Unha alumna e un alumno do IES Marco do Camballón estebelecen dúas novas marcas de memorización do número π
Candela e David Troncoso Borrego son dous irmáns que cursan 2º e 1º ESO, respectivamente, no IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Ambos veñen de estabelecer dúas novas marcas de memorización de cifras decimais do número π, como parte dun concurso que organiza o departamento de matemáticas do centro para celebrar o 14 de marzo, Día Internacional do Número π.
Candela Troncoso Borrego marcou a mellor marca de memorización de cifras decimais de π desde que o centro organiza este concurso, cun total de 421. Supón unha importante mellora da anterior marca do centro, que era de 166 cifras decimais a cargo de África García Lorenzo. O seu irmán, David, acadou 420, a só unha cifra do rexistro de Candela.
As marcas serán enviadas ao Pi World Ranking List, un portal web que recolle os récords de memorización do número π en todo o mundo, onde xa figura a marca anterior de África García Lorenzo. De xeito preliminar, os rexistros de Candela e David colocaranos nos postos 370 e 371 a nivel mundial, e postos 7 e 8 a nivel español.
Desde o departamento de matemáticas queremos felicitalos pola súa determinación e memoria para acadar estas espectaculares marcas.