Saltar navegación.
Inicio

Noa, de 1º BAC, consegue o segundo posto no Quero Cantar

Noa, nome artístico de Noa Guzmán Gómez, de Merza, alumna do Marco do Camballón, cantou na gala da final do concurso de música xuvenil "Quero Cantar", no Teatro Colón da Coruña e conseguiu o segundo posto. 

 

Unha canción composta por ela, Ondas do Mar, e interpretada ao piano, levouna por segundo ano consecutivo ao escenario deste prestixioso evento.

 

Noa formouse como música coa Banda de Merza e actualmente é alumna do Conservatorio de Compostela. Ademais, foi unha das alumnas que protagonizou o rexurdimento da Nova Regueifa Feminista nos últimos anos. O pasado ano, Noa xa ficara finalista no “Quero Cantar” co tema “Agora son eu”.

 

O premio consiste na gravación do seu tema nun estudo profesional de gravación, tema que formará parte dun CD que recollerá os temas finalistas. Ademais recibirá mil euros para gastar en material cultural. 

 

É o segundo ano que o Clube da Lingua do Marco do Camballón impulsa a participación do alumnado nesta iniciativa, visibilizando o talento musical da xuventude do concello. 

 

O alumnado do Camballón está a protagonizar unha renovación xeracional no eido musical, sexa no campo da regueifa, das bandas, dos grupos de pandereteiras e noutras iniciativas deste ámbito. 

 

Esta actividade  forma parte do proxecto "A nosa música somos nós" que o Clube da Lingua implementa desde hai varios cursos para vincular a lingua galega a valores da actualidade, visibilizando as Cruces como un referente de calidade e vangarda educativa, coa música en galego como bandeira.

 

Desde o Clube da Lingua explican que "o éxito persoal de Noa acompaña un proceso cooperativo,  froito dun traballo colectivo da comunidade, das asociacións locais, das famílias, do profesorado e do propio alumnado que, con orgullo e naturalidade, mostran como a vangarda tamén é galego-falante. A nosa xuventude é un modelo de calidade galego-falante en diferentes ámbitos e no instituto estamos moi satisfeitos".