidade. 

Este monólogo presenta dúas historias nas que coñecemos, de xeito paralelo, a dous personaxes relacionados co mundo do boxeo e a cultura xitana: por unha parte a historia real de Rukeli, o boxeador alemán e xitano que desafiou a Hitler na época da Alemaña nazi e, por outra parte, coñecemos a Saúl, un mozo xitano homosexual que, na España rural dos anos 80, busca a súa identidade e intenta sobrevivir no seo dunha familia tradicional.

En definitiva, a historia de Rukeli, Saúl e outros xitanos que loitaron, resistiron, morreron e sobreviviron ao Holocausto e á sociedade; a historia de como algúns homes se esforzan por encaixar no concepto ideal de “ser homes de verdade”, nun contexto que os rexeita pola súa raza, a súa cultura ou a súa orientación sexual.

Agradecemos ao Concello de Vimianzo esta iniciativa, xa que contribuiu a que durante hora e media o alumnado empatizase e se achégase á temática tratada.

UN GRUPO MOI SELECTO DE 1ºBACH GOZA DOS ALMORZOS SAUDABLES

Empezamos os almorzos saudables nesta semana cun grupo moi reducido de alumnos/as de 1º BACH por mor da folga de estudantes que estaba convocada para hoxe. Nun agradable e tranquilo ambiente desenvolveuse a clase práctica na que se lles propón ao alumnado unha proposta de primeira comida axeitada para superar con enerxía a longa xornada de estudo.

 

Tras unhas pílulas informativas sobre as características que todo almorzo debería ter, cada rapaz e rapaza saboreou os produtos que máis lles apetecía entre os que se ofrecían: leite de vaca, con lactosa e sen lactosa, ou de soia con cacao puro ou mel, iogur con avea, pan, tomate e aceite ou con xamón, froita....Despois de degustar os alimentos e quedar con bo sabor de boca, puxéronse mans á obra e axudaron a recoller a mesa. Finalmente marcharon relaxados e satisfeitos á seguinte hora de clase.

PREPARÁMONOS PARA OS PRIMEIROS AUXILIOS

O pasado seis de novembro estivo con nós Alejandro, técnico de Cruz Vermella, para realizar xuntos uns Obradoiros de Primeiros Auxilios.


A rapazada de 1º e 2º CM de SMR participou activamente 
na actividade, como tiña que ser, buscando perderen o medo aos primeiros auxilios nunha situación de emerxencia.


Traballamos sobre o contido 
dos nosos botiquíns de emerxencias, así como da aplicación. Non paramos aí, xa que vimos os atragoamentos, os cortes profundos ou superficiais, as paradas cardíacas, os accidentes con feridos nas estradas, as queimaduras, as picaduras de insectos e outros "bechos", así como as cómicas situacións nas praias coas pisadas sobre as fanecas. Logo tomamos os bonecos, démoslle duro, e fixemos unha RCP, cada un co seu subir e baixar.....alá foi toda a mañá.

Grazas Alejandro, moi interesantes e refrescantes as túas impresións.

OS MORTOS QUE AMEI, CON IRIA COLLAZO

Esta tarde embarcámonos nunha viaxe guiada por Iria Collazo e na que nos acompañaron Celeste, Antón e todas as súas compañías e vivencias. Unha viaxe pola vida de dúas persoas que nos achega  e amosa, cunha maxistral mestura de humor e realidade, un modelo de vida que se está extinguir e que nos lembra con tenrura aos nosos avós. A idiosincracia do galego reflíctese de xeito brillante a través da riqueza expresiva e lingüística coa que se narra a historia.

A presenza de Iria permitiunos coñecer as influencias e fontes de inspiración desta novela, a súa técnica de escritura, e múltiples detalles e anécdotas que, poñéndolle diferentes nomes aos protagonistas: podería ser unha fiel biografía decalquera de nós. 

Iniciamos coa escritora moañesa no Club de Lectura de Adultos Baiolendo os encontros literarios que teremos ao longo deste curso. Unha xuntanza que destacou pola gran participación dos e das asistentes e que deu lugar a profundas reflexións que enriqueceron a lectura individual previa. 

Recomendamos a lectura de Os mortos que amei, unha entrañable historia do noso rural que nos fixo saír, a partes iguais, os sorrisos e as bágoas. 

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA SOLIDARIZASE COAS VÍTIMAS DA DINA

A Comunidade Educativa do IES Maximino Romero de Lema quere amosar toda a súa solidariedade e apoio ás vítimas da DINA e enviar todo o noso agarimo aos afectados e familiares.

Como mostra desta solidariedade, habilitouse un punto de recollida de alimentos non pereceiros, produtos de hixiene persoal e de limpeza no propio instituto para paliar os efectos da situación tan crítica que están a vivir.

A resposta a este chamamento foi masiva: foron moitos os que se mobilizaron e nos entregaron a súa doazón, sensibilizados ante a devastación provocada pola chuvias torrenciais no Levante.

Os produtos recollidos entregaranse ao Concello de Zas que se encargará de envialos a Valencia cando llo soliciten, porque somos conscientes de que todo este material vai ser necesario, senón agora, si a medio prazo.

Agradecemos a toda a Comunidade a gran resposta que tivo e énchenos de satisfacción contribuír, aínda que sexa cunha pequena axuda, a aliviar aos afectados polas inundacións.

Distribuir contido