FacebookSíguenos en YouTube

blogue deadmin

MISTERIO E MITOLOXÍA NOS LIBROS DE ADRIÁN GÓMEZ RAMOS

Finalizamos onte os encontros literarios deste curso celebrados na nosa Biblioteca coa presenza do escritor Adrián Gómez Ramos, autor de Cando sangren os lobos, lido por todo o alumnado de 3ºESO e da segunda parte deste,  Aqueles corpos nosos, lido polos membros do Club de Lectura dese mesmo curso.

O autor comentou que escribiu o primeiro libro cando decidiu presentarse ao certame Xuventude Crea 2020 coa que gañou o 1º premio na categoría de Novela Curta. Sinalou que para crear estas obras de ciencia-ficción e misterio tomou pinceladas da película La Cera e da serie Buffy Cazavampiros. Encántalle a mitoloxía, por iso ocupa unha parte importante na súa escrita e dentro desta, sempre sentiu apego polas historias de monstros, sobre todo polos que podían vivir como persoas, como é o caso dos lobishomes.

Tamén aludiu a situacións de discriminación que aparecen na súa obra como as que sofren moitas persoas pola súa orientación sexual ou ás mulleres polo simple feito de selo; a el parécelle importante que estas temáticas teñan máis cabida na literatura actual.

Respondeu a numerosas cuestións e curiosidades do alumnado sobre as dúas novelas. Algunhas das preguntas centráronse no desenvolvemento da trama e na  descrición emocional e psicolóxica das personaxes, dos monstros e nos conxuros. Con respecto ás personaxes confesou que lle gusta facer sufrir ás súas favoritas, que non ten medo a traballar coas emocións por alleas que lle resulten algunha delas.

Interesoulle moito ao alumnado descubrir que se publicará unha terceira parte en breve e que será a última, aínda que en principio pensara en realizar unha saga composta por cinco libros. Finalmente animounos a realizar un roteiro literario pola cidade de Santiago visitando os lugares que se describen no libro.

Rematamos coa sinatura de exemplares e co agradecemento por achegarse ata Baio dende Rianxo para compartir con noso alumnado un animado encontro literario que pon o broche final aos deste curso escolar.

INICIÁNDONOS NO SURF!!!

Onte o alumnado de 3º ESO desprazouse á praia de Reira en Camariñas para  seguir no mar o proceso de iniciación ao surf. Despois de poñer o traxe de neopreno, comezamos cunhas reflexións grupais en relación ao mar e á importancia de gozar del respectándoo e implicándonos no seu coidado, e aproveitamos para entrar en calor facendo unha limpeza do lixo que había na area e realizando xogos. 

A continuación familiarizámonos coas táboas de surf sobre a area para a continuación meternos na auga e poñer en práctica todo o aprendido, navegando polas ondas seguindo as instrucións dos encantadores monitores que nos acompañaron. Foi unha actividade moi divertida e pasámolo moi ben, tanto que xa estamos desexando que cheguen as vacacións para seguir practicando!!

LITERATURA, ILUSTRACIÓN E MÚSICA ARREDOR DA FIGURA DE LUÍSA VILLALTA

Onte o alumnado de 1º ESO  gozou dunha sesión moi amena e divertida co contacontos  realizado por Polo Correo do  Vento sobre a figura homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.                       . 

 Mentres Tania Solla realizaba unha ilustración de Luísa Villalta e Quique Mauricio amenizaba a sesión coa interpretación de cancións que apoiaban a narración do que se estaba a dicir en cada momento, Antón Ke  íanos relatando a orixe desta celebración e os criterios que se tiñan en conta para escoller a persoa á que se lle dedicaba ese día; lembrou a figuras destacadas como Rosalía de Castro, Fernández del Riego, e ata leu poemas Labarta Pose,  como apoio á candidatura presentada para dedicarlle o ano que vén esta conmemoración. 

Despois desta breve introdución entrou de cheo na figura de Luísa Villalta. Muller que tocaba o violín, comprometida cos problemas sociais, ecoloxista activa no movemento social de Nunca Máis, feminista, profesora de lingua galega, escritora de poesía, narrativa, ensaio, música,  colaboradora habitual en xornais e revistas, e sexta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas

Na parte final da sesión o alumnado debuxou o retrato desta intelectual poliédrica  seguindo as pautas marcada pola ilustradora polo que lles resultou moi fácil. Antes de despedirse agasalláronnos aos/ás presentes con cadanseu exemplar do libro Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta.

Agradecémoslle ao Concello de Zas que fixera posible que se realizase este contacontos no noso Centro.

O IES Maximino Romero de Lema acada o II premio no “XI Certame de curtas da Axencia Galega de doazón de órganos e transplantes”

O IES acada este galardón coa curta "A melodIA da vida na doazón de órganos e tecidos" elaborada polo alumnado de 4º da ESO Alicia Martínez Vidal, Izan Blanco Tajes, Pablo Lerma Carril e Héctor García Senande, coordinados polos profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo coa colaboración de Alberto Coya Otero. Acadaron o segundo galardón deste certame de promoción da doazón de órganos e transplantes cun traballo que incorpora xeración de cancións con ferramentas IA e con mensaxes claras que animan á poboación xove a doar. 

O traballo premiado "A melodIA da vida na doazón de órganos e tecidos" volta amosar que a Intelixencia artificial, utilizada de forma correcta pode ter un impacto positivo na transmisión de valores, neste caso o da solidariedade.

Dende o IES Maximino Romero de Lema, amosamos a nosa satisfacción polo logro acadado, que permite visualizar o traballo realizado polo alumnado máis alá da aula e tamén amosar a gran labor educativa que se fai dende os centros do rural galego.
Baio - Zas, mércores 5 de xuño de 2024.

BILLETES E MOEDAS, QUE DEBO SABER?

O pasado venres o alumnado de 1º CM, 4º ESO e 1º BACH A tivo a sorte de contar con Lois Bouzas e Roberto Boullón, empregados do Banco de España, que ofreceron un faladoiros sobre educación financeira.

 

Despois de explicarnos a historia do diñeiro, pasamos a identificar billetes e moedas de diferentes países do mundo. Fixemos un repaso de que estados da Unión Europea adoptaron o euro, cales o van instaurar nun futuro e cales non están na UE, pero si o usan. Tamén houbo tempo para lembrar a peseta.

 

O alumnado tivo oportunidade de coñecer o ciclo do efectivo (como se crea o diñeiro) e finalmente aprenderon a diferenciar billetes falsos mediante o método toque-mire-xire.

CLAUSURA DO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS CO LIBRO LA BIBLIOTECA DE LOS NUEVOS COMIENZOS

Hoxe luns 3 de xuño, clausuramos o Club de lectura de adultos compartindo impresións sobre o libro de Michiko Aoyama, La biblioteca de los nuevos comienzos.

 

Esta novela xaponesa da que se venderon máis de 300.000 exemplares e que foi elixida como mellor libro do ano nas listas de Time Magazine e Washington Post, conta cinco historias que se van entrelazando e que guían aos protagonistas ata unha biblioteca onde a bibliotecaria, lles recomendará lecturas que acabarán por cambiar para mellor a vida dos personaxes.

 

Unha novela que aconsellamos ler e que pon o colofón a unha serie de lecturas e visitas de autores/as que tivemos durante este curso e que de seguro repetiremos para o vindeiro.

ROTEIRO XEOLÓXICO POLOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA

O pasado mércores o alumnado de 3º ESO, 1ºBACH B e o de Bioloxía de 4ºESO, realizou da man de Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e profesor emérito da Universidade da Coruña, unha ruta guiada polos Penedos de Pasarela e Traba . 

A primeira parada foi a Ferida, canteira contra a que se loitou e que deixou esa cicatriz. Alí Romaní falounos sobre a orixe xeolóxica dos Penedos: como e cando se definiron esas formas. Logo continuamos o percorrido observando unha gran variedade de rocas con formas zoomórficas e antropomórficas: o cantor, a aguia, a balea, a pedra de abalar...

Baixo as explicacións do recoñecido xeólogo todos e todas puidemos gozar da singularidade desta contorna única da Europa Continental; unha paisaxe que foi descrita como un zoolóxico de pedrea do Paleozoico.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑA II CONCURSO DE CURTAMETRAXES DE NIGRÁN NA MODALIDADE DE CENTROS.

O IES Maximino Romero de Lema vén de gañar o premio á mellor curta pola obra “Educando na diversidade” no II Concurso de curtametraxes de Nigrán organizado pola Sociedade Galega de Sexoloxía e o Concello de Nigrán.

Este certame adícase na edición deste ano á “Educación sexual, materia pendente” e entrégase o premio coincidindo coa V Semana da diversidade sexual de Nigrán.

O obra galardoada ten como protagonistas ás alumnas de ciclo medio Nerea Torrado Lema e de bacharelato Marina García Camafreita e amosa, desde a perspectiva de persoeiros históricos como as galegas Marcela e Elisa, Alan Turing e Federico García Lorca, as dificultades que tiveron pola súa condición sexual que truncaron as súas vidas pero tamén avances relevantes na sociedade. Neste traballo utilízase a intelixencia artificial para dar voz ós persoeiros, poñendo en valor a tecnoloxía xa utilizada noutros traballos.

A peza foi premiada polo seu valor educativo e pola posta en valor da tecnoloxía como ferramenta para transmitir valores e fomentar o respecto na diversidade sexual.

O traballo foi coordinado polos docentes Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, que acudiron ó acto de entrega do premio na localidade de Nigrán.

Os dous profesores destacan que, máis alá do valor económico do premio para o Instituto, recoñécese unha forma de transmitir valores a través da IA que como ferramenta educativa ben usada pode ter un impacto moi positivo na sociedade.

Dende o IES Maximino Romero de Lema agradecen a oportunidade de poder visualizar traballos realizados polo alumnado na aula e tamén amosar a gran labor educativa que xurde dende o rural.

Baio-Zas, 31 de maio de 2024

https://drive.google.com/file/d/1j3G8-RioTfJfWtCTsIiycDO_6RKJ7fRG/view?usp=sharing

Distribuir contido