FacebookSíguenos en YouTube

blogue deadmin

OBRADOIRO DE ROBÓTICA

O martes, 14 de maio, o alumnado de 2º ESO participou nun obradoiro de robótica desenvolvido por MAKER STORE. As ponentes, Flor e Cati, ensinaron o alumnado a realizar xogos mediante o uso da placa Makey-Makey, unha placa electrónica, similar ao mando dunha videoconsola, que permite unir obxectos cotiáns creando paneis táctiles (enviando ordes ao ordenador ao que se atope conectado).

Para o deseño do xogo -a creación dun xogo de canastra-  empregaron  vasos de cartón, cartón, papeis de cores e papel de alumnino xunto coa súa creatividade e orixinalidade. Crearon un circuíto eléctrico no que a placa actuaría pechando ese circuíto e enviando ordes. Con scratch programaron os xogos creando animacións, música, contando a puntuación das canastras …. Non cabe outra que felicitar os e as participantes polos seus deseños! 

Eles e elas gozaron e asemade aprenderon robótica nunha actividade lúdica e divertida.

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL

A psicóloga Penélope Alonso de Quérote+ de Santiago e a alumna de prácticas Paula Agrelovisitáronnos para levar a cabo un obradoiro de Educación Afectivo Sexual. Explicaron, en dúas sesións distintas, a un alumnado atento de 3º ESO e de 1º FPB, a orixe deste organismo, as distintas liñas temáticas que desenvolve e como se pode acceder aos seus servizos de xeito totalmente gratuíto: probas de embarazo ou de enfermidades de transmisión sexual, tests de embarazo, preservativos, campañas informativas…

A partir dunha batería de preguntas fixo referencia a aspectos relacionados coa sexualidade: onde se obtén a información, o coñecemento dos xenitais, o acceso a contidos pornográficos dende idades moi temperás, a importancia do consentimento nunha relación sexual na que debe prevalecer o diálogo e o respecto por riba de todo, a difusión de imaxes de contido sexual, os métodos anticonceptivos e de protección (píldora, anel, parche, implante subcutáneo…). Aspectos todos eles moi interesantes para que o alumnado poida tomar decisións saudables na sexualidade e no sexo, xusto no momento en que está empezando a vivilos.

 

ESCAPEROOM DE COMPETENCIAS EMPRENDEDORAS

O primeiro día da Semana Cultural, o alumnado de 1º CM e 1º FPB tivo a oportunidade de realizar  con Pablo Osorio  un Escape Room centrado en traballar competencias e habilidades que todo emprendendor debe ter, achegándolle referentes actuais e cercanos que destacan en cada unha das competencias mencionadas ao longo da actividade. 

Unha actividade dixitalizada na que tiñan que prestar atención tamén ao mundo analóxico. Todos usaron o seu teléfono móbil para levar a cabo a actividade xa que o xogo se celebrou a través dunha app web. O alumnado organizouse en distintos grupos que debían localizar códigos QR e enfrontarse aos desafíos propostos para conseguir un obxectivo común: completar todos os retos formulados no menor tempo posible.

Durante a realización da experiencia todos e todas traballaron con entusiasmo intentando ser os primeiros nunha xornada na que reinou a competición sa. O equipo triunfador da tarde foi Bolígrafo (1h e 21 minutos) e de segundo Bárbaros (1h e 24 minutos). A empresa de Pablo Osorio fai un concurso entre todos os centros que fixeron o Escape Room este curso; polo momento os nosos equipos van de primeiro e segundo, de rematar así conseguirán agasallos! Aínda que o máis importante e que todos os equipos foron quen de rematar todas as probas propostas.

CIANOTIPIA, PINTAR CON LUZ

O artista Jesús Pérez iniciou ao alumnado de 1ºESO na técnica fotográfica da cianotipia, unha técnica xurdida no século XX con múltiples usos en creacións contemporáneas.

Comezou o taller explicando o desenvolvemento do proceso, facendo fincapé na importancia da luz e da escuridade no mesmo. A continuación cada alumno/a elaborou o seu negativo en láminas de acetato transparente pintando as zonas en negro de fotografías que lles proporciounou Jesús. A seguir, co laboratorio en escuridade, empapou cunha solución de cianotipo os papeis sobre os que puxeron as imaxes creadas polos/as rapaces/as e procedeu ao seu secado cun secador de man; finalmente comprobaron o seu revelado ao sol.

Os retratos dalgunhas das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas: Luísa Villalta, Xela Arias, Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, Risco, Castelao ou Otero Pedrayo  foron os empregados para realizar os negativos.

O alumnado quedou sorpendido coa técncia tan sinxela do revelado e gozou con todo o proceso que lles permitiu achegarse ao mundo da fotografía de  xeito moi diferente ao que eles coñecen e usan a través dos seus móbiles.

FORMAR EMPRENDEMENTO NAS AULAS

O pasado luns Vera Lua Domínguez e Santiago Márquez, de Kamuk e Alertacoches, respectivamente, participaron na Semana Cultural para dar unha charla ao alumnado de 1º CM de FP Sistema Microinformáticos e Redes. Esta actividade encádrase no Programa Eduemprende/ EduInspira , unha iniciativa da Cámara de Comercio de A Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para formar en emprendemento nas aulas.

Lua Vera Domínguez, logo de contarnos a súa bagaxe profesional, Apple, Apple e Apple, pasou a presentar mediante un Visual Thinking o perfil do emprendedor. Recuncou ideas trasnoitadas sobre a figura do "fracasado" que non existe, para elevar, como motor da transformación do territorio, ao do emprendedor resilente que traza un vieiro de aprendizaxe sen fin. Presentou os conceptos de ikigai xunto co de Kanji, froito da cultura do esforzo e da constancia, como maneiras de atopar rumbos novos para o emprendemento. Destacamos o visionado do documental breve sobre The Bio Factory,a primeira fábrica de xeados bio en Galicia, concretamente na Coruña.

Santiago Márquez, de AlertaCoches, sumou unha nova visión do emprendedor. Logo de anos traballando, como soporte informático, para unha grande téxtil en Galicia decidiu dar o salto ao emprendemento. Animou a rapazada a que tropezaran, a que caeran, pero tendo sempre na cabeza a satisfacción dunha necesidade das persoas. No seu caso AlertaCoches xurdiu como resposta a súa necesidade de mercar un coche hai un par de anos. Quería un marca e modelo de vehículo moi concreto, pero deuse conta que non ía ser sinxelo: os buscadores de Internet para coches tiñan problemas cando quería unha información comparable de distintas fontes, así que cun pouco de bechmarking e moitos traballo buscou e comparou información para poder decidirse. Deste xeito acabou creando unha ferramenta que permite a calquera buscar de xeito fácil información manexable e fiable na rede de coches á venda, manexable e fiable. Puidemos comprobalo en tempo real cun resultado fascinante.

 Pasouse o tempo nun chío. Que grande é o emprendemento!!!!

3º ESO PREPÁRASE PARA SURFEAR

O pasado luns o alumnado de 3ºESO practicou durante dúas sesións distintos exercicios para poñelos en práctica cando vaian surfear na praia de Arou. Para comezar unha pequena charla teórica na que se valorizaron as praias da Costa da Morte como das mellores para practicar este deporte. A continuación a rapazada púxose en acción e simularon o comportamento das ondas do mar e as correntes, familiarizáronse co material de surf e practicaron os movementos sobre táboas de surf, sobre patinetes e sobre táboas e rolos de equilibrio de madeira.

 

Unha excelente forma de entender e dominar as técnicas antes de aplicalas no océano. Isto, que ía realizarse o pasado mércores, tivo que adiarse polas malas condicións climáticas  para principios de xuño. De seguro que para entón non esquecen o aprendido en terra!

PROTEXEMOS A PEL E COIDAMOS O MAR

O alumnado de 2º ESO comezou a Semana Cultural participando nun obradoiro de elaboración dun protector solar impartido pola asociación Aprendendo a través do surf. Na primeira parte, teórica, o relator fixo fincapé no probable impacto que os protectores convencionais teñen na nosa saúde e no ecosistema mariño. Animou os presentes a aprender a identificar determinadas substancias tóxicas presentes nos cosméticos e a reflexionar do sorprendente que é que, hoxe en día e con todos os controis que hai, aínda existan produtos con substancias tóxicas que se comercializan sen ningún problema.

Explicou a importancia do sol na nosa saúde, pero tamén os danos que pode producir o exceso da exposición á radiación solar. Parar prolongar o tempo de exposición sen sufrir danos debemos utilizar protectores solares. El propuxo alternativas naturais para protexernos de xeito máis respectuoso e natural. Entre estas alternativas desenvolveu coa rapazada unha fórmula de protección solar caseiro con óxido de cinc e ingredientes accesibles de orixe natural para que poidamos elaboralo na casa. Todos os e todas as asistentes levaron unha mostra de crema solar, tendo en conta que non se trata dun protector solar homologado.

O alumnado gustou do taller e, asemade, concienciouse da necesidade de coidarnos ante o sol e da necesidade de evitar contaminar os mares coas cremas protectoras, algo, isto último, que para eles e elas pasaba inadvertido.

XVIII SEMANA CULTURAL

Distribuir contido