O club de lectura do noso Centro é unha constelación de diversos grupos organizados para ler e comentar libros, para brindar un espazo enriquecedor de reflexión e o diálogo, e para desenvolver relacións interpersoais entre os seus integrantes a partir dunha paixón común: a lectura.
Este derradeiro motivo foi o que nos levou a inaugurar o club de lectura do curso que comeza, cunha saída fóra do espazo escolar para que os seus membros se coñecesen polos seus nomes, creasen ou reforzasen relacións de amizade e desenvolvesen unha relación de pertenza a Baiolendo. E cremos que o conseguimos!
Viaxamos ata a Illa da Toxa na que visitamos a ermida de San Caralampio e atravesamos os fermosos xardíns que a rodean para tomar un barco no que sucamos a Ría de Arousa e no que revelamos quen ía dinamizar cada un dos grupos do club de lectura. Tamén observamos os fondos mariños e achegámonos ás bateas de mexillóns, ostras e vieiras nas que, mentres viamos os barcos faenando, nos explicaron o seu funcionamento. E todo isto degustando mexillóns a fartar acompañados de refrescos e mesmo bailando ao son da alegre música que amenizou a excursión marítima.
De volta a terra firme dirixímonos cara á Aldea dos Grobits, un orixinal parque no que todos e todas puidemos gozar. Finalmente fomos comer ao Grove e despois dun paseo polo porto no que participamos do ambiente festivo da Feira do Marisco demos por finalizada a excursión.
Un día para a lembranza, para os descubrimentos culturais, para as conexións humanas que se establecen a través da lectura e para embarcármonos na emocionante aventura de ler un ano máis.