A psicóloga Penélope Alonso de Quérote+ de Santiago e a alumna de prácticas Paula Agrelo, visitáronnos para levar a cabo un obradoiro de Educación Afectivo Sexual. Explicaron, en dúas sesións distintas, a un alumnado atento de 3º ESO e de 1º FPB, a orixe deste organismo, as distintas liñas temáticas que desenvolve e como se pode acceder aos seus servizos de xeito totalmente gratuíto: probas de embarazo ou de enfermidades de transmisión sexual, tests de embarazo, preservativos, campañas informativas…
A partir dunha batería de preguntas fixo referencia a aspectos relacionados coa sexualidade: onde se obtén a información, o coñecemento dos xenitais, o acceso a contidos pornográficos dende idades moi temperás, a importancia do consentimento nunha relación sexual na que debe prevalecer o diálogo e o respecto por riba de todo, a difusión de imaxes de contido sexual, os métodos anticonceptivos e de protección (píldora, anel, parche, implante subcutáneo…). Aspectos todos eles moi interesantes para que o alumnado poida tomar decisións saudables na sexualidade e no sexo, xusto no momento en que está empezando a vivilos.