Excelentes resultados no concurso Odisea
Un curso máis, o alumnado do Marco do Camballón participa no concurso Odisea, un certame que vai xa pola 15ª edición e no que o noso centro leva concursando dende o seu segundo ano de celebración. Este ano de olimpismo, como non podía ser doutra maneira, o concurso versa sobre o deporte na Antigüidade, o que nos deu pé a aprender moitas cousas sobre o mundo antigo pero tamén a reflexionar sobre o espírito agonal e os seus límites, o coidado da saúde e a importancia da dieta, a situación da muller dende Grecia ata os nosos días... En fin, non podemos deixar de constatar que somos humanos, que nada humano nos é alleo e que as nosas inquedanzas, degoiros, dificultades e éxitos son os mesmos no 2020 que no 776 a.C., algo que a intensidade do brillo das novas tecnoloxías moitas veces non nos permite ver.
Pero agora, os datos do concurso Odisea 2020:
Este ano están concursando 5.331 alumnos e 346 profesores de toda España, distribuídos en 2.079 grupos procedentes de 309 centros.
No caso de Galicia, participaron 243 equipos de 39 centros diferentes procedentes das catro provincias.
Na primeira fase do concurso, quedou vencedor de todos eles o equipo cruceño LUSAMA, que este mércores 12 de febreiro participará no desempate autonómico competindo con outros catro centros galegos que obtiveron a mesma puntuación aínda que precisaron máis tempo para responder as preguntas.
Parabéns e moita sorte LUSAMA, xa fixestes un traballo espectacular.
Parabéns tamén ao resto de equipos participantes: TACE!, TOK, TWIN TURBO, ZC´S e CLEOPATRA que conseguiron moi boas puntuacións e amosaron un gran entusiasmo e ganas de gañar.