FacebookSíguenos en YouTube

Eleccións ao consello escolar 2024

De acordo coa Resolución do 10 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario pra a realización de eleccións de membros dos consellos escolares de centgros docentes sostidos con fondos públicos (DOG do 18 de setembro de 2024), a XUNTA ELECTORAL do IES Maximino Romero de Lema dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, sector dos pais e nais, segundo as normas establecidas no documento adxunto.

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA E Á VALEDORÍA DO POBO

Os dous grupos de 1º de Bacharelato visitaron  o 9 de outubro o Parlamento de Galicia e a Valedoría do Pobo, ambas institucións en Santiago de Compostela. Organizáronse estas visitas para coñecer as institucións e as súas funcións, composición e organización. 

A visita ao Parlamento foi moi enriquecedora, visitamos as principais salas e as súas funcións, explicáronos as funcións que se levan a cabo no Parlamento e as puxemos en práctica co noso día a día, revelando que as cousas máis cotiás teñen a súa orixe nas normas que se redactan no Parlamento. 

Tamén nos sentimos por uns minutos como parlamentarios/as ao ocupar os seus escanos mentres escoitamos a experiencia dunha parlamentaria que xa visitara o noso Centro o curso pasado, Carmen Pomar, e tamén pasou a saudarnos un parlamentario por Carballo, Rubén Lorenzo.

Tras a visita por todo o edificio e o lugar que ocupan as oficinas e dependencias dos distintos grupos parlamentarios, déronnos un pequeno agasallo de recordo do noso paso polo Parlamento.

 Despois acudimos á Valedoría de Pobo, xusto ao carón do Parlamento para coñecer as súas funcións de amparo ante violacións de dereitos fundamentais.


Foi unha mañá moi enriquecedora e, quen sabe se espertou algún interese para futuros parlamentarios e parlamentarias!

BAIOLENDO FORTALECE A RELACIÓN DE PERTENZA AO CLUB DE LECTURA

O club de lectura do noso Centro é unha constelación de diversos grupos organizados para ler e comentar libros, para brindar un espazo enriquecedor de reflexión e o diálogo, e para desenvolver relacións interpersoais entre os seus integrantes a partir dunha paixón común: a lectura.

Este derradeiro motivo foi o que nos levou a inaugurar o club de lectura do curso que comeza, cunha saída fóra do espazo escolar para que os seus membros se coñecesen polos seus nomes, creasen ou reforzasen relacións de amizade e desenvolvesen unha relación de pertenza a Baiolendo. E cremos que o conseguimos! 

Viaxamos ata a Illa da Toxa na que visitamos a ermida de San Caralampio e atravesamos os fermosos xardíns que a rodean para tomar un barco no que sucamos a Ría de Arousa e no que revelamos quen ía dinamizar cada un dos grupos do club de lectura. Tamén observamos os fondos mariños e achegámonos ás bateas de mexillóns, ostras e vieiras nas que, mentres viamos os barcos faenando, nos explicaron o seu funcionamento.  E todo isto degustando mexillóns a fartar acompañados de refrescos e mesmo bailando ao son da alegre música que amenizou a excursión marítima.  

De volta a terra firme dirixímonos cara á Aldea dos Grobits, un orixinal parque no que todos e todas puidemos gozar. Finalmente fomos comer ao Grove e despois dun paseo polo porto no que participamos do ambiente festivo da Feira do Marisco demos por finalizada a excursión.

Un día para a lembranza, para os descubrimentos culturais, para as conexións humanas que se establecen a través da lectura e para embarcármonos na emocionante aventura de ler un ano máis.  

UK CULTURE CLASS

O alumnado de 1º e 2º da ESO por unha banda, o alumnado de 3º, 4º da ESO por outra e o alumnado de 1º Bach doulle a benvida a Johnny, con quen tiveron unha sesión en inglés de cultura xeral do Reino Unido, doutros países de fala inglesa, e de literatura gótica con preguntas varias a modo concurso e agasallos para ós afortunados.

 

O ponente presentou diversos aspectos da cultura e explicou os elementos e simboloxía máis coñecidos destes países. O alumnado tivo a oportunidade de contestar preguntas sobre temas variados con comodíns, sendo un destes unha chamada telefónica á nai de Johnny en Irlanda falando directamente con ela.

 

Foron unhas sesións moi enriquecedores e dinámicas para o alumnado que esperamos repetir moi pronto.

CONTAS, TARXETAS E MEDIOS DE PAGO

O martes, 24 de setembro, recibimos no IES a Guillermo Rilo, responsable da rede de axentes do Banco Santander, que impartiu unha charla titulada "Contas, tarxetas e medios de pago", encadrada dentro do Programa "Finanzas para mortais", que forma parte do Plan Eduemprende, no que colaboran o Banco Santander e a Fundación da Universidade de Cantabria.
Os alumnos de 1º CM do Ciclo de Sistemas Microinformáticos e Redes, da FP, participaron activamente nela. Todos teñen unha conta bancaria, polo que non dubidaron en preguntar sobre comisións e xuros. Non tardou en chegar o mellor: as tarxetas de crédito. Arreciaban as preguntas, pois non se entendía con claridade por que as entidades financeiras poden prestarche cartos ao longo dun mes, para cobrarche, no fin do mes, todo o préstamo concedido. Aproveitou Rilo para clarificar conceptos, examinar cláusulas de contratos, achegarnos as figuras das persoas xurídicas e físicas, presentarnos situacións de sinaturas solidarias e mancomunadas.... Rematamos cun xogo final, como unha traca das festas, no que afirmaba: NON TE ENDEBEDES POR RIBA DO QUE POIDAS PAGAR NO MES SEGUINTE.

Para completar a visita do relator ao noso Centro, Carmen, Carla e Emmanuel fíxéronlle unha entrevista na   radio que podedes escoitar no seguinte enlace

Grazas Guillermo, estamos seguros que a xente de Calabanda falará de ti.
Volta cando queiras, aquí quedan uns amigos.

INICIO DO CURSO 2024-2025

O mércores día 11 de setembro comezará a actividade lectiva para todos os niveis.

A presentación do alumnado realizarase segundo se indica a continuación:

GRUPO

HORA

LUGAR

UBICACIÓN

1º ESO

8:45

Biblioteca

Planta baixa

2º ESO

8:45

Aula de Usos Múltiples

Primeira planta

3º ESO

8:45

Aula de Usos Múltiples

Primeira planta

4º ESO

8:45

Aula de Usos Múltiples

Primeira planta

1º Bacharelato

8:45

Aula 1º Bacharelato A (Humanidades e Ciencias Sociais)

Primeira planta

Aula 1º Bacharelato B (Ciencias e Tecnoloxía)

2º Bacharelato

8:45

Aula 2º Bacharelato A (Humanidades e Ciencias Sociais)

Planta baixa

Aula 2º Bacharelato B (Ciencias e Tecnoloxía)

1º, 2º FP Básica

O alumnado será convocado telefónicamente de xeito individual

1º Ciclo Medio

8:45

Aula 1º Ciclo Medio

Primeira planta

2º Ciclo Medio

8:45

Aula 2º Ciclo Medio

Segunda planta

1º Ciclo Superior

10:45

De xeito presencial: Aula 1º Ciclo Superior

Edificio anexo

De xeito telemático:  a presentación estará publicada na plataforma de teleformación

https://fpadistancia.edu.xunta.gal

 

Unha vez finalizada a presentación, comezarán as clases con normalidade, segundo o indicado no horario entregado ao alumno/a.

O servizo de transporte escolar funcionará co horario habitual.

ATENCIÓN AO PÚBLICO DURANTE O MES DE AGOSTO

O IES Maximino Romero de Lema permanecerá pechado entre os días 1 e 31 de agosto. Para realizar calquera trámite e/ou consulta poden contactar con nós a través do correo: ies.maximino.romero.delema@edu.xunta.gal ou chamando ao teléfono: 881960015.

Moitas grazas.

XUBÍLASE ESTHER AGRA!

Remata este curso e xubílase Esther, unha persoa que leva traballando no IES Maximino de Lema case que trinta anos, e o xoves 27 de xuño, compartimos con ela un xantar para despedila.

Unha persoa moi traballadora, comprometida, xenerosa, fiel….. e que coidou o Centro como a súa propia casa.

Desexámosche a partires de agora o mellor, sorte e felicidade nesta nova etapa que emprendes na túa vida para gozar dunha máis que merecida xubilación, e non te esquezas que o Maximino sempre será a túa casa e nós a túa familia.

Botarémoste moito de menos e sempre estaremos aquí para o que necesites.

Moitas grazas e moita sorte!

Distribuir contido