Saltar navegación.
Inicio

MarumaSat III: misión realizada con éxito

Na mañá do 7 de maio lanzamos, como estaba previsto, a MarumaSat III desde Ordes. Acadou unha altitude de 33223m e todo ía ben ata que comezou a caída, momento no que se perdeu o seu sinal. Empezou, daquela, a fase de recuperación.
Despois de case unha semana de busca, a cápsula aparaceu nas inmediacións da localidade coruñesa de Negreira. Atopouna un alumno do IES Maruxa Mallo na tarde do sábado 12 de maio, grazas a un dispositivo de seguimento empregado en cetrería que seguía a emitir sinal. 
Tras abrila puidemos comprobar que todo estaba en perfecto estado, que os sensores rexistraron un enorme volume de datos e a cámara gravou imaxes espectaculares da estratosfera. Pódese ver xa unha mostra no álbum MarumaSat III da nosa galería.
Nas seguintes semanas completarase o estudo asociado aos experimentos científicos e editarase o vídeo oficial da viaxe da MarumaSat III.
Parabéns a todos os integrantes de NOSA por este novo éxito! 

A NOSA realizará o 3º lanzamento o 7 de maio

A NOSA, Axencia Espacial Escolar Galega, da que forma parte o noso centro, efectuará o próximo luns 7 de maio o seu 3º lanzamento á estratosfera. Despois dos éxitos dos lanzamentos anteriores, desta volta, a MarumaSat III pretende, entre outros obxectivos, facer nacer vida no espazo, concretamente a través dun ovo de abella raíña que viaxará no interior da cápsula. Ademais dos centros que integran a NOSA (IES Maruxa Mallo, IES Miraflores e IES Marco do Camballón), participará tamén o IES Xelmírez II de Santiago de Compostela.

Pódese ver máis información sobre o proxecto nesta reportaxe  e/ou seguilo con máis detalle no seu twitter, instagram  ou na canle de YouTube.

3º Premio cartel Día Internacional da Muller

 

 

 

Adán Gil, Nicolás Conde, Nuria Penas, Iria Moire e Marco Pedreira de 3º de ESO foron galardoados co 3º premio no I Concurso de carteis do Día Internacional da Muller convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade e no que participaron 44 centros de toda Galicia. O seu traballo, feito en equipo e supervisado polo profesor José Manuel Iglesias, tiña como lema "Únete á nosa revolución". Parabéns!

Pódese consultar a noticia nesta ligazón.

Curso de Soldadura de aluminio

O venres 9-3-2018 ábrese o prazo de matrícula para o curso de Soldadura de aluminio que se celebrará no IES Marco do Camballón a partir do mes de abril. Forma parte do proxecto Millenials, xestionado pola Deputación de Pontevedra e a EOI. O curso ten unha duración de 280 horas (incluídas 60 de PRL) e a data prevista de inicio é 9-4-2018 en horario de 15:00 a 20:00 h de luns a venres. Na seguinte ligazón pódese consultar a noticia .

Para inscribirse cómpre abrir esta páxina da EOI, escoller o curso Soldadura de aluminio e ir á lapela "Solicitar admisión".

Aviso: por problemas técnicos, adíase a data de comezo do curso. Para máis información chamar ao teléfono do centro: 886 15 17 31.

Admisión alumnado curso 2018-19

 

O 1 de marzo comeza o proceso de admisión de alumnado para o vindeiro curso 2018-19. Nos arquivos anexos pódense consultar as vacantes do noso centro e mais a lexislación relativa a este proceso.

I Premio de Poesía Estratosférica

No II Congreso NOSA, celebrado en Vila de Cruces o 5 de febreiro, fíxose pública a convocatoria do I Premio de Poesía Estratosférica, dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato de centros públicos galegos. O prazo para participar remata o 20 de marzo e o premio será "estratosférico". Pódense consultar as bases nesta ligazón.

Tamén está xa dispoñible na galería deste sitio web unha selección de fotos do congreso e na canle de YouTube pódese ver o tráiler da nova misión.

2º Encontro de mulleres regueifeiras

O sábado 24 de febreiro celebrarase o 2º Encontro de Mulleres Regueifeiras de Galiza no auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces.

Está organizado polo alumnado da materia de Regueifa e Improvisación en Verso do noso centro, dentro do proxecto Regueifesta. Comezará ás 11.30 e rematará cunha foliada que se iniciará ás 20.30h.

 

 

 

 

II Encontro de Entroido

 

 

O xoves 1 de febreiro o alumnado do IES Marco do Camballón participará no II Encontro de Entroido que se celebrará no auditorio Xosé Casal ás 11 horas. Reuniránse distintos centros do contorno para escenificar o Alto dos Xenerais, o discurso dos mouros e mais regueifar. A actividade foi deseñada e coordinada pola biblioteca do centro en colaboración con outras asociacións.

Pódese ver máis información no seu blog.

II Congreso NOSA

O próximo 5 de febreiro celebrarase no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces o II Congreso NOSA "A viaxe da MarumaSat II", organizado polos departamentos de Matemáticas e de Lingua Galega e Literatura do IES Marco do Camballón, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Literatura e Matemáticas do IES Maruxa Mallo e o de Tecnoloxía do IES Miraflores.

Nel presentaranse as actas do primeiro congreso e os resultados dos estudos realizados a partir do lanzamento da cápsula MarumaSat II. Tamén se darán a coñecer os obxectivos do próximo lanzamento, que se efectuará en maio ou xuño deste ano. Pódese consultar o programa completo nesta ligazón.

Novas producións de Tales no Camballón Films

 

 

Na canle de Tales no Camballón xa podedes ver as novas producións deste curso. O alumnado de 4º de ESO está traballando no proxecto A volta ás mates en 80 días, mentres que o de 1º de bacharelato abordou as relacións entre as Matemáticas e a Socioloxía e mais a natureza do infinito

Distribuir contido