Saltar navegación.
Inicio

Participamos no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V

O IES Marco do Camballón participou no operativo de lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V, organizado pola NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega. O despegue tivo lugar o 10 de maio ás 12 h desde a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto educativo que envolve a varios centros de secundaria e bacharelato galegos e leva en marcha desde o curso 2014-15. Os centros que forman parte da NOSA son o IES Miraflores (de Oleiros),  IES Marco do Camballón (de Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (de Santiago de Compostela) e o CPI O Cruce (de Cerceda). A este lanzamento precedérono outros catro, os das MarumaSat I á IV, todos eles con resultados moi exitosos: interesantes experimentos a bordo, impresionantes imaxes da curvatura terrestre gravadas polas cámaras que viaxan na cápsula, novas cotas de altura cada vez maiores…

 

Coa MarumaSat V retómanse os lanzamentos das cápsulas estratosféricas MarumaSat, que quedaron suspendidos desde o ano 2020 coa pandemia da COVID. Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes.

 

Un dos obxectivos da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara 360º que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. Ademais diso, instalarase un dispositivo LoRa para estabelecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura.

 

As previsións de traxectoria indicaban que a aterraxe tería lugar nun punto do concello de Quiroga, como efectivamente ocorreu. Tras o lanzamento, organizouse un equipo de rescate, con alumnado dos centros implicado,s que se desprazou até as coordenadas da aterraxe. A cápsula pousouse nas estribacións do Courel, nun punto de difícil acceso. Finalmente, a media tarde e con algo de esforzo, recuperamos a cápsula intacta con todos os experimentos a bordo.

O noso alumnado asumiu o proceso de inflado e atado do globo, paracaídas e cápsula. Ademais, encarágaronse da cobertura en directo do lanzamento desde a canle de Youtube da NOSA, emisión que se realiza este ano por primeira vez e que podedes disfrutar nesta ligazón.

 

Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación no proxecto, que favoreceu que todo se resolvera con éxito. A partir de agora, analizaremos os datos recollidos para elaborar os informes cientíticos que se exporán no seguinte congreso da NOSA.