FacebookSíguenos en YouTube

DESCUBRINDO NA ESCURIDADE

 O mércores pasado o alumnado de 1ºESO foi recibido por Víctor Tílve nunha sala case ás escuras, cuxa única luz proviña de varias candeas. Así creou Víctor expectación e introduciu a temática da charla que ía impartir: a contaminación luminosa, as súas causas e as súas consecuencias.

O brillo artificial do ceo nocturno non só impide que vexamos as estrelas, senón que tamén afecta a numerosas especies nocturnas e pode ter consecuencias prexudiciais para a saúde humana.   Iluminar non sempre é o máis seguro se non se fai correctamente: a luz, entre outras consecuencias, afecta ás relacións depredador-presa no medio salvaxe, ós neonatos de tartarugas e aves mariñas, diminuíndo a súa probabilidade de supervivencia; inhibe a segregación de melatonina e, por iso, impide o descanso efectivo durante a noite.

A popularidade da luz LED, lonxe de conseguir unha mellora da iluminación pública, está provocando o uso de luces brancas que aumentan a contaminación luminosa indirecta, ao mesmo tempo que crea un efecto rebote polo seu reducido custo que afonda no consumo enerxético excesivo co aumento da contaminación atmosférica, e todo por non usar correctamente esta tecnoloxía. 

É imprescindible para avanzar no coidado do medioambiente e da saúde sensibilizarnos ante este tipo de contaminación do aire, un problema en aumento nos últimos anos.

Aproveitou Víctor, en colaboración coa Universidade da Coruña, para instalar de novo no Centro un medidor de brillo de ceo nocturno e así contribuír ao seu estudo para introducilo no mercado.