Carta aberta ás familias

 

Estimadas familias:

 

Como seguramente xa saben pola prensa, o curso vén de se adiar unha semana. Crerán saber os motivos, pero a realidade é única: o abandono total por parte da Consellería de Educación.

O noso sentir agora mesmo é de indignación. Levamos todo o verán traballando para que a volta ás aulas sexa o máis segura posible, pero non somos responsables do desaguisado continuo que as autoridades educativas teñen a ben realizar. Necesitamos profesorado para que as mínimas condicións de distancia se cumpran, e se non se nos concede negámonos a comezar o curso.

Basta xa de informacións falsas e cambiantes, basta xa de mentiras. Pedimos honestidade e pedimos solucións. A administración non nos facilita o noso labor e nós debémonos ao noso alumnado.

Queremos deixar constancia de que o noso obxectivo é manter a calidade do ensino e a seguridade do alumnado e profesorado, polo que non descartamos tomar decisións máis contundentes como a nosa propia renuncia a seguir sendo comparsas dunha institución que claramente nos despreza.

Non aseguramos que día comezará o curso, polo que daremos máis información en canto poidamos a través da páxina web.

 

O equipo directivo do IES LAXEIRO de LALÍN.