FacebookSíguenos en YouTube

Blogues

CANVIVINDO

O alumnado de 1º e 2º ESO participou nun taller sobre cans de rescate organizado pola asociación CASAGA (Cans de Salvamento de Galicia). CASAGA ten como obxectivo prestar servizo na Comunidade Autónoma de Galicia na que os cans desempeñan un papel relevante. Xa participou en moitos rescates de persoas desaparecidas, como exemplo, no terremoto de Sumatra en Indonesia.

A primeira parte consistiu nunha charla que tratou sobre a tenencia responsable: consellos e normas básicas para o benestar e educación das nosas mascotas como, por exemplo, como actuar cando chega ao novo fogar, no que ao principio se senten inseguros e estresados polo que hai que ser pacientes e deixarlles o seu espazo para relaxarse. Non debemos esquecer que aceptar animais de compañía implica certas obrigas e responsabilidades como pode ser a de recoller os seus excrementos na rúa. Explicaron aspectos da linguaxe canina, aclarando que significan algúns xestos dos nosos animais de compañía. Tamén deron resposta á pregunta: Por que os cans se saúdan cheirándose o cu?

Son moitos os beneficios que nos poden proporcionar e non esquezamos que hai moitos animais nos centros de acollida que están esperando por unha adopción a cal é unha opción moi aconsellable.

Na segunda parte do taller tivo lugar a demostracións e exhibición de Arnol, Thor e Anka, tres dos cans da asociación: fixeron exercicios de educación e obediencia, e tiveron que atopar a alumnos/as agochados en contedores o que resultou moi emocionante para a rapazada.

Para rematar sacamos unha foto de lembranza cos nosos novos amigos peludos!

CON-SENTIMENTO. SEXUALIDADE E ADOLESCENCIA

A educación sexual é un tema importante na vida de calquera persoa, especialmente durante a adolescencia. Nesta etapa da vida, a mocidade experimenta cambios físicos, emocionais e sociais importantes e pode ter preguntas e preocupacións sobre a súa sexualidade e relacións. Por iso o obradoiro sobre esta temática impartido por Malaika Cousillas ao alumnado de 1º CM de Informática tivo moi boa acollida.

A Educadora Social aclarou termos referentes á sexualidade e afondou nos riscos de aprender sobre a mesma a través da pornografía. Desterrou mitos sobre a sexualidade, falou de como vivir relacións afectivo-sexuais positivas, facendo fincapé na comunicación, o coñecemento, a protección e a igualdade. 

Os/as estudantes tiveron a oportunidade de falar tranquilamente do tema cunha especialista, de contar os seus medos e preguntar dúbidas para entender o seu corpo, a súa sexualidade e establecer relacións, sempre consentidas, de maneira saudable e segura.

A GAITA, UN INSTRUMENTO MUNDIAL

O gaiteiro, e profesor deste centro, Alberto Coya achegounos neste obradoiro o carácter mundial da gaita, un dos instrumentos musicais propios da nosa cultura, quizais o máis recoñecido, pero que tamén está presente, con distintos nomes, na música popular de moitos outros lugares da Península Ibérica (Asturias, Castela, Euskadi, Navarra, Aragón ...), de Europa (Francia, Irlanda, Escocia, Portugal, ...) e do resto do mundo (norte de África, Oriente Medio, …).

Mediante unha exposición moi ben documentada, Alberto Coya realizou unha detallada descrición da gaita e dos tipos de gaita de cada zona, seguida por un repaso da historia deste instrumento:  a súa orixe, etimoloxía, iconografía e a evolución histórica desde a súa orixe, probablemente en Mesopotamia, ata a actualidade.

Por último, presentou unha mostra de gaitas de distintos lugares (galega, asturiana, irlandesa, escocesa) e distintos tipos, incluso dúas gaitas electrónicas, explicando as súas características e interpretando unha peza con cada unha delas coas que puidemos comprobar as distintas tonalidades que producen e as diferentes maneiras de executar este instrumento, así como tamén as súas semellanzas e o seu carácter universal.

Foi todo un privilexio asistir a esta exposición da man dun dos mellores gaiteiros do país e do mundo e poder compartir os seus coñecementos e a súa paixón pola gaita.  Sen dúbida, unha actividade imprescindible para o coñecemento e a valoración da nosa cultura.

TEATRO GHAZAFELHOS CON H2..OH!

O teatro tamén chegou coa Semana Cultura da man da compañía Ghazafelhos que representaron unha peza baseada no libro do mesmo título de María Canosa para o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO.

H2..OH! é un laboratorio científico teatralizado, unha proposta de curiosidades científicas que experimentamos no noso día a día e moito, moito humor. A peza está protagonizada por María Canosa, unha divulgadora científica, e o matrimonio Curie, doutores en ciencia mundialmente coñecidos. 

Con extravagantes experimentos demostraron que os cascos protectores inventáronos os paxaros; por que a auga e o aceite non se mesturan; por que a torre Eiffel é máis alta no verán; como se alimentan as plantas; o funcionamento dos neutrinos; como se fai o formigón; que ósos destacan no esqueleto...

Moitas foron as pingas científicas que evidenciaron e sempre coa participación activa do público que gozou dende o comezo dun espectáculo teatral de calidade, moi lúdico e, á vez, didáctico. 

TRANSPARENTAR, UN ESPECTÁCULO DE DANZA

A compañía Mevadeus formada por Bal Castro, Inés Santos, Brais Pombo e Mara Neira, visitounos durante a Semana Cultural. É esta unha compañía que emprega o corpo e o son como ferramentas de expresión e experimentación co fin de tratar temáticas nas que se vexa reflectida a realidade e preocupación da súa xeración, a chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal: unha mocidade moitas veces silenciada e que con todo está fortemente implicada na loita social de todos os colectivos que sofren violencia na nosa realidade. 

Mevadeus crea  un teatro que busca o íntimo, que conecta a todas as persoas a través dun discurso propio, honesto e reivindicativo. Nesta ocasión puidemos gozar da peza de danza TRANSPARENTAR que formula unha pregunta principal: A Xeración de Cristal é fráxil ou transparente? Cuestión da cal emerxen outras que teñen algo en común, que pon o foco en diversos problemas sociais coma as enfermidades mentais, o uso das novas tecnoloxías, a sexualidade, etc.

Os corpos amosaron en escena a súa fraxilidade, permitindo que se vira a través deles. Deixando pasar a luz e o recoñecemento, o que os conforma e deforma.               

Deixándose ver

(A chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal está formada por persoas que naceron  entre finais dos anos noventa e dos inicios dos 2000)

OBRADOIRO DE MOVEMENTO

Bal Castro e Inés Santos sintonizaron  co alumnado 1º, 2º e 3º ESO nun obradoiro no que todos e todas realizaron unha serie de exercicios e xogos corporais relacionados coa palabra transparentar, isto é facerse visible, deixar ver a través do corpo. Foi un taller no que traballaron en como identificar a plástica corporal de cada un/unha dentro do grupo sen importar a idade nin o xénero. ´

Todo o alumnado seguiu activo e divertido os exercicios sinxelos da coreografía e de movemento  de  Bal e a Inés  na danza grupal: un espazo de reflexión que tivo coma finalidade achegarlles a danza á mocidade presente para descubrir a súa linguaxe corporal propia, mediante o xogo e a investigación e sen pretensión da forma nin do resultado.

Gozaron moitísimo desta iniciativa  na que conectaron co seu propio corpo e exploraron co movemento tomando presenza aquí agora.

MOMENTOS GOURMET

O alumnado de 1ºFP Básica puido descubrir o lado culinario francófono coa axuda da profesora Begoña Espasandín.Na primeira parte da sesión facilitóuselles os ingredientes para elaborar unha receita de gofres belgas. Unha vez feitas, degustaron as súas creacións acompañándoas con diversas froitas e sirope de chocolate. 

Na segunda parte, despois de aclarar as diferenzas entre a filloa galega e a crepe francesa, fixeron crepes salgadas seguindo unha receita tradicional da "galette", orixinaria de Bretaña que ten como peculiaridade a utilización da fariña de trigo sarraceno, apta para celíacos xa que non contén gluten. A rapazada reenchou as súas crepes salgadas con xamón e queixo fundido. 

Para finalizar o momento gourmet tamén cociñaron unhas crepes doces reenchéndoas con sirope de chocolate e decorándoas con froitas: non podía faltar este delicioso doce tan típico na gastronomía francesa. 

O alumnado valorou esta actividade como divertida e exquisita. Madia leva!

PODCAST POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Dentro do marco da Semana Cultural o Equipo da Biblioteca organizou un taller de radio impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e que foi dirixido a parte do alumnado de 1º de Bacharelato. O tema no que se centrou o obradoiro foi o da igualdade de xénero.

Os e as estudantes puideron coñecer que é o discurso do odio e cando este pode acabar sendo un delito. Reflexionaron sobre os límites da liberdade de expresión cando chocan de fronte co odio e debateron ao respecto. Ademais,  a través da análise de titulares de noticias e campañas publicitarias de actualidade así como de publicacións en redes sociais, puideron evidenciar no tratamento mediático que se lle dá a sucesos relacionados con mulleres, como ese discurso do odio lles afecta especialmente buscando a súa discriminación.

A continuación o alumnado dividido en pequenos grupos creou cuñas radiofónicas que gravaron na mesma sesión e nas que reflectiron o seu sentir sobre o tema tratado. Aquí vos deixamos as cuñas para que poidades escoitalas.

É esta unha iniciativa máis de promoción da igualdade de xénero que se levan a cabo no Centro.

https://drive.google.com/drive/folders/1Blgy3NiG7vYGQqR6f_or6lJhZfaPqPTf?usp=sharing

Distribuir contido