Saltar navegación.
Inicio

O IES Marco do Camballón organiza o IV Encontro Feminista

Con motivo do 8M, o IES Marco do Camballón está a organizar o IV Encontro Feminista, un espazo de reflexión sobre o conflito de xénero.

Desta volta, o acto centrarase nos estereotipos de xénero na elección de estudos e profesións, contando coa presenza de antigo alumnado que aportará a súa visión e propia experiencia.

O alumnado actual estase a encargar do deseño do cartaz do encontro, no que se entregará o III Premio Juana López Elizagaray pola igualdade, co que se pretende recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións de ámbito local.

Escoller a Juana López Elizagaray para dar nome ao premio non é casualidade, pois trátase dunha mestra represaliada que impartiu docencia na escola de Besexos, unha muller pioneira e loitadora convertida nun referente local á que rendemos tributo no vídeo-homenaxe á muller traballadora creado polo alumnado de 1º de Bacharelato en colaboración co Concello de Vila de Cruces.