Participamos no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V
Enviado por admin o Xov, 11/05/2023 - 06:56O IES Marco do Camballón participou no operativo de lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V, organizado pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega. O despegue tivo lugar o 10 de maio ás 12 h desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto educativo que envolve a varios centros de secundaria e bacharelato galegos e leva en marcha desde o curso 2014-15. Os centros que forman parte da NOSA son o IES Miraflores (de Oleiros), IES Marco do Camballón (de Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (de Santiago de Compostela) e o CPI O Cruce (de Cerceda). A este lanzamento precedérono outros catro, os das MarumaSat I á IV, todos eles con resultados moi exitosos: interesantes experimentos a bordo, impresionantes imaxes da curvatura terrestre gravadas polas cámaras que viaxan na cápsula, novas cotas de altura cada vez maiores…
Coa MarumaSat V retómanse os lanzamentos das cápsulas estratosféricas MarumaSat, que quedaron suspendidos desde o ano 2020 coa pandemia da COVID. Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes.
Un dos obxectivos da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara 360º que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. Ademais diso, instalarase un dispositivo LoRa para estabelecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura.
As previsións de traxectoria indicaban que a aterraxe tería lugar nun punto do concello de Quiroga, como efectivamente ocorreu. Tras o lanzamento, organizouse un equipo de rescate, con alumnado dos centros implicado,s que se desprazou até as coordenadas da aterraxe. A cápsula pousouse nas estribacións do Courel, nun punto de difícil acceso. Finalmente, a media tarde e con algo de esforzo, recuperamos a cápsula intacta con todos os experimentos a bordo.
O noso alumnado asumiu o proceso de inflado e atado do globo, paracaídas e cápsula. Ademais, encarágaronse da cobertura en directo do lanzamento desde a canle de Youtube da NOSA, emisión que se realiza este ano por primeira vez e que podedes disfrutar nesta ligazón.
Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación no proxecto, que favoreceu que todo se resolvera con éxito. A partir de agora, analizaremos os datos recollidos para elaborar os informes cientíticos que se exporán no seguinte congreso da NOSA.
Admisión ESO e Bacharelato. Listaxes provisionais
Enviado por admin o Mar, 25/04/2023 - 16:27Poden consultarse no taboleiro do interior do centro as listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas para cursar ESO ou Bacharelato no noso centro.
Período de reclamación: 26 de abril ao 3 de maio (5 días hábiles)
O Camballón, na Regueifesta!
Enviado por admin o Mar, 18/04/2023 - 11:53Unha alumna e un alumno do IES Marco do Camballón estebelecen dúas novas marcas de memorización do número π
Enviado por admin o Lun, 13/03/2023 - 04:26Candela e David Troncoso Borrego son dous irmáns que cursan 2º e 1º ESO, respectivamente, no IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Ambos veñen de estabelecer dúas novas marcas de memorización de cifras decimais do número π, como parte dun concurso que organiza o departamento de matemáticas do centro para celebrar o 14 de marzo, Día Internacional do Número π.
Candela Troncoso Borrego marcou a mellor marca de memorización de cifras decimais de π desde que o centro organiza este concurso, cun total de 421. Supón unha importante mellora da anterior marca do centro, que era de 166 cifras decimais a cargo de África García Lorenzo. O seu irmán, David, acadou 420, a só unha cifra do rexistro de Candela.
As marcas serán enviadas ao Pi World Ranking List, un portal web que recolle os récords de memorización do número π en todo o mundo, onde xa figura a marca anterior de África García Lorenzo. De xeito preliminar, os rexistros de Candela e David colocaranos nos postos 370 e 371 a nivel mundial, e postos 7 e 8 a nivel español.
Desde o departamento de matemáticas queremos felicitalos pola súa determinación e memoria para acadar estas espectaculares marcas.
O IES Marco do Camballón organiza o IV Encontro Feminista
Enviado por admin o Mér, 08/03/2023 - 18:31Con motivo do 8M, o IES Marco do Camballón está a organizar o IV Encontro Feminista, un espazo de reflexión sobre o conflito de xénero.
Desta volta, o acto centrarase nos estereotipos de xénero na elección de estudos e profesións, contando coa presenza de antigo alumnado que aportará a súa visión e propia experiencia.
O alumnado actual estase a encargar do deseño do cartaz do encontro, no que se entregará o III Premio Juana López Elizagaray pola igualdade, co que se pretende recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións de ámbito local.
Escoller a Juana López Elizagaray para dar nome ao premio non é casualidade, pois trátase dunha mestra represaliada que impartiu docencia na escola de Besexos, unha muller pioneira e loitadora convertida nun referente local á que rendemos tributo no vídeo-homenaxe á muller traballadora creado polo alumnado de 1º de Bacharelato en colaboración co Concello de Vila de Cruces.
Admisión alumnado curso 2023-24
Enviado por admin o Mér, 01/03/2023 - 08:16A listaxe de alumnado admitido procedente dos centros adscritos a este instituto para o vindeiro curso académico 2023/24 pode consultarse no taboleiro de anuncios da administración, situado no interior do edificio escolar, ou ben mediante o emprego da chave 365 na aplicación de admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/)
No momento actual atopámonos en prazo de solicitude de admisión para o alumnado que non procede dos centros adscritos, que deberán efectuar a mesma entre o 1 e 20 de marzo de 2023.
Premendo en "Leer máis" pódense consultar os prazos destacados a ter en conta no procedemento de admisión e a lexislación que regula o proceso.
Modificación do calendario escolar (ESO e Bacharelato)
Enviado por admin o Mér, 25/01/2023 - 13:49Visada a Orde do 27 de decembro de 2022 e as aclaracións publicadas pola Consellería de Educación para a organización do final do curso 2022/23 para a ESO e o Bacharelato, indicamos as cuestións máis relevantes no que ten que ver coa modificación do calendario escolar:
A sesión da terceira avaliación parcial da ESO deberá coincidir coa sesión de avaliación final. Polo tanto, non haberá unha avaliación previa á final a principios de xuño. Realizarase unha única avaliación con data 22 de xuño de 2023.
A asistencia á clase será obrigatoria ata o 21 de xuño na ESO e 1º de Bacharelato. O curso de 2º de Bacharelato, réxese polo seu propio calendario, condicionado polas probas da ABAU.
As alumnas de FOL de 1º de TAPSD gañadoras do concurso "FP lidera la prevención frente a los riesgos ergonómicos" do INSST
Enviado por admin o Ven, 20/01/2023 - 10:55As alumnas de primeiro curso do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia resultaron gañadoras do certame de video corto "FP: ¡Lidera la prevención!". Este concurso organizado polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), en colaboración coa Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA) ten como obxectivo promover unha cultura preventiva entre a poboación máis nova fronte aos riscos ergonómicos que poden causar trastornos muscoesqueléticos relacionados co traballo.
A través do vídeo titulado "a maxia da prevención" dannos 5 pequenos truco que podemos seguir para previr este tipo de lesións que son tan habituais en sectores como o sociosanitario dentro do que se engloba o ciclo.
Antía Martínez, alumna do ciclo, participou en representación da aula na xornada técnica organizada polo INSST que leva o nome "Los trastornos muscoesqueléticos en jóvenes desde la mirada de sus protagonistas ".
A continuación podedes ver o vídeo co que resultaron gañadora do certame ENLACE
EUROPA DE REPENTE: A improvisación oral en verso en Sardegna
Enviado por admin o Mér, 07/12/2022 - 09:18“O modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través dun proxecto Erasmus+ en diversos países europeos.”
O proxecto Europa de repente, coordinado polo CFR de Vimianzo e en parcería co CEIP Labarta Pose, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña (Italia) para coñecer as diferentes formas de improvisación oral en verso.
Nestas visitas de observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais de Sardeña, graváronse as composicións improvisadas da gara poética ou o muteto, cantadas nas diferentes variantes do sardo.
Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde, no estado francés.
Nesta visita á illa, igual ca nas anteriores mobilidades a Madeira e á Toscana, as persoas docentes do proxecto realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo en Europa.
Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.
Unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños que repercutirán positivamente nas nosas aulas.
Erasmus de irmandade entre a Regueifa e a Ottava Rima na Toscana
Enviado por admin o Mar, 04/10/2022 - 17:49O IES Marco de Camballón e o IES do Milladoiro estámos a participar nun programa Erasmus+K1, baixo o título Europa de repente. Neste programa europeo, no que estámos involucrados estes dous centros de ensino, participan tamén centros da Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). A coordinación lévase a cabo desde o CFR da Coruña.
Do 27 ao 30 de setembro de 2022, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou “in situ” o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade.
Ao igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes dous centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima). Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da improvisación nos Apeninos.
Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »