FacebookSíguenos en YouTube

PARQUE EÓLICO EXPERIMENTAL DE SOTAVENTO

O pasado luns, 4 de novembro, o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato B fixo unha saída didáctica ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade (Lugo). Na visita ás instalacións puideron descubrir as diferentes fontes de enerxía renovables e non renovables dispoñibles (nuclear, eólica, solar, hidráulica, térmica xa sexa con combustible de carbón ou de gas natural). Aprenderon a importancia de usar os recursos naturais dun xeito responsable resaltando a importancia de reducir o consumo de enerxía eléctrica. Sinaláronlles a importancia da boa xestión dos recursos e subliñaron en como o consumo eléctrico pode afectar as fontes de enerxía que se empregan para a súa cobertura e, sobre todo, como pode influír no seu prezo final.

Ensináronlles como, cunha boa edificación, elixindo materiais e cunha organización adecuada dunha vivenda, pódese diminuír non só consumo eléctrico senón tamén o consumo de auga, un ben prezado que debe de protexerse, e facer ao mesmo tempo un fogar confortable. Indicáronlles como aproveitar o sol, fonte de enerxía, de xeito directo ou mediante paneis solares térmicos ou fotovoltaicos.

Antes de rematar a visita gozaron dun deliciosos chocolate preparado cunha cociña solar que lles deu azos para superar con éxito os retos que lles propuxeron para a elaboración duns circuítos eléctricos con paneis solares.

En conclusión: unha actividade moi motivadora e interesante para o alumnado na que todos e todas aprenderon moito sobre enerxías renovables.