Empezamos os almorzos saudables nesta semana cun grupo moi reducido de alumnos/as de 1º BACH por mor da folga de estudantes que estaba convocada para hoxe. Nun agradable e tranquilo ambiente desenvolveuse a clase práctica na que se lles propón ao alumnado unha proposta de primeira comida axeitada para superar con enerxía a longa xornada de estudo.
Tras unhas pílulas informativas sobre as características que todo almorzo debería ter, cada rapaz e rapaza saboreou os produtos que máis lles apetecía entre os que se ofrecían: leite de vaca, con lactosa e sen lactosa, ou de soia con cacao puro ou mel, iogur con avea, pan, tomate e aceite ou con xamón, froita....Despois de degustar os alimentos e quedar con bo sabor de boca, puxéronse mans á obra e axudaron a recoller a mesa. Finalmente marcharon relaxados e satisfeitos á seguinte hora de clase.