FacebookSíguenos en YouTube

Blogues

3º PREMIO NO FESTIVAL OUFF ESCOLA DO CONCELLO DE OURENSE

O IES Maximino Romero de Lema acada o 3°premio do festival OUFF Escola na categoría de secundaria.


O traballo A maxia da poesía nunha canción acadou o terceiro premio no XV festival de cine OUFF Escola do Concello de Ourense, onde se presentaron máis de 100 traballos de centros educativos galegos.

Este traballo, realizado polo alumnado de 4°da ESO do curso 2023-2024 coordinados por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, pon música a dous poemas clásicos da literatura galega, facendo uso da IA. Un dos poemas é "Galicia" de Manuel María e o outro é "Cando a luniña aparece" de Rosalía de Castro.


Dende o noso IES amosamos a nosa satisfacción porque os proxectos educativos trascendan ó centro e teñan visibilidade para poñer en valor todo o que o alumnado fai e sobre todo por poñer sobre a mesa propostas metodolóxicas novidosas que motivan ao alumnado, como é neste caso, a achegarse con entusiasmo á literatura galega.

Pódese ver este traballo no seguinte enlace https://youtu.be/3t-C66Kj2So?si=jX9I1AdUBjBi4B7H

VISITA AOS TESOUROS DA CATEDRAL DE SANTIAGO

O día 19 de novembro de 2024, o alumnado de 3º da ESO e o alumnado de 4º da ESO que cursa a materia de Música acompañados dos profesores Francisco Bóveda e AlbertoCoya, visitamos a Catedral de Santiago. Logo dunha viaxe tranquila dende Baio, chegamos á Praza do Obradoiro que nos recibiu con música dun gaiteiro. Un día luminoso e frío que engaiolou o noso ánimo.

 

Jorge Viz, guía do Museo da Catedral, revelounos unha mostra dos instrumentos musicais que se expoñen na cociña medieval do Pazo de Xelmírez, que son réplica dos portados polos personaxes do Pórtico da Gloria. Trasportados ao Pórtico da Gloria, Jorge, debullou a teoloxía musical atrapada na pedra. A Trinidade como signo permanente en todo o traballo do Mestre Mateo, dende hai 1.000 anos alí gardados. Foi rápido e sinxelo.

 

Logo, o noso cicerone, acompañounos a buscar ao organista da Catedral, Adrían Regueiro, que quedou coa metade do grupo. A outra metade trocamos as alturas polas profundidades, indo na busca dos Arquivos da Catedral. O Canónigo Arquiveiro, Francisco J. Buíde, recibiunos nas portas da historia.

 

Descreber con poucas palabras o acontecido non é sinxelo. O órgano da Catedral sonou para recibirnos: tronou, berrou, piou e agarimou a nosa presenza. Atopamos, cal Harry Potter, os textos de latín e castelán antigo, as partillas notariais, as actas dos encontros capitulares e os cánones de musica, os pesados e voluminosos cánones.Despedímonos de Santiago con pena, desacougo, tantas emocións e descubertas. Axiña voltaremos.Grazas D. Jose Fernández, D. Francisco J. Buíde, D. Adrián Regueiro e Jorge Viz, pola vosa vontade e disposición.

4º DA ESO PARTICIPA DOS ALMORZOS SAUDABLES!

Hoxe o alumnado de 4º da ESO participou do programa “almorzos saudables” e degustou produtos variados, frescos e de calidade. Unha vez máis insistimos, na pequena charla que inicia a actividade, na importancia de realizar na casa un bo almorzo; en caso contrario diminuírase a eficiencia física e mental, a creatividade, o traballo e o rendemento escolar durante a mañá; ademais, realizar correctamente a primeira comida do día, tamén axuda a controlar o sobrepeso e a calidade da dieta.

Quedaron tan contentos, que repetirán!!

“PORQUE A VIOLENCIA NUNCA É A SOLUCIÓN. ATA QUE O É”

A escritora Antía Yáñez publicou o pasado 7 de novembro o seu novo libro, O Clan das Barbies, e hoxe visitou o Club de Lectura de Adultos Baiolendo  para compartir reflexións xurdidas da súa lectura. 

 

A novela presenta a tres personaxes moi feridas, Alma, Carla e An, que se coñecen nunha clínica de fertilidade e establecen unha amizade na que comparten a súa dor e o desexo de liberarse dos seus opresores. Son conscientes de que todo sacrificio ten un límite e deciden vingarse da sociedade que as maltratou. “A moitos non lles queda nada máis que a violencia. Ás veces está xustificada” comentou Antía.

 

Na obra descríbense algunhas das situacións nas que a condición feminina é tratada de maneira violenta, discriminatoria, abusiva, non só por parte dos homes, senón por parte das institucións, dos poderes, da sociedade en xeral. Situacións que acontecen nunha hipotética sociedade futura, pero que suceden igualmente hoxe e existiron no pasado. 

 

Entre os e as asistentes estableceuse un interesante debate sobre se era lícito ou non que o e as protagonistas rachasen coa violencia esa situación de maltrato; sobre como se reacciona cando unha persoa chega ao límite; sobre se a violencia pode estar ou non xustificada ou sobre as distintas maneiras de exercela por parte dos homes e das mulleres. A posta en común das reflexións vertidas enriqueceron, unha vez máis, a lectura individual.

 

Un libro de lectura áxil, no que se van acumulando tensións que culminan nun estalido de violencia inevitable coa que autora quixo demostrar que tamén as mulleres poden usala para ir contra a sociedade que a utilizou contra elas.

A IMPORTANCIA DE SEPARAR OS RESIDUOS NOS FOGARES

O pasado xoves, o alumnado de 1º ESO realizou unha visita ao Complexo Ambiental de Cerceda que constitúe o epicentro da actividade da empresa pública Sogama. Para comezar recibiron unha sesión informativa e formativa sobre a actividade que alí se realiza: tratamento dos residuos (bolsa amarela e bolsa negra) complementada coa Recuperación enerxética da parte non reciclable.  

 

Puxeron a proba o coñecemento de nenos e nenas do uso dos colectores de diferentes cores, e para poñelo en práctica tiraron parte do lixo que xeraran na súa merenda en diferentes caldeiros. Tamén xogaron por quendas con máquinas Arcade para desenvolver habilidades na separación de residuos. Despois, equipados con lentes de realidade virtual, visualizaron un vídeo inmersivo 360º das instalacións que conforman o Complexo Medioambiental. 

 

Finalmente, como non se pode acceder ao Complexo a pé por motivos de seguridade, fixeron unha visita guiada en autobús na que se repasou  a funcionalidade de cada instalación. Pechouse a visita coa aclaración de dúbidas e coa entrega dun pequeno obsequio de lembranza para cada alumno/a.

 

Despedíronse satisfeitos porque foi unha visita moi dinámica na que a interacción e participación activa dos e das asistentes foi fundamental.  Desexamos que se lograra reforzar a idea da importancia da separación de residuos dende o mesmo fogar para que despois en Sogama poidan ser máis eficientes na preparación de residuos listos para reciclar en distintas empresas.

QUE É ISO DA FÍSICA DE PARTÍCULAS

No Club de Ciencia seguimos celebrando o Mes da Ciencia en Galego 2024 con numerosas actividades. Unha delas desenvolveuse o xoves pasado cando veu visitarnos dende o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) José Iván Cambón para impartir unha charla divulgativa Que é iso da física de partículas ao alumnado de 1º BACH

 

Dun xeito moi visual, puidemos viaxar dende as partículas máis grandes como as galaxias ata as máis pequenas que inclúen non só os átomos senón tamén as partículas subatómicas como o protón, o electrón e o neutrón, incluíndo outras partículas como os quarks, os bosóns… Durante a explicación afondou sobre as diferentes partículas subatómicas que se poden atopar así como do concepto da materia e da antimateria. 

 

A física de partículas busca respostas relacionadas cos elementos esenciais que constitúen o universo así como das forzas fundamentais que as gobernan: a electromagnética, a nuclear débil, a nuclear forte e a gravitatoria. Para o cal precisa instrumentos moi grandes e complexos como os aceleradores de partículas e os detectores (como son o CMS, o ATLAS, o ALICE ou o LHcB). No CERN dispoñen do gran colisionar de hadróns ou LHC que é o acelerador de partículas máis potente do mundo.

Charla da UPTA sobre Emprendemento: Aprender a Emprender

O día 15 de novembro estiveron con nos dous representantes da UPTA ("Unión de Profesionales y Trabajadores Autónomos"). Felipe e Montse aproximáronnos ao mundo do Emprendemento: modelos de plan de empresa, subvencións, axudas, préstamos, tipoloxía de empresas, impostos, presupostos.... A rapazada de 1º e 2º CM de SMR non parou de tomar notas, o tema foi atraínte e interesante. Logo viñeron os casos reais e as preguntas, todo en 50 minutos.

Grazas Montse e Felipe. Unha experiencia enriquecedora e moi explícita.


Voltade cando queirades, aquí deixades uns amigos.

DESCUBRINDO NA ESCURIDADE

 O mércores pasado o alumnado de 1ºESO foi recibido por Víctor Tílve nunha sala case ás escuras, cuxa única luz proviña de varias candeas. Así creou Víctor expectación e introduciu a temática da charla que ía impartir: a contaminación luminosa, as súas causas e as súas consecuencias.

O brillo artificial do ceo nocturno non só impide que vexamos as estrelas, senón que tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana.   Iluminar non sempre é o máis seguro se non se fai correctamente: a luz, entre outras consecuencias, afecta ás relacións depredador-presa no medio salvaxe, ós neonatos de tartarugas e aves mariñas, diminuíndo a súa probabilidade de supervivencia; inhibe a segregación de melatonina e, por iso, impide o descanso efectivo durante a noite.

A popularidade da luz LED, lonxe de conseguir unha mellora da iluminación pública, está provocando o uso de luces brancas que aumentan a contaminación luminosa indirecta, ao mesmo tempo que crea un efecto rebote polo seu reducido custo que afonda no consumo enerxético excesivo co aumento da contaminación atmosférica, e todo por non usar correctamente esta tecnoloxía. 

É imprescindible para avanzar no coidado do medioambiente e da saúde sensibilizarnos ante este tipo de contaminación do aire, un problema en aumento nos últimos anos.

Aproveitou Víctor, en colaboración coa Universidade da Coruña, para instalar de novo no Centro un medidor de brillo de ceo nocturno e así contribuír ao seu estudo para introducilo no mercado.

Distribuir contido