Sae do prelo o segundo volume de Marco Numérico
Marco Numérico é a publicación de investigación matemática do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), onde se recollen traballos realizados por alumnado de ESO e BAC.
O segundo volume de Marco Numérico acaba de saír do prelo. A publicación (de periodicidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón) quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros especificamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica.
Do punto de vista educativo, a publicación pretende introducir ao alumnado de secundaria e bacharelato na investigación formal. Deste xeito, o alumnado muda o rol pasivo que habitualmente ten asignado nas escolas por un papel máis activo na adquisición e formalización do coñecemento. Ademais de adquirir competencias específicas da área das matemáticas, esta experiencia pode ser motivadora en termos xerais, ben noutros eidos do coñecemento científico, ben tamén na investigación humanística.
O presente número consta de dúas seccións, Dentro do Marco e Fóra do Marco. Na primeira sección, Dentro do Marco, inclúense os artigos realizados polo propio alumnado do IES Marco do Camballón. Os traballos incluídos neste número son os seguintes:
- Lei de Benford xeralizada para números primos.
- O efecto invernadoiro no contexto da Unión Europea.
- Manchas solares: distribución e ciclos.
- O azar predicible: xerando números pseudoaleatorios.
- Análise estatística da distribución de sumas de Goldbach.
- Eficacia probabilística do test de primalidade de Fermat.
- Movemento browniano no contexto dunha apocalipse zombi.
- O método de Newton-Raphson no riff de Day Tripper.
- Autómatas celulares: un modelo para a propagación de enfermidades.
Na sección Fóra do Marco inclúense traballos de alumnado do IES Virxe do Mar (Noia) e IES Maruxa Mallo (Ordes):
- Planificación de rutas e teoría de grafos: un caso práctico.
- Programa de código aberto para a resolución de sistemas de ecuacións lineais.
- O consumo eléctrico e as súas tarifas.
- Os xuros e as mensualidades.
O presente número conta ademais cun limiar da profesora titular da Facultade de Matemáticas da USC Mª Victoria Otero Espinar.
Pódese consultar o número nesta ligazón.