ORIENTALINE
Novas Biblioteca
Xuntanza dos Esquíos Lectores co libro "Asmir no quiere pistolas"
Deixamos aquí e no noso blog da biblioteca "Biblioaponte" a reportaxe gráfica sobre a actividade que fixemos o luns 4 de abril para traballar e recapacitar un pouquiño sobre a triste realidade que lle toca vivir ó protagonista do libro que limos "Asmir no quiere pistolas", un rapaz que vive a traxedia da guerra de Bosnia dende o punto de vista dos refuxiados. Cóntanos como é a súa viaxe ata Viena, os medos e as alegrías que ten, a morriña pola súa terra e sobre todo, a lembranza polo seu pai, que non puido viaxar con eles. Un libro moi recomendable, fermoso e triste á vez.
A xuntanza consistiu nun picnic, que tomamos ó aire libre no coidado céspede do noso instituto. Tivemos moita sorte co día, porque estivo moi asollado. Cando rematamos de xantar e reposar un pouquiño, fomos directamente á nosa biblioteca a traballar e realizar un pequeno resumo dos personaxes e a viaxe, que fixemos entre todos. Quedou reflectido nun mural que se pode ver colgado na biblioteca.
ENCONTROS PLAMBE 2011
Un ano máis vimos de celebrar uns encontros en Santiago nos que nos reunimos os coordinadores de todas as bibliotecas de Galicia que estamos inmersos neste "Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares". Foi como sempre un pracer atopar aos colegas que traballan coma nós por facer unha biblioteca accesible, motivadora e centro de recursos para os nosos centros. Para os profesores interesados tedes AQUÍ o enlace aos materiais presentados nas xornadas, e para o resto dicirvos que o máis grande que vivimos foi a charla cunha lenda viva da literatura galega:Xosé Neira Vilas- autor, entre outros, do grandísimo Memorias dun neno labrego e que fixo que a clausura das xornadas fora como unha fervenza de emocións.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- seguinte ›
- última »