FacebookSíguenos en YouTube

Blogues

UN GRUPO MOI SELECTO DE 1ºBACH GOZA DOS ALMORZOS SAUDABLES

Empezamos os almorzos saudables nesta semana cun grupo moi reducido de alumnos/as de 1º BACH por mor da folga de estudantes que estaba convocada para hoxe. Nun agradable e tranquilo ambiente desenvolveuse a clase práctica na que se lles propón ao alumnado unha proposta de primeira comida axeitada para superar con enerxía a longa xornada de estudo.

 

Tras unhas pílulas informativas sobre as características que todo almorzo debería ter, cada rapaz e rapaza saboreou os produtos que máis lles apetecía entre os que se ofrecían: leite de vaca, con lactosa e sen lactosa, ou de soia con cacao puro ou mel, iogur con avea, pan, tomate e aceite ou con xamón, froita....Despois de degustar os alimentos e quedar con bo sabor de boca, puxéronse mans á obra e axudaron a recoller a mesa. Finalmente marcharon relaxados e satisfeitos á seguinte hora de clase.

PREPARÁMONOS PARA OS PRIMEIROS AUXILIOS

O pasado seis de novembro estivo con nós Alejandro, técnico de Cruz Vermella, para realizar xuntos uns Obradoiros de Primeiros Auxilios.


A rapazada de 1º e 2º CM de SMR participou activamente 
na actividade, como tiña que ser, buscando perderen o medo aos primeiros auxilios nunha situación de emerxencia.


Traballamos sobre o contido 
dos nosos botiquíns de emerxencias, así como da aplicación. Non paramos aí, xa que vimos os atragoamentos, os cortes profundos ou superficiais, as paradas cardíacas, os accidentes con feridos nas estradas, as queimaduras, as picaduras de insectos e outros "bechos", así como as cómicas situacións nas praias coas pisadas sobre as fanecas. Logo tomamos os bonecos, démoslle duro, e fixemos unha RCP, cada un co seu subir e baixar.....alá foi toda a mañá.

Grazas Alejandro, moi interesantes e refrescantes as túas impresións.

OS MORTOS QUE AMEI, CON IRIA COLLAZO

Esta tarde embarcámonos nunha viaxe guiada por Iria Collazo e na que nos acompañaron Celeste, Antón e todas as súas compañías e vivencias. Unha viaxe pola vida de dúas persoas que nos achega  e amosa, cunha maxistral mestura de humor e realidade, un modelo de vida que se está extinguir e que nos lembra con tenrura aos nosos avós. A idiosincracia do galego reflíctese de xeito brillante a través da riqueza expresiva e lingüística coa que se narra a historia.

A presenza de Iria permitiunos coñecer as influencias e fontes de inspiración desta novela, a súa técnica de escritura, e múltiples detalles e anécdotas que, poñéndolle diferentes nomes aos protagonistas: podería ser unha fiel biografía decalquera de nós. 

Iniciamos coa escritora moañesa no Club de Lectura de Adultos Baiolendo os encontros literarios que teremos ao longo deste curso. Unha xuntanza que destacou pola gran participación dos e das asistentes e que deu lugar a profundas reflexións que enriqueceron a lectura individual previa. 

Recomendamos a lectura de Os mortos que amei, unha entrañable historia do noso rural que nos fixo saír, a partes iguais, os sorrisos e as bágoas. 

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA SOLIDARIZASE COAS VÍTIMAS DA DINA

A Comunidade Educativa do IES Maximino Romero de Lema quere amosar toda a súa solidariedade e apoio ás vítimas da DINA e enviar todo o noso agarimo aos afectados e familiares.

Como mostra desta solidariedade, habilitouse un punto de recollida de alimentos non pereceiros, produtos de hixiene persoal e de limpeza no propio instituto para paliar os efectos da situación tan crítica que están a vivir.

A resposta a este chamamento foi masiva: foron moitos os que se mobilizaron e nos entregaron a súa doazón, sensibilizados ante a devastación provocada pola chuvias torrenciais no Levante.

Os produtos recollidos entregaranse ao Concello de Zas que se encargará de envialos a Valencia cando llo soliciten, porque somos conscientes de que todo este material vai ser necesario, senón agora, si a medio prazo.

Agradecemos a toda a Comunidade a gran resposta que tivo e énchenos de satisfacción contribuír, aínda que sexa cunha pequena axuda, a aliviar aos afectados polas inundacións.

EXITAZO ENTRE O ALUMNADO DE 3º ESO DOS ALMORZOS SAUDABLES

3º de ESO foi o grupo que tivo hoxe a oportunidade de compartir cos seus compañeiros e compañeiras un delicioso e, á vez, saudable almorzo nun ambiente moi distendido. Degustaron tostas de pan fresco con aceite de oliva e tomate e/ou xamón, plátanos, mandarinas, iogures con mel, leite de orixe animal e vexetal con avea... alimentos todos eles nutritivos que lles deu a enerxía para afrontar con alegría o resto da xornada lectiva deste venres.

Introduciuse esta clase práctica cunha breve explicación teórica sobre importancia do almorzo e das características que este deber ter para que sexa o máis nutritivo posible.

Esta actividade inclúese dentro das desenvoltas no Programa Educativo Nutriescolas que levamos a cabo este curso no noso Centro.

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE O NACEMENTO DOS POLIÑOS DA GALIÑA DE MOS

O pasado 16 de outubro, alumnos e alumnas de 1ºESO depositaban ovos da raza autóctona Galiña de Mos nunha incubadora; este martes cumpríanse o ciclo de 21 días necesario para que nacesen e a expectación era máxima. Por fin o mércores nacían nove poliños que deleitan tanto ao alumnado como ao profesorado que os visitan. 

Hoxe, como prometera o director técnico veterinario de Avimos, Diego Rois, volveu visitarnos, nesta ocasión acompañado polo presidente da Asociación da Raza Galiña de Mos, Francisco Monasterio, para impartirnos unha charla sobre a raza e indicarnos os pasos a seguir para convertelos en esplendoroso galos e galiñas.

Diego Rois expuxo con detalle todos os estados polos que pasa o ovo fértil dende o primeiro día de incubación ata o nacemento dos pitos. Amosoulles cunha lanterna sobre un ovo que non rompeu, como se podía saber se dentro había embrión ou non. Tamén sinalou as características físicas das galiñas e galos de Mos como, por exemplo, que os galos presentan unha crista en forma de chícharo que os diferencia doutras razas ou como as galiñas non teñen ningunha crista; tamén fixo alusión a boa calidade dos ovos e da carne que fai desta raza un produto diferenciado que cada vez se demanda máis.

A Asociación quere con esta actividade dar a coñecer non só a raza, senón a importancia da súa protección e conservación. Estivo a piques de desaparecer anos atrás porén, coa perseveranza e traballo, puidérona recuperar.

Finalmente, e despois de que os alumnos e as alumnas que quixesen colleran os pitiños nas mans, depositáronse nun galiñeiro móbil para que, cunha lámpada vermella se manteñan a temperatura adecuada e sigan medrando. O alumnado gozou moito con esta experiencia e amosouse moi emocionado coa seguinte etapa que se inicia: a cría e coidado deste animais tan especiais xa para eles.

Visita emprededora ao Camping Costa da Morte

O pasado 30 de outubro estivemos no Camping Costa da Morte, no Lugar de Andregalla, 1, 15851 Lamas, A Coruña. Alí David Abelenda, xerente do camping, explicounos polo miúdo o plan de negocio. Descubrimos o turismo de interior, a súa oferta, as categorías dos clientes, a satisfacción coma reflexo da calidade dos servizos e como camiño de promoción das instalacións.

Tivemos ocasión de coñecer as novas tendencias, os tipis e glampings, á vez que os servizos tradicionais dun camping. Falouno da food truck, do lecer das familias con rapaces, das escapadas de fin de semana, das fuxidas das aglomeracións das cidades e reencontros coa natureza, nunha contorna ecolóxica e sostible. Repasamos as rutas máis transitadas e 
reclamadas polos residentes: o Camiño dos dos Faros, a Ruta da Auga de Zas...

Logo dun paseo polas instalacións, na beira do río, xa que o sol espertou noso espírito atlético, chegou o momento de falar dos erros: David expuxo sen andrómenas algúns deles, e como analizando os mesmos para evitalos, puido acadar a viabilidade do negocio.

Entregounos uns piñeiros en crecemento, co gallo de plantar un piñeiral de emprendemento no Maximino. Oxalá o logremos!

Grazas David. Unha experiencia inolvidable.

PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO

O pasado luns, 4 de novembro, o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato B fixo unha saída didáctica ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade (Lugo). Na visita ás instalacións puideron descubrir as diferentes fontes de enerxía renovables e non renovables dispoñibles (nuclear, eólica, solar, hidráulica, térmica xa sexa con combustible de carbón ou de gas natural). Aprenderon a importancia de usar os recursos naturais dun xeito responsable resaltando a importancia de reducir o consumo de enerxía eléctrica. Sinaláronlles a importancia da boa xestión dos recursos e subliñaron en como o consumo eléctrico pode afectar as fontes de enerxía que se empregan para a súa cobertura e, sobre todo, como pode influír no seu prezo final.

Ensináronlles como, cunha boa edificación, elixindo materiais e cunha organización adecuada dunha vivenda, pódese diminuír non só consumo eléctrico senón tamén o consumo de auga, un ben prezado que debe de protexerse, e facer ao mesmo tempo un fogar confortable. Indicáronlles como aproveitar o sol, fonte de enerxía, de xeito directo ou mediante paneis solares térmicos ou fotovoltaicos.

Antes de rematar a visita gozaron dun deliciosos chocolate preparado cunha cociña solar que lles deu azos para superar con éxito os retos que lles propuxeron para a elaboración duns circuítos eléctricos con paneis solares.

En conclusión: unha actividade moi motivadora e interesante para o alumnado na que todos e todas aprenderon moito sobre enerxías renovables.

Distribuir contido