FacebookSíguenos en YouTube

PUÑOS DE HARINA

Hoxe o alumnado de 2º, 3º 4º da ESO e 1º Ciclo Medio, asistiu en Vimianzo á representación da obra de teatro Puños de harina.

Esta obra da compañía andaluza El Aedo que acadou premios ao mellor actor, á mellor escenografía e foi finalista entre outros aos premios Max 2021 e aos premios Cinemagavia 2021, permitiulle ao noso alumnado reflexionar sobre a violencia, o racismo, a homofobia e a masculinidade. 

Este monólogo presenta dúas historias nas que coñecemos, de xeito paralelo, a dous personaxes relacionados co mundo do boxeo e a cultura xitana: por unha parte a historia real de Rukeli, o boxeador alemán e xitano que desafiou a Hitler na época da Alemaña nazi e, por outra parte, coñecemos a Saúl, un mozo xitano homosexual que, na España rural dos anos 80, busca a súa identidade e intenta sobrevivir no seo dunha familia tradicional.

En definitiva, a historia de Rukeli, Saúl e outros xitanos que loitaron, resistiron, morreron e sobreviviron ao Holocausto e á sociedade; a historia de como algúns homes se esforzan por encaixar no concepto ideal de “ser homes de verdade”, nun contexto que os rexeita pola súa raza, a súa cultura ou a súa orientación sexual.

Agradecemos ao Concello de Vimianzo esta iniciativa, xa que contribuiu a que durante hora e media o alumnado empatizase e se achégase á temática tratada.