Saltar navegación.
Inicio

O Camballón publica un libro de recollida oral sobre o guerrilleiro antifascista Foucellas

O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón presenta o vindeiro xoves, 30 de maio, o libro O Foucellas en Vila de Cruces, un volume onde se recollen histórias de tradición oral arredor da figura de Benigno López Andrade, guerrilleiro antifascista contra a ditadura franquista. O livro conta, ademais, con tres textos de Manuel Igrexas, Carlos G, Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizan as historias recollidas polo alumnado do instituto cruceño. 

Este libro reúne vinte e seis historias recollidas por alumnado e exalumnado do Camballón e configuran un arquivo diverso sobre a presenza da guerrilla antifranquista nas terras de Carbia e o Deza. O libro forma parte do Proxecto Palabras de Pedra, un proxecto de posta en valor o patrimonio material e inmaterial das Cruces que, desde o Equipo de Normalización, pretende socializar os valores culturais, lingüísticos e sociolingüísticos locais. Outrosproxectos de participación que xurdiron de Palabras de Pedra son a posta en valor das Mámoas de Oirós, o Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces, A nosa música somos nós ou a Regueifesta, entre outros. Esta metodoloxía parte da importancia do traballo colectivo e da participación social para transformar e enriquecer a realidade socio-cultural das Cruces. 

Sae do prelo o segundo volume de Marco Numérico

Marco Numérico é a publicación de investigación matemática do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), onde se recollen traballos realizados por alumnado de ESO e BAC.

O segundo volume de Marco Numérico acaba de saír do prelo. A publicación (de periodicidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón) quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros especificamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica.

Do punto de vista educativo, a publicación pretende introducir ao alumnado de secundaria e bacharelato na investigación formal. Deste xeito, o alumnado muda o rol pasivo que habitualmente ten asignado nas escolas por un papel máis activo na adquisición e formalización do coñecemento. Ademais de adquirir competencias específicas da área das matemáticas, esta experiencia pode ser motivadora en termos xerais, ben noutros eidos do coñecemento científico, ben tamén na investigación humanística.

O presente número consta de dúas seccións, Dentro do Marco e Fóra do Marco. Na primeira sección, Dentro do Marco, inclúense os artigos realizados polo propio alumnado do IES Marco do Camballón. Os traballos incluídos neste número son os seguintes:

O noso equipo de Ciberasesor@s visita o colexio

No presente curso, o alumnado de 2º ESO traballou nun programa de mediación no entorno das redes sociais chamado Ciberasesor@s. Esta iniciativa xurdiu nas titorías de 2º ESO e inspírase en actuacións semellantes desenvoltas noutros centros. O obxectivo non é outro que o de concienciar ao alumnado dos riscos dun mal uso das redes sociais.

Durante as sesións de titoría de 2º ESO o alumnado traballou os distintos riscos asociados ás redes. A partir de aí, elaborou unha presentación centrada en dous temas: sexting e grooming. O noso alumnado asumiu un papel activo na medida en que as presentacións estaban destinadas ao alumnado de primaria do colexio da localidade, o CEIP Nosa Señora da Piedade. Con iso tratouse de conseguir que o noso alumnado se metera de cheo na materia a tratar e se responsabilizara da súa comunicación aos máis pequenos, de xeito que adquiriran unha maior implicación.

Valoramos moi satisfactoriamente o resultado da intervencións do alumnado. Conseguiron transmitir a idea de que as redes sociais deben ser empregadas con cautela e que temos que levar conta das nosas accións porque as consecuencias son imprevisibles.

O equipo de mediación tamén exporá a presentación ao alumnado de 1º ESO do noso centro, nunha sesión programada para esta semana.

Procedemento de reclamación das cualificacións finais

Achegamos información relativa aos procedementos de reclamación das cualificacións finais para ESO, BAC, FP e Ensinanzas Especiais no curso 2018-19.

 

Publicada a convocatoria de becas Erasmus+

Trátase da 5ª mobilidade, que empezará en outubro de 2019.

Viaxe de repentistas do Camballón a Catalunya

O alumnado dos institutos das Cruces e de Baio viaxaron a Barcelona para participar nunhas xornadas de improvisación oral en verso xunto a adolescentes de Euskal Herria e de Cataluña.

O Proxeto Regueifesta leva catro cursos colaborando co instituto de Igorre, de Euskadi, e nos tres anos anteriores a Regueifesta acolleu na Galiza a xente que canta en euskera e nós viaxamos alá, con aventuras e aprendizaxes inesquecíbeis.

O ano pasado foi Cataluña quen se sumou á experiencia e alumnado de Barcelona achegarase a Compostela para participar na Regueifesta 2018 con bascos e alumnado galego das catro provincias.

Este ano organizou o encontro o profesorado, alumnado e familias de Barcelona, e alá fomos convidados, desde a Galiza e Euskal Herria, vivir tres días para a historia.

I Festival de Artes Escénicas e Danza

POR FIN CONTAMOS CUN FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS E DANZA!!!

Non podemos dicir que é a primeira experiencia que temos dun festival no auditorio de Vila de Cruces. Ao longo de todos estes anos, que non son poucos, o departamento de Educación Física organizou moitos festivais nos cales contidos coma o teatro, a expresión corporal, coreografías de diversos tipos e  exhibicións varias tiñan cabida neses espectáculos.

A gran diferenza é que agora contamos cunha marabillosa materia optativa en 4º ESO que nos proporciona un tempo máis axeitado  para podermos afondar nestes contidos e con isto gozar máis destas experiencias. 

O musical xorde da necesidade de intentar englobar todos os contidos aprendidos, darlle forma a través dunha performance audio-visual e, ao mesmo tempo, de canalizar o que fomos traballando nun obxectivo concreto.

Porén o mellor  na preparación deste tipo de actividades é a convivencia que se realiza no grupo, coñecendo a compañeiros/as que sempre tivemos cerca pero que nunca miramos realmente. Tanto é así, que podemos dicir que a través destes traballos é cando realmente sabemos qué persoa temos ao lado.

Visita ao centro de Alzheimer e outras demencias

O alumnado do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia realizou unha visita didáctica ao Centro de Alzheimer e outras demencias, en Salamanca, de referencia no ámbito do estado.

Durante a visita o alumnado participou nun obradoiro sobre alimentación e demencia e realizou uha visita as súas instalacións, coñecendo os diferentes espazos onde se realizan os programas de estimulación sensorial, terapia asistida con animais, rehabilitación neurolóxica e arteterapia.

 

   

Participación no torneo de debate Parlamento Xove

Esta fin de semana, 15 e 16 de marzo, o alumnado matriculado en Iniciación ao debate participou por primeira vez no torneo de debate Parlamento Xove. O tema a debater foi “Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da UE?”. Aínda que, como podedes supoñer, non era doado opinar oralmente sobre esta cuestión tan complexa, Iván Fdez. (refutador), Ërika Mato (refutadora), Lucía Pampín (oradora), Noa Pichel (asistente da coordinadora), Carla Sánchez (oradora) e Araceli Costoya (coordinadora)  foron capaces de acadar o décimosexto posto, unha posición máis que digna para cinco debutantes. Ademais, como colofón a esta magnífica estrea, Lucía Pampín obtivo o galardón de Mellor Oradora do torneo. Sentímonos pletóricos, moi orgullosos.

 A ver se o próximo ano podemos repetir!!

Por todas as mulleres, por todos os dereitos

 

Mulleres en folga, rematemos co silencio


No Día da Muller deixamos un vídeo realizado polas alumnas do ciclo deAtención a persoas en situación de dependencia para dar visibilidade e loitar pola igualdade de xénero. En loita polos dereitos das mulleres, brillantes e dignas como lúa!

SÍNTOME VIVA, SEMPRE VALENTE, SEMPRE LIBRE E SEMPRE COMBATIVA. ♀️ 

O noso agradecemento ao grupo Enxebres, formado por rapazas do noso centro e que compuxeron o tema do vídeo, así como ao ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia, que levaron a letra a linguaxe de signos.

Viva a igualdade, a diversidade e a música tradicional galega!

Distribuir contido