Para acceder a todas as fotos na imaxe
"POLA CANDELORIA NINGUNHA AVE VOA SOA"
2 DE FEBREIRO: FESTA DAS CANDEAS OU DA CANDELORIA
(CELEBRACIÓN DO AMOR)
O 2 de febreiro celébrase a Festa da Candeloria, tamén chamada Festa das Candeas, que ademais da beizón das velas, simboliza a Festa do Amor.
Así pois, hai poucos anos na igresxa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, concretamente na capela do Rosario, celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban ao remate do acto relixioso. O carácter amoroso dese día estase a esquecer pasando a doce días máis tarde, é dicir, por San Valentiño, por influxo do consumismo comercial.
E tamén nalgúns lugares de Galicia, festéxase ese día a chamada Festa do Pote, como no concello de Verín (Ourense) onde pode haber na mesa cachucha, ovos, cabrito, tortilla, vitela, fideos con azucre, roscas, churros, figos, roscóns, arroz con xarope, noces, laranxas e bica de rixóns co cal á festa anterior tamén se lle engade unha celebración gastronómica.
Por estes motivos expostos, cómpre recuperar vellas tradicións de noso que ás veces poden chegar a desaparecer e que constitúen sen ningunha dúbida unha parte fundamental da nosa identidade cultural. Así, o EDLG quixo sumarse a esta efeméride e organizou un concurso onde tradición e modernidade fosen da man. Baixo o título Que me queres, amor? Levemos posto o amor!, o alumnado elaborou lemas ou frases de amor en tres categorías: amor como atracción físicanamoramento, amor á nosa lingua e amor á nosa terra. O uso principal que se fará dos deseños gañadores será incluílo impreso en bolsas de tea, co obxecto de promocionar a nosa lingua, levando posto o galego, xa que cómpre adaptármonos ás modas, e esta é unha peza de vestiario que leva a cotío a rapazada de agora. Deste xeito, na mañá de hoxe, 7 de febreiro, fóronlles entregados os agasallos con cadanseus diplomas acreditativos ás alumnas Nuria Alonso Rodríguez (1º ESO B), Ariana Crego Romero (1º ESO D) e Vega Armada Santos (1º BACH A). Parabéns e moitas grazas a todas as persoas que, dun ou doutro xeito, participaron e axudaron a darlles continuidade ós nosos costumes !!!
Feliz día do Amor!!!
Teresa Pastor Novo, coordinadora do EDLG