I Encontro Feminista
Enviado por admin o Mér, 04/03/2020 - 07:40Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o noso centro organiza, o próximo 11 de marzo, o I Encontro Feminista. Conscientes das urxencias e necesidades en materia de igualdade e feminismo, ten como obxectivo a sensibilización sobre a realidade da muller en diversos eidos. O acto, aberto ás familias e á veciñanza interesada, terá lugar no Auditorio Xosé Casal a partir das 12 h.
O alumnado da materia de Artes Escénicas (4º ESO) será o encargado de presentar o evento. Un grupo de estudantes da materia de Igualdade de Xénero (2º ESO) ofrecerá unha panorámica xeral das desigualdades que sofre a muller desde o punto de vista sociolaboral. O alumnado de Iniciación ao debate (1º e 2º BAC) moderará unha mesa redonda na que contaremos coa presenza de cinco mulleres que brindarán a súa perspectiva, experiencias e camiños posíbeis. As ponentes serán Elena Ferro (artesá, recente Premio Nacional), Paula Rivela (xestora cultural), Pilar Vispo (fundadora da empresa de agricultura ecolóxica A Casa da Quenlla), Mónica González (inspectora de traballo e membro do colectivo Azos Feministas) e Ana Rodríguez (integrante do grupo Leilía).
No acto coñeceranse tamén as premiadas/os do I Concurso de cuñas radiofónicas sobre igualdade convocado polo IES. De remate, está prevista a actuación musical da nosa alumna Noa Guzmán Gómez, que interpretará temas propios.
Excelentes resultados no concurso Odisea
Enviado por admin o Mér, 12/02/2020 - 05:34Un curso máis, o alumnado do Marco do Camballón participa no concurso Odisea, un certame que vai xa pola 15ª edición e no que o noso centro leva concursando dende o seu segundo ano de celebración. Este ano de olimpismo, como non podía ser doutra maneira, o concurso versa sobre o deporte na Antigüidade, o que nos deu pé a aprender moitas cousas sobre o mundo antigo pero tamén a reflexionar sobre o espírito agonal e os seus límites, o coidado da saúde e a importancia da dieta, a situación da muller dende Grecia ata os nosos días... En fin, non podemos deixar de constatar que somos humanos, que nada humano nos é alleo e que as nosas inquedanzas, degoiros, dificultades e éxitos son os mesmos no 2020 que no 776 a.C., algo que a intensidade do brillo das novas tecnoloxías moitas veces non nos permite ver.
Pero agora, os datos do concurso Odisea 2020:
Este ano están concursando 5.331 alumnos e 346 profesores de toda España, distribuídos en 2.079 grupos procedentes de 309 centros.
No caso de Galicia, participaron 243 equipos de 39 centros diferentes procedentes das catro provincias.
Participamos no IV Congreso NOSA
Enviado por admin o Mar, 11/02/2020 - 04:38O noso alumnado participou no IV Congreso NOSA, celebrado o 10 de febreiro en Santiago de Compostela. NOSA. Axencia Espacial Escolar Galega é un proxecto colaborativo do que forman parte media ducia de centros públicos galegos, e que se encadra no ámbito STEAM (Ciencias, Tecnoloxía, Artes e Matemáticas).
O congreso deste ano estivo organizado polo IES Xelmírez II e tivo lugar no Auditorio de Galicia. A conferencia inaugural sobre contaminación luminosa correu a cargo do físico da USC Salvador Bará. Contamos coa presenza d conselleira de Educación, Carmen Pomar, que se dirixiu aos asistentes antes de dar paso á mesa científico-tecnolóxica.
O noso instituto achegaba dous relatorios: Microorganismos extraterrestres, de Lucía Pampín e Iván Fernández, e que explicaba os resultados dos dous experimentos biolóxicos que viaxaron na MarumaSat IV; Intervalos preditivos na detección de muóns, de Laura Domínguez, Christian Souto, Vicky Rivas e Alba Lareo, que explicaba o procedemento de estimación de intervalos a un certo nivel de confianza a partir dos datos do detector de muóns instalado na cápsula.
A xornada completouse cun recital poético-musical sobre mulleres astrónomas a cargo da poeta Estíbaliz Espinosa.
Projeto 10.000 calcomanias da Galiza. Tattoos da Galiza
Enviado por admin o Lun, 27/01/2020 - 04:53O Clube da Língua do IES Marco do Cambalhom, o projeto educativo Semente de Compostela e o local social A Gentalha do Pichel organizam o projeto “Tattoos da Galiza: 10.000 decalcomanias para a infância e a juventude” com o objetivo de distribuír 10 modelos de tatuagens temporais –decalcomanias- com motivos de desenho gráfico da história da Galiza.
Em passados cursos, o Clube da Língua do IES Marco do Cambalhom de Vila de Cruzes tem recolhido mais de 500 fotografias de tatuagens da Galiza, em galego ou de tema galego. O projeto “Tattoos da Galiza” conseguiu visibilizar tatuagens de centos de persoas que imprimirom sobre a pel a identidade galega através das redes sociais e com a publicaçom dum livro, “Tattoos da Galiza”, fruto dum processo de micromecenado que envolveu centos de persoas.
Desde o ponto de vista sociolinguístico, esta atividade quer colocar diante dos olhos da infância e a mocidade a importáncia da comunicaçom visual desde umha perspetiva galega. Esta intervençom procura articular um processo de comunicaçom social na nossa língua para a visibilizaçom da referentes visuais, icónicos, plásticos e de desenho gráfico próprios da história e actualidade da Galiza.
Navegando polo universo desde o ximnasio
Enviado por admin o Ven, 24/01/2020 - 07:29O martes 21 de xaneiro, o alumnado de 1º ESO e 1º BAC visitou un planetario portátil de última xeración instalado no ximnasio, e que ofrecía unha viaxe virtual polo ceo titulada Navegando polo universo. A iniciativa é un proxecto docente desenvolvido polo programa cultural Ruta Quetzal.
Este planetario era unha estrutura inchábel cun bóveda de 5 metros de diámetro nas que se proxectaban secuencias dinámicas do universo.
As sesións permitiron un achegamento a diversos aspectos relacionados coa astronomía e o coñec emento do universo, de sde a definición e historia da astronomía, o Sistema Solar, a Vía Láctea, os movementos planetarios, cambio de estacións, fases lunares, eclipses, etc.
Entrevista á compañía A PANADARÍA
Enviado por admin o Mér, 15/01/2020 - 07:11O pasado 19 de decembro de 2019, a compañía de teatro A PANADARÍA representou, de xeito aberto para toda a comunidade educativa do centro, a obra Elisa e Marcela.
A función pretendía servir como unha acción de sensibilización en materia de igualdade e recoñecemento de dereitos para o colectivo LGTBI. Como sabedes, a obra conta a historia de amor de dúas mulleres lesbianas galegas, Elisa e Marcela, que, a principios do s. XX, conseguiron contraer matrimonio en contra da moral hipócrita dominante naquela sociedade (e que, lamentabelmente, chega aos nosos días). Polo seu amor foron perseguidas, derivaron a Portugal, onde foron encarceladas, e finalmente tiveron que emigrar a Arxentina, onde se lles perde a pista.
Antes da función puidemos entrevistar ás actrices que a protagonizan, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kéndelman. Velaquí vos deixamos o vídeo con contido completo. Agardamos que vos guste!
Charla sobre Frankenstein na Librería Cronopios en Santiago de Compostela
Enviado por admin o Ven, 10/01/2020 - 07:44Nesta charla á que acudimos en Santiago de Compostela escoitamos a Miguel Giráldez, profesor de literatura inglesa na UDC (Universidade de Coruña) nunha análise da novela Frankenstein de Mary Shelley. Ademais de descubrir un enfoque sobre a historia máis centrado en detalles, coñecimos un pouco a historia da propia escritora, dende as circunstancias nas que se escribiu a novela ata como foi o avance da mesma co pasar dos anos; dende a ventá máxima ata o punto no que non se vendía dado que todos coñecían xa de memoria de que trataba.
A charla resultoume amena porque o profesor Giráldez utilizou unha mestura de léxico culto e informal ao tempo que introduciu algúns comentaros inxeniosos.
Xenial!!
Estrea para o IES da obra "Elisa e Marcela"
Enviado por admin o Lun, 16/12/2019 - 04:25O xoves 19 de decembro, a partir das 12.15 h, o alumnado do noso IES asistirá á representación da obra teatral Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría, nas instalacións do Auditorio Xosé Casal.
Esta é unha iniciativa do centro dirixida ao noso alumnado como acción de sensabilización en materia de igualdade. Como sabedes, trátase dunha obra moi ben acollida por crítica e público que ademais recibiu importantes premios.
Pódese acceder a máis información na web da compañía, premendo nesta ligazón.
Noa, de 1º BAC, consegue o segundo posto no Quero Cantar
Enviado por admin o Mar, 26/11/2019 - 04:30Noa, nome artístico de Noa Guzmán Gómez, de Merza, alumna do Marco do Camballón, cantou na gala da final do concurso de música xuvenil "Quero Cantar", no Teatro Colón da Coruña e conseguiu o segundo posto.
Unha canción composta por ela, Ondas do Mar, e interpretada ao piano, levouna por segundo ano consecutivo ao escenario deste prestixioso evento.
Noa formouse como música coa Banda de Merza e actualmente é alumna do Conservatorio de Compostela. Ademais, foi unha das alumnas que protagonizou o rexurdimento da Nova Regueifa Feminista nos últimos anos. O pasado ano, Noa xa ficara finalista no “Quero Cantar” co tema “Agora son eu”.
Entrevista á Carolina Cabaleiro, alumna de 2º SOLCA
Enviado por admin o Lun, 28/10/2019 - 04:11Diario de Pontevedra publicou unha entrevista á nosa alumna Carolina Cabaleiro, que cursa 2º de Soldadura e caldereiría.
Na entrevista, Carolina conta como está a ser a experiencia no ciclo e os horizontes que ten por diante. Tamén reflexiona sobre as dificultades que se atopou ao se inserir nun ámbito profesional tradicionalmente masculinizado.
Podedes acceder ao contido completa premendo nesta ligazón.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- …
- seguinte ›
- última »