FacebookSíguenos en YouTube

MÁXIMA EXPECTACIÓN ANTE O NACEMENTO DOS POLIÑOS DA GALIÑA DE MOS

O pasado 16 de outubro, alumnos e alumnas de 1ºESO depositaban ovos da raza autóctona Galiña de Mos nunha incubadora; este martes cumpríanse o ciclo de 21 días necesario para que nacesen e a expectación era máxima. Por fin o mércores nacían nove poliños que deleitan tanto ao alumnado como ao profesorado que os visitan. 

Hoxe, como prometera o director técnico veterinario de Avimos, Diego Rois, volveu visitarnos, nesta ocasión acompañado polo presidente da Asociación da Raza Galiña de Mos, Francisco Monasterio, para impartirnos unha charla sobre a raza e indicarnos os pasos a seguir para convertelos en esplendoroso galos e galiñas.

Diego Rois expuxo con detalle todos os estados polos que pasa o ovo fértil dende o primeiro día de incubación ata o nacemento dos pitos. Amosoulles cunha lanterna sobre un ovo que non rompeu, como se podía saber se dentro había embrión ou non. Tamén sinalou as características físicas das galiñas e galos de Mos como, por exemplo, que os galos presentan unha crista en forma de chícharo que os diferencia doutras razas ou como as galiñas non teñen ningunha crista; tamén fixo alusión a boa calidade dos ovos e da carne que fai desta raza un produto diferenciado que cada vez se demanda máis.

A Asociación quere con esta actividade dar a coñecer non só a raza, senón a importancia da súa protección e conservación. Estivo a piques de desaparecer anos atrás porén, coa perseveranza e traballo, puidérona recuperar.

Finalmente, e despois de que os alumnos e as alumnas que quixesen colleran os pitiños nas mans, depositáronse nun galiñeiro móbil para que, cunha lámpada vermella se manteñan a temperatura adecuada e sigan medrando. O alumnado gozou moito con esta experiencia e amosouse moi emocionado coa seguinte etapa que se inicia: a cría e coidado deste animais tan especiais xa para eles.