Os dous grupos de 1º de Bacharelato visitaron o 9 de outubro o Parlamento de Galicia e a Valedoría do Pobo, ambas institucións en Santiago de Compostela. Organizáronse estas visitas para coñecer as institucións e as súas funcións, composición e organización.
A visita ao Parlamento foi moi enriquecedora, visitamos as principais salas e as súas funcións, explicáronos as funcións que se levan a cabo no Parlamento e as puxemos en práctica co noso día a día, revelando que as cousas máis cotiás teñen a súa orixe nas normas que se redactan no Parlamento.
Tamén nos sentimos por uns minutos como parlamentarios/as ao ocupar os seus escanos mentres escoitamos a experiencia dunha parlamentaria que xa visitara o noso Centro o curso pasado, Carmen Pomar, e tamén pasou a saudarnos un parlamentario por Carballo, Rubén Lorenzo.
Tras a visita por todo o edificio e o lugar que ocupan as oficinas e dependencias dos distintos grupos parlamentarios, déronnos un pequeno agasallo de recordo do noso paso polo Parlamento.
Despois acudimos á Valedoría de Pobo, xusto ao carón do Parlamento para coñecer as súas funcións de amparo ante violacións de dereitos fundamentais.
Foi unha mañá moi enriquecedora e, quen sabe se espertou algún interese para futuros parlamentarios e parlamentarias!