No IES Maximino Romero de Lema comezamos un ano máis cos almorzos saudables. Esta cuarta edición foi iniciada polo alumnado de 2º ESO, que puido gozar dun almorzo saudable composto por: pan recén feito, xamón serrano, tomate, lácteos (iogur natural, leite, leite de soia, leite de avea, leite sen lactosa), cereais, cacao puro e froita variada e da tempada (plátano e mandarina).
A actividade comezou cunha breve charla sobre a importancia de almorzar e de facelo de xeito correcto para aproveitar as horas de aprendizaxe durante toda a xornada lectiva.
Esta iniciativa, importante para fomentar dende o instituto hábitos de vida saudables, enmárcase dentro do Plan Proxecta Nutriescolas que desenvolveremos durante este curso 2024-2025
O alumnado de 3º e 4º ESO participou no programa educativo: Que non te líen, ti elixes, da man de María LuísaBarros e Diego Vázquez da Fundación Laboral da Construción.
Despois de explicar en que consiste a Fundación centráronse en aspectos importantes a ter en conta á hora de elixir ao que os e as adolescentes se queren dedicar profesionalmente: non deixarse influír polos familiares, polos amigos/as ou pola sociedade en xeral, xa que a onde querenchegar depende exclusivamente deles e delas; facerse preguntas como que sei facer, que se me dá ben; ter boa actitude e valores positivos; manter sempre a curiosidade porque nos enriquece como persoa; seguir formándosecontinuamente para que se abra o abano de oportunidades:Ninguén pode escoller o que non coñece.
A través das respostas do alumnado á cuestións que lle ía formulando, María Luísa foi sinalando estereotipos que perduran e que son un obstáculo para lograr a igualdadelaboral como o de atribuír cores e xogos diferentes para nenos e nenas, ou profesións diferentes para homes e mulleres. Neste sentido destacou a importancia de visibilizar as mulleres que traballan en sectores que dende sempre se lles atribuíu aos homes, como é o da construción, o do metal, o da madeira ou o do mar. Outros aspectos tratados foron o concepto do teito de cristal -limitación ás mulleres do ascenso laboral dentro dunha empresa- ou o feito de que as mulleresestean peor pagadas desenvolvendo o mesmo traballo cós homes.
Cunha animada participación o alumnado foi realizando reflexións que esperamos que lles axuden na sociedade futura a romper a brecha de xénero existente, hoxe en día, en certos sectores moi masculinizados.
O alumno de 1º BACH visionou hoxe o filme Bravú XXX que nos achegou o Concello de Zas co apoio da Deputación da Coruña. Un documental no que Xurxo Souto, líder do grupo Os Diplomáticos de Monte Alto, exerce de guía nunha viaxe por localidades galegas destacadas no mundo do cosmo bravú para achegarnos este movemento dende dentro da nosa historia musical.
O documental comeza en Pontevedra cunha renovada versión do Estou na lavadora da man das mozas de Rager. Dende a alí Souto viaxa á Coruña para encontrarse con Paola Beiros das Garotas da Ribeira, Nuno Pico (Grande Amore) e Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano). A continuación reúnese con Sés en Compostela e en Vigo, cos Vacaloura de Teis.
A viaxe remata na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, lugar onde se iniciou o movemento, no marco daquel I Castañazo Rock, e que os protagonistas etiquetaron para si mesmos, o bravú. Os confundadores do movemento, Rafa Martínez (O Caimán do Río Tea), Benxamín Queiro (Impresentables de Vimianzo), Antón Díaz, dos Papaqueixos, e Richi, dos Rastreros pechan trinta anos despois do nacemento o círculo con reflexións do que supuxo para eles este fito da nosa historia musical: “Grupos de música cantando en galego e sobre temas das súas propias vidas, poñendo a aldea e os arrabaldes das cidades no centro”
O filme é un magnífico proxecto que rescata a historia da música que revolucionou á rapazada galega de finais do século XX e que a actual debe coñecer como parte da nosa cultura
Celebramos o Magosto no IES cunha chea de actividades que se desenvolveron durante toda a semana: un obradoiro de origami, un mural sobre o Samaín, un podcast, unha decoración terrorífica das portas das aulas, mortos vivintes polo centro e, como remate de todo, unhas saborosas castañas asadas para despedir esta semana e coller folgos para o que queda de trimestre.
Esperamos con ansia o magosto e samaín do 2025!!!!
Se queres descubrir todo sobre o Samaín ou Sahaín, unha festa chea de maxia e misterio, que entronca coa herdanza céltica de Galicia, escoita o seguinte podcast feito por Alicia, Laura e Sabela de 3º da ESO.
Alumnado de 3º e 4º da ESO, Irene e Sofía Fernández Paulos, pais nais e persoal non docente do centro, participaron neste proxecto que combina tradición e modernidade coordinados polo profesorado: Fina Paulos Lareo, Judith Carbajo Vázquez, Xosé Francisco Velo Quintela e Óscar Manuel Rey Calo.
O premio foi convocado por argallando.gal unha iniciativa da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.
Os integrantes do proxecto, acompañados pola Directora do IES Maximino Romero de Lema de Baio, Ana Facal Maroñas, acudimos hoxe venres ó GaiasTech a recoller o premio “Xigante Argalleiro”, que recoñece o proxecto que, con carácter global, destaca sobre os demais polo seu enfoque, nivel de execución e creatividade.
O reto consistiu en construír un xogo co que pretendemos facer un percorrido pola Historia, Xeografía e Patrimonio de Galicia seguindo o leito do río Miño, así coma traballar a igualdade e diversidade entre o alumnado.
O obxectivo principal do xogo é empregar a tecnoloxía para construír un xogo tradicional que fomente a cultura e tradición galegas e a igualdade entre homes e mulleres.
Este proxecto, realizado con material de Polos Creativos contou coa participación dos Departamentos de Historia, Informática e Tecnoloxía do IES, buscando achegar a imaxe de que é posible combinar tradición e modernidade, humanidades e tecnoloxía entre o alumnado.
Queremos agradecer o apoio recibido dende a aula Cemit de Fisterra, a aula de referencia coa que traballamos este proxecto, en especial a Alicia, a súa coordinadora.
Está previsto que o traballo sexa exposto no Concello de Fisterra nas vindeiras datas.
MIÑO EN XOGO. ASÍ O CONSTRUÍMOS
O proceso de construción do proxecto pode ser visto dende o enlace: VER VÍDEO
Gravación na radio e NFC.
O proceso pode verse visualmente en: VER VÍDEO
Todas as preguntas do xogo foron gravadas en Radio Baio, a radio do noso IES. Posteriormente, foron subidas á nube a través da plataforma Soudcloud.
Cada pregunta está encadrada dentro dun bloque de preguntas (Historia, Patrimonio, Xeografía e Igualdade). E cada pregunta será chamada por unha tarxeta NFC incorporada nas táboas de madeira. Estas serán lidas dende un teléfono móbil con esta tecnoloxía. O dado virtual está na nube e cada vez que un xogador tire, debe ler a tarxeta de madeira co dado impreso. A configuración das tarxetas NFC fíxose coa APP Nfc tasks gravando en cada tarxeta a URL da pregunta correspondente.
Teselas. Reciclase de Cds.
O proceso de creación de teselas pode verse visualmente: VER VÍDEO
As fichas utilizadas no xogo son teselas. Estas foron creadas con material reciclado. Utilizamos Cds inservibles para a creación das mesmas. Córtanse os cds en pequenos anacos e con pintura de uñas píntanse e únense de dous en dous. Despois van a un pequeno forno onde se lles dá calor para que adopten as formas características que teñen.
Uso da cortadora láser para facer o taboleiro e as preguntas. O proceso pode verse visualmente en:
Un dos elementos centrais do proxecto foi o uso da cortadora láser. O centro conta con este recurso de Polos Creativos. Dende o taller de tecnoloxía coa axuda do profesor Velo, puidemos crear o mapa e as tarxetas.
O mecanismo consistiu en deseñar os debuxos en Canva e exportalos mediante o formato SVG. Posteriormente, levamos estas imaxes ó software que xestiona a cortadora láser. Alí preparamos os deseños para que puideran ser impresos en láminas de madeira.
ASÍ SE XOGA A “MIÑO EN XOGO”:
O xogo ten unha dinámica moi sinxela. Partimos do nacemento do Miño, en Serra de Meira (Lugo). A orde de tirada virá dada por aquel xogador que consiga un número máis alto no dado virtual. Estas tiradas son previas ó comezo do xogo.
Tírase para avanzar. Caeremos nunha cadro cunha temática específica indicada na cor da ficha, e recollemos a pregunta do montón de preguntas sen utilizar. Lese a pregunta co móbil e contéstase á pregunta polo xogador coa tirada actual. Se acerta, poderá avanzar. No caso de que falle terá que volver ó punto anterior da tirada.
Gaña o xogador que chegue antes á meta, na desembocadura do río miño, e A Garda.
Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e, consideramos que era a data idónea para entregar os premios ao gañador e ás gañadoras do noso Centro do concurso O meu libro favorito 2024 Galicia convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación e Universidades da Xunta de Galicia e a Fundación José Manuel Lara froito do convenio que manteñen ambas as institucións.
Este certame, destinado ao alumnado de secundaria, ten como obxectivo fomentar a lectura entre a mocidade a través da escritura dunha pequena reflexión na que comentan cal é ou foi o seu libro preferido e ten dúas categorías: unha en lingua galega e outra en lingua castelán. Presentaba como novidade nesta edición a modalidade de podcast, tanto en castelán como en galego, e foi xusto nesta na que destacou o noso alumnado: conseguiron compartir de xeito emocionante e creativo as ideas que lle suxería o libro escollido.
En lingua castelá Henri Chie Sa Amorim de 2º ESO acadou o premio co podcast “Padre rico, padre pobre” e na modalidade en galego, lográrono as alumnas Paula Lema Paz, Leticia Vázquez Castiñeira e Sabela Lema Caamaño de 3º ESO polo seu traballo conxunto sobre “A historia de Sara”. Ambos os traballos foron guiados por Adriana Varela Vázquez, profesora que formou parte do Equipo da Biblioteca no pasado curso.
No mes de xuño foi cando o xurado deu a coñecer os premiados e, a principios deste curso enviáronos ao centro os premios acadados que hoxe entregamos e demos a coñecer. O alumno e as alumnas recibiron cadanseu dispositivo electrónico de audio e son. Á profesora, polo seu labor de incentivar a actividade, unha tarxeta regalo da Casa do Libro (valorada en 50 euros) e para o centro educativo recibimos un lote de libros, dotación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O fomento da lectura é o obxectivo esencial de calquera biblioteca e a nosa non é unha excepción. Unha tarefa que vai máis alá da habilidade de saber ler e que pretende un mellor achegamento ao mundo do libro e á formación de lectores. Por iso dende a Biblioteca Escolar seguiremos a animar na participación en vindeiras edicións.
Na tarde de onte Adrián López Agra impartiu a charla Tecnoloxías con sentidiño: Unha guía para Educar en Contornos Dixitais dirixida a pais, nais e docentes sobre o uso correcto das novas tecnoloxías nos e nas adolescentes.
Na primeira parte do relatorio o Educador Social centrouse nos problemas que poden xurdir no uso incorrecto das redes: impacto na saúde física (problemas posturais, alteracións do sono...) e mental (ansiedade, baixa autoestima...); falounos da construción da identidade dixital, do impacto dos influencers, da comparación social a partir de realidades virtuais falsas; presentounos algunhas das situacións máis comúns como a adicción a videoxogos, o sexting ou o ciberacoso e sinalou pautas sobre como abordalas.
Na segunda parte, ofreceunos unha serie de consellos para axudar a educar no uso da tecnoloxía: establecer normas e horarios de uso (2 horas como máximo); supervisar a súa actividade mirando o historial, fomentar o pensamento crítico e a responsabilidade dixital, bloquear contidos, control de compras e descargas, informarnos das distintas aplicacións, compaxinar o uso das redes con outras actividades fóra dela, navegar xuntos, facerlles entender a importancia da privacidade... Subliñou que hai que crear espazos tranquilos de comunicación, sen prohibir o uso da Rede, pero si falando dos seus riscos e, sempre predicar co exemplo.
As redes sociais son unha poderosa ferramenta que require unha correcta orientación sobre o seu uso. Requiren dunha actualización constante pola nosa banda para que a rapazada aprenda a usalas para evitar riscos: O problema non é a tecnoloxía senón como se consume.