FacebookSíguenos en YouTube

blogue deadmin

O ESCAPE ROOM FINANCEIRO

Ao día seguinte da liquidación dos impostos Trimestrais do 2024, 3T, o 22 de outubro recibimos no IES á Fundación Mapfre e o seu xogo financeiro: Finexit e foi Marta, da Fundación Mapfre, a encargada de explicarnos as súas normas. Consistiu nunha xincana de pistas, que permite percorrer o itinerario das contas bancarias, os seguros, as tarxetas, as criptomoedas, o aforro, o tipo de xuro  e as divisas. 

 

O alumnado de 1º CM, 2º CM, 1º Bach e 1º e 2º FP Básica foron postos a proba, en distintas sesións e organizándose en pequenos grupos de traballo, para ser quen de resolver este escape room mediante a resolución de enigmas. Pasamos as sesións de xeito divertido e entretido á vez que aprendiamos conceptos financeiros.

Boa sorte para o seguinte e moitas grazas Marta pola túa xenerosidade e paciencia. Volta cando queiras, aquí che quedan moitas lerias que pasar.

ÁNGELES, REDEIRA DE MALPICA E JAQUI, MARISCADORA DE CAMARIÑAS VISIBILIZAN O SEU TRABALLO DO MAR

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñeceu á asociación de redeiras O Fieital de Malpica pola súa achega na innovación no sector pesqueiro e acuícola cun terceiro premio nesta categoría. Nós, hoxe quixemos dar a coñecer ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO o traballo destas mulleres  da man dunha delas, Ángeles, secretaria de ANMUPESCA, que xunto con Jaqui, mariscadora e patroa de barco de Camariñas nos contaron a realidade da súa profesión.

 

Angeles describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai estas profesionais e as actividades de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe  e cuxa loita conseguiu para este sector a cualificación profesional da súa actividade. 

 

Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.

 

Esta actividade, que nos fixo chegar A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título As mulleres da pesca: traballo invisible, pero esencial constituída por  trinta fotografías de mulleres desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata finais de mes. 

 

Con esta dobre acción quixemos dende a biblioteca contribuír á divulgación e ao recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres do rural en xeral, e o destas profesionais do mar, en particular. 

VISITA AO STAND DE CIBESEGURIDADE DO INCIBE

No día de hoxe, o alumnado do segundo curso do ciclo formativo de grao medio acudiu a á Casa da Cultura de Vimianzo para visitar o stand sobre ciberseguridade que ten instalado o INCIBE, no que se fixo unha reflexión conxunta e unha análise sobre diversos aspectos da seguridade en internet.

Se ben estes conceptos resultan moi familiares para este alumnado, que teñen xa unha boa formación en cuestións de seguridade informática, sempre é importante escoitar recomendacións e compartir reflexións con profesionais moi cualificados que nos permiten manternos ao día e actualizar as medidas de prevención para evitar fraudes e ataques aos que estamos expostos no día a día.

Agradecemos ao INCIBE e ao persoal desprazado para esta actividade a súa intervención e os seus consellos, e ao Concello de Vimianzo que posibilitara a instalación deste stand que consideramos debería ser de visita obrigada para toda a poboación.

Visita á Casa Grande de Xanceda

O día 23 de outubro do 2024, mércores, visitamos a granxa ecolóxica  "Casa Grande de Xanceda". Alí estaba Diana, a nosa guía, xunto cos seus xefes "king", "mazapán" e "malibú" para recibirnos con agarimo.


Logo da presentación e xustificación da razón de ser da granxa, pasamos a vivir un rato no interior dunha granxa ecolóxica. Estivemos nos establos e na sá de ordeño. Dímoslle o biberón aos xatos e experimentamos os bicolametones. Muuuuuui bicados quedamos.
Logo presenciamos un intre da fabricación dos iogures, botamos uns aturuxos e xogamos a buscar aos niños dos morcegos. O Samaín está cerca e tiñamos que estar alerta.


Soubemos dos ataques dos lobos, aló polo 2008, e de como dun xeito natural se protexeron deles: 6 mastíns e 3 burros. O dos burros..... coas súas grandes orellas avisan da chegada do depredador, escapando arreo.


Apareceu Bea, xa no salón de visitas, xefa das ecovisitas, que nos explicou como fan as mesmas. Aproveitamos para preguntarlle por un montón de inquedanzas que nos xurdiran. Que sorte que che resposten en tempo real e non con unha IA.

Xa para finalizar degustamos os produtos mais ricos que alí se fan: os iogures e os queixos. Un pracer para o paladar. Estariamos a comer todo o día deles!!!!

Queremos volver, axiña.
Moitas grazas Diana e Bea. Sodes moi simpáticas e afables.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA NO FESTIVAL FOCO

O noso Centro acudíu ó festival FOCO de cine educativo en Fuente Obejuna (Córdoba) a pasada fin de semana. 

Dúas alumnas de primeiro de Bacharelato, Yamila Vigo Landeira e Sonia Vázquez Tomé acompañados polo profesorado coordinador, Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, acudiron ó Festival de curtametraxes Foco 24 de Fuente Objejuna en Córdoba coa curta “Precursoras en la lucha por la igualdad”, traballo destinado a promover a igualdade entre homes e mulleres e a non violencia.

Esta curta, que foi seleccionada para o festival na categoría de campaña entre máis de 100 curtas candidatas, fai uso da intelixencia artificial para promover a igualdade. 

As protoganistas da peza “entrevistan” dende Radio Baio, a Clara Campoamor e Emilia Pardo Bazán, para que coñecer como era a loita pola igualdade na época destas dúas persoeiras, loitadoras polos dereitos da muller nos seus distintos contextos históricos.

Finalmente, “Precursoras en la lucha por la igualdad” non poido acadar o premio pero, queremos subliñar a increíble experiencia que Yamila e Sonia recibiron no festival, participando con alumnado de distintas partes de España en actividades organizadas dende o xoves 17 ó 20 de outubro

As alumnas conviviron cunha familia local que as acolleron nas súas casas durante estos días e viviron unha experiencia única de participar nun festival de cine educativo como FOCO. 

Dende o IES Maximino Romero de Lema queremos agradecer o trato recibido por parte da organización do festival e, en especial a Carmen e Manuel, acolledores de Yamila e Sonia esos días, pola súa calidade humana e amabilidade. 

O premio xa foi, sen dúbida, que Yamila e Sonia acudiran a este evento educativo do audiovisual que reuníu a moitos centros de España. 

CARTA A UN MILITAR

O venres, 18 de outubro do 2024, asistimos na Delegación de Defensa en Galicia, sita na Coruña, á entrega de premios do XI concurso "Carta a unha militar española". O evento, nesta edición, rememoraba os 35 anos da incorporación da muller as FFAA.


A nosa alumna Milena Pazos Rial recibiu un agasallo e diploma, entregado polo Coronel Antonio Bernal Martín, delegado do Ministerio de Defensa,  como recoñecemento pola sua "Carta a unha militar". Esta misiva elexiuse por un tribunal de entre todas as entregadas no IES, dacordo coas bases da convocatoria.


A directora do IES, Ana Facal Maroñas, trouxo o diploma acreditativo da participación do centro nesta convocatoria. Desta volta foi o Xefe Territorial da Consellería de Educación na Coruña, Indalecio Cabana Leira, quen fixo a entrega. 

Aproveitouse para lembrar aos "caídos pola patria" cun ramo de flores, colocado diante do monolito cos recorda no interior do edificio da Delegación.
Resultou un acto emotivo, sinxelo e breve. 

Moitas grazas por invitarmos ao acto.

1º ESO PARTICIPA NUN PROXECTO DE EDUCACIÓN AVÍCOLA

Por segundo ano consecutivo dende o Club de Ciencia  desenvólvese un proxecto de educación avícola sobre a recuperación, conservación e fomento da raza autóctona Galiña de Mos, actualmente un produto delicattesen nas nosas mesas. Será o alumnado de 1º ESO o encargado de levalo a cabo e contarase coa colaboración da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos.  

A semana pasada despois de escoitar a charla explicativa realizada polo veterinario Diego Rois sobre as características dos ovos, o mecanismo de incubación con controis de temperatura e humidade, e o nacemento dos poliños, vinte alumnos depositaron cadanseu ovo na incubadora e amosáronse moi ilusionados ante a perpectiva de ver nacer un pitiño do ovo que colocaran.

Diego Rois despediuse prometendo regresar en canto nazan os pitiños - aos 21 días- para indicarlle ao alumnado os pasos a seguir para mantelos con vida e que vaian medrando. Ata daquela só queda controlar o aparello para que as condicións sexan idóneas e... ter moita paciencia!  

FIXANDO NO COLIVING

O pasado martes, 1º e 2º CM participou nun encontro con empresarias que forman parte do proxecto "Fixar" da Consellería de Traballo e que estiveron a residir no iSlow de Laxe. Invitámolas para que compartiran, de xeito conciso e espontáneo, as súas travesías profesionais en distintos sectores económicos.

Marta Somoza do ámbito da Decoración, Aida Ferreiro de Adega Casa da Barca, Lydia González de Maowdesing(Decoración) e Laura Jakobeit de SuCo constituíron o grupo de emprendedoras que se achegou da man de Julio Rodríguez de iSlow.

Expuxéronlle ao alumnado os seus respectivos camiños de emprendemento, comentando éxito e erros. Tamén responderon a cuestións do plan de empresa e subliñaron, como eixo crucial, a propia motivación e a paixón pola idea de negocio. 

É un pracer coñecer a xente con folgos, incansables ao abatemento, cheos de inquedanzas e inquebrantábeis ante as adversidades. Aquí quedan aliadas, para sempre, regresade cando queirades.

Distribuir contido