O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñeceu á asociación de redeiras O Fieital de Malpica pola súa achega na innovación no sector pesqueiro e acuícola cun terceiro premio nesta categoría. Nós, hoxe quixemos dar a coñecer ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO o traballo destas mulleres da man dunha delas, Ángeles, secretaria de ANMUPESCA, que xunto con Jaqui, mariscadora e patroa de barco de Camariñas nos contaron a realidade da súa profesión.
Angeles describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai estas profesionais e as actividades de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe e cuxa loita conseguiu para este sector a cualificación profesional da súa actividade.
Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.
Esta actividade, que nos fixo chegar A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título As mulleres da pesca: traballo invisible, pero esencial constituída por trinta fotografías de mulleres desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata finais de mes.
Con esta dobre acción quixemos dende a biblioteca contribuír á divulgación e ao recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres do rural en xeral, e o destas profesionais do mar, en particular.