O club de lectura do noso Centro é unha constelación de diversos grupos organizados para ler e comentar libros, para brindar un espazo enriquecedor de reflexión e o diálogo, e para desenvolver relacións interpersoais entre os seus integrantes a partir dunha paixón común: a lectura.
Este derradeiro motivo foi o que nos levou a inaugurar o club de lectura do curso que comeza, cunha saída fóra do espazo escolar para que os seus membros se coñecesen polos seus nomes, creasen ou reforzasen relacións de amizade e desenvolvesen unha relación de pertenza a Baiolendo. E cremos que o conseguimos!
Viaxamos ata a Illa da Toxa na que visitamos a ermida de San Caralampio e atravesamos os fermosos xardíns que a rodean para tomar un barco no que sucamos a Ría de Arousa e no que revelamos quen ía dinamizar cada un dos grupos do club de lectura. Tamén observamos os fondos mariños e achegámonos ás bateas de mexillóns, ostras e vieiras nas que, mentres viamos os barcos faenando, nos explicaron o seu funcionamento. E todo isto degustando mexillóns a fartar acompañados de refrescos e mesmo bailando ao son da alegre música que amenizou a excursión marítima.
De volta a terra firme dirixímonos cara á Aldea dos Grobits, un orixinal parque no que todos e todas puidemos gozar. Finalmente fomos comer ao Grove e despois dun paseo polo porto no que participamos do ambiente festivo da Feira do Marisco demos por finalizada a excursión.
Un día para a lembranza, para os descubrimentos culturais, para as conexións humanas que se establecen a través da lectura e para embarcármonos na emocionante aventura de ler un ano máis.
O alumnado de 1º e 2º da ESO por unha banda, o alumnado de 3º, 4º da ESO por outra e o alumnado de 1º Bach doulle a benvida a Johnny, con quen tiveron unha sesión en inglés de cultura xeral do Reino Unido, doutros países de fala inglesa, e de literatura gótica con preguntas varias a modo concurso e agasallos para ós afortunados.
O ponente presentou diversos aspectos da cultura e explicou os elementos e simboloxía máis coñecidos destes países. O alumnado tivo a oportunidade de contestar preguntas sobre temas variados con comodíns, sendo un destes unha chamada telefónica á nai de Johnny en Irlanda falando directamente con ela.
Foron unhas sesións moi enriquecedores e dinámicas para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.
O martes, 24 de setembro, recibimos no IES a Guillermo Rilo, responsable da rede de axentes do Banco Santander, que impartiu unha charla titulada "Contas, tarxetas e medios de pago", encadrada dentro do Programa "Finanzas para mortais", que forma parte do Plan Eduemprende, no que colaboran o Banco Santander e a Fundación da Universidade de Cantabria.
Os alumnos de 1º CM do Ciclo de Sistemas Microinformáticos e Redes, da FP, participaron activamente nela. Todos teñen unha conta bancaria, polo que non dubidaron en preguntar sobre comisións e xuros. Non tardou en chegar o mellor: as tarxetas de crédito. Arreciaban as preguntas, pois non se entendía con claridade por que as entidades financeiras poden prestarche cartos ao longo dun mes, para cobrarche, no fin do mes, todo o préstamo concedido. Aproveitou Rilo para clarificar conceptos, examinar cláusulas de contratos, achegarnos as figuras das persoas xurídicas e físicas, presentarnos situacións de sinaturas solidarias e mancomunadas.... Rematamos cun xogo final, como unha traca das festas, no que afirmaba: NON TE ENDEBEDES POR RIBA DO QUE POIDAS PAGAR NO MES SEGUINTE.
Para completar a visita do relator ao noso Centro, Carmen, Carla e Emmanuel fíxéronlle unha entrevista na radio que podedes escoitar no seguinte enlace.
Grazas Guillermo, estamos seguros que a xente de Calabanda falará de ti.
Volta cando queiras, aquí quedan uns amigos.
O mércores día 11 de setembro comezará a actividade lectiva para todos os niveis.
A presentación do alumnado realizarase segundo se indica a continuación:
GRUPO |
HORA |
LUGAR |
UBICACIÓN |
1º ESO |
8:45 |
Biblioteca |
Planta baixa |
2º ESO |
8:45 |
Aula de Usos Múltiples |
Primeira planta |
3º ESO |
8:45 |
Aula de Usos Múltiples |
Primeira planta |
4º ESO |
8:45 |
Aula de Usos Múltiples |
Primeira planta |
1º Bacharelato |
8:45 |
Aula 1º Bacharelato A (Humanidades e Ciencias Sociais) |
Primeira planta |
Aula 1º Bacharelato B (Ciencias e Tecnoloxía) |
|||
2º Bacharelato |
8:45 |
Aula 2º Bacharelato A (Humanidades e Ciencias Sociais) |
Planta baixa |
Aula 2º Bacharelato B (Ciencias e Tecnoloxía) |
|||
1º, 2º FP Básica |
O alumnado será convocado telefónicamente de xeito individual |
||
1º Ciclo Medio |
8:45 |
Aula 1º Ciclo Medio |
Primeira planta |
2º Ciclo Medio |
8:45 |
Aula 2º Ciclo Medio |
Segunda planta |
1º Ciclo Superior |
10:45 |
De xeito presencial: Aula 1º Ciclo Superior |
Edificio anexo |
De xeito telemático: a presentación estará publicada na plataforma de teleformación |
Unha vez finalizada a presentación, comezarán as clases con normalidade, segundo o indicado no horario entregado ao alumno/a.
O servizo de transporte escolar funcionará co horario habitual.
O IES Maximino Romero de Lema permanecerá pechado entre os días 1 e 31 de agosto. Para realizar calquera trámite e/ou consulta poden contactar con nós a través do correo: ies.maximino.romero.delema@edu.xunta.gal ou chamando ao teléfono: 881960015.
Moitas grazas.
Remata este curso e xubílase Esther, unha persoa que leva traballando no IES Maximino de Lema case que trinta anos, e o xoves 27 de xuño, compartimos con ela un xantar para despedila.
Unha persoa moi traballadora, comprometida, xenerosa, fiel….. e que coidou o Centro como a súa propia casa.
Desexámosche a partires de agora o mellor, sorte e felicidade nesta nova etapa que emprendes na túa vida para gozar dunha máis que merecida xubilación, e non te esquezas que o Maximino sempre será a túa casa e nós a túa familia.
Botarémoste moito de menos e sempre estaremos aquí para o que necesites.
Moitas grazas e moita sorte!
Publicados hoxe os resultados definitivos das notas da convocatoria ordinaria da ABAU 2024, o noso Centro ocupa o posto número 32 no ranking de notas da fase xeral, entre todos os centros públicos de Galicia.
En concreto, acadamos unha nota media de 7,171 puntos, a máis alta dos institutos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.
Estamos moi contentos e satifeitos por estes resultados e trasladamos os parabéns a toda a Comunidade Educativa.
O Director Xeral do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Gabriel Alén, xunto con Sol Vázquez, Xerente do mesmo, visitaron hoxe o noso Centro, para entregar ao alumnado de 1ºFPB os diplomas acreditativos de gañar o 1º premio do certame Consumópolis na categoría de 3º e 4º ESO e FP básica cunha cuantía de 1000 euros.
Gabriel Alén apelou entre os escolares a facer sempre un consumo responsable e sostible coñecendo sempre os dereitos básicos dos consumidores.
O concurso constou de dúas partes: a primeira, unha cidade virtual na que o alumnado tivo que superar 10 probas aprendendo sobre un consumo máis responsable, crítico, consciente e sostible, así como os seus dereitos como potenciais persoas consumidoras; e unha segunda parte, a realización dun traballo en equipo, que consistiu na realización du vídeo no que Los Pozzez, Javier Lema, Álvaro Rivera, Zaira Calo, Joel Fernández e Daniel Rojo, interpretan un rap no que denuncian o derroche da sociedade actual.
Parabén a tod@s e ao profesor Gonzalo de Castro-Acuña, coordinador do Plan Proxecta Consumópolis no que se inclúe esta iniciativa e que os animou a participar.
Un vídeo didáctico á vez que divertido do que vos deixamos aquí o enlace.