Aprendendo Xenómica con Ángel Carracedo
Enviado por admin o Xov, 22/05/2014 - 11:38Este martes 20 de maio tivo lugar a conferencia sobre Xenómica do doutor Ángel Carracedo que organizou a Biblioteca do noso centro. Celebrouse no auditorio Xosé Casal e a ela asisitiron, ademais do noso alumnado, outro dos institutos Aller Ulloa e Laxeiro de Lalín así como nais, pais e outra xente do contorno. A sesión prolongouse durante 2 horas, máis do previsto, debido ao interese que suscitou a charla entre o alumnado, que formulou numerosas preguntas. A gravación do acto completo pódese ver desde o blog da biblioteca. Tamén recolleron a noticia os xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
Conferencia de Ángel Carracedo
Enviado por admin o Mér, 14/05/2014 - 16:24Como remate á intensa actividade de divulgación da ciencia que este ano desenvolveu a Biblioteca do centro, teremos a oportunidade de asistir a unha conferencia do Dr. Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica e un investigador de gran prestixio a nivel mundial.
Falaranos sobre "As aplicacións da xenómica no mundo actual" o próximo martes día 20 de maio a partir das 12:00h no Auditorio "Xosé Casal" de Vila de Cruces. Está convidada toda a comunidade educativa, así como os distintos centros da comarca.
Charla de Jorge Mira
Enviado por admin o Xov, 08/05/2014 - 10:48
Como parte da promoción da lectura científica que está desenvolvendo neste curso a biblioteca do centro, o pasado 30 de abril recibimos a visita de Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da facultade de Física da USC, responsable do programa ConCiencia e tamén coñecido pola súa colaboración en espazos da televisión, a radio e columnas na prensa. Ofreceunos unha charla moi amena sobre diversas cuestións científicas. Pódese ver completa nesta ligazón.
A biblioteca do centro chega ao rexistro 7000
Enviado por admin o Mér, 30/04/2014 - 16:10Despois de moitos contratempos, desvelos e esforzos, particularmente do profesorado do Equipo da Biblioteca (María Barcala, Lucía Puentes, Rubén Noguerol, Susana Porral e Carmen Fernández) a biblioteca do noso centro acaba de acadar o rexistro 7 000. Isto significa que ten á disposición de toda a comunidade educativa un total de 7 000 exemplares entre libros, CD's e DVD's.
Esta semana quixemos aproveitar a visita do escritor e profesor lalinense Carlos Negro para celebrar tan meritoria cifra, pois foi precisamente o poemario do que nos veu falar, Penúltimas tendencias, o que se rexistrou con este número.
Parabéns a toda a xente que o fixo posible! Pero non esquezades que o mellor agradecemento que se lle pode brindar é usar todos os recursos e participar nas dinámicas que, con vocación de servizo público e de calidade, nos ofrecen semana a semana e curso a curso.
Concurso de fotografía
Enviado por admin o Mar, 25/03/2014 - 16:53
Para celebrar o Día Internacional do Libro a bilioteca do centro convoca un concurso de fotografía. Consulta as bases nesta ligazón.
Astronomía en Vila de Cruces
Enviado por admin o Xov, 20/03/2014 - 14:18O pasado xoves día 13, a partir das 8,30 da tarde, tivo lugar na praza da vila a anunciada sesión de astronomía a cargo de Salvador Bará, profesor de Óptica da USC. A actividade forma parte do proxecto de difusión da ciencia sobre o que xira neste curso boa parte actividade dinamizadora da biblioteca do centro e contaba tamén coa colaboración do Club da lingua.
No blog da biblioteca, Abre os ollos, pódense ver máis contidos relacionados con este evento e pinchando aquí accédese á noticia aparecida no Faro de Vigo.
Probas de acceso a ciclos 2014
Enviado por admin o Ven, 07/03/2014 - 13:56Acaba de publicarse o calendario da realización das probas de acceso a ciclos para este curso. Podedes consultalo no arquivo anexo.
Sesión de astronomía na rúa
Enviado por admin o Ven, 07/03/2014 - 13:44
Por fin, este próximo xoves día 13 de marzo a partir das 8,30h celebrarase a sesión de observación do ceo co profesor Salvador Bará que se suspendeu no mes de xaneiro por mor do mal tempo. Xa se lle entregou información a todo o alumnado sobre esta actividade, pero queremos aproveitar a ocasión para convidar e animar a toda a comunidade educativa a que participe nesta iniciativa da Biblioteca e o Club da Lingua porque promete ser moi interesante.
Subcampións da fase estatal de Odisea 2014
Enviado por admin o Lun, 24/02/2014 - 16:35É todo un orgullo para este centro informar de que o equipo Capricornio (Silvia Alonso, Celia Manzorro e Alejandro Santiso de 1º de bacharelato) acaba de proclamarse subcampión da fase estatal do concurso Odisea 2014. Unicamente outro equipo de Segovia foi quen de superalos e, para iso, por unha estreita marxe: 32 puntos fronte a 28.
Sen dúbida, teñen máis que merecidos os parabéns de toda a comunidade educativa, tanto eles coma a profesora de Latín e Grego que está detrás do seu éxito, Lucía Puentes.
Así se dá conta da noticia en La Voz de Galicia.
Campións de Galicia de Odisea 2014
Enviado por admin o Sáb, 15/02/2014 - 16:59O equipo Capricornio, integrado polo alumnado de 1º de bacharelato do noso centro Silvia Alonso, Celia Manzorro e Alejandro Gómez acaba de proclamarse campión de Galicia do concurso Odisea 2014. Este certame está organizado pola Sociedade Española de Estudos Clásicos coa pretensión de visibilizar a lingua e a cultura grecolatinas, participan centros de distintos lugares do estado e este ano tiña como tema central o teatro.
O noso alumnado, cuxa profesora é Lucía Puentes, superou 265 rivais do resto da comunidade, polo que recibirá no mes de marzo o seu galardón económico: 240 €, pero, ademais, ten tamén a honra de respresentarnos na fase estatal que se desenvolverá este próximo mércores 19 de febreiro. Os outros equipos cos que competirán son os ganadores de Aragón, Cataluña, Valencia e Valladolid.
Así daban conta da noticia a SEEC Galicia e La Voz de Galicia.
Parabéns e moita sorte na final!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- 23
- seguinte ›
- última »