Escoitar, Aprender e Compartir

Torneo intercentros de xadrez de Redondela - 24 de maio

Acreditación de competencia dixital para o alumnado de FP

O alumnado de 2º curso de ciclos medios do réxime ordinario, así como o alumnado de ciclos medios do réxime de persoas adultas que titulase ou titule durante este curso 2023-24, pode solicitar inscribirse ás probas de competencia dixital.

O alumnado interesado que reúna os requisitos indicados deberá cubrir esta solicitude (marcando a opción de inscrición na Área 4 do nivel intermedio e, no caso de menores de idade, incluíndo a autorización da nai / pai / persoa titora legal que figura no impreso) e presentala na secretaría do centro ou en xefatura de estudos ata o 22 de maio ás 13:00 horas.

Tedes toda a información da convocatoria nesta ligazón e un resumo da información aquí.

Nunca mandadas: inauguración do mural dedicado a Yolanda Castaño

O 8 de maio a premio nacional de poesía Yolanda Castaño visitou o IES de Chapela para asistir á inauguración dun mural inspirado na súa obra, realizado polas alumnas Celia Santamariña, Tea Escribano, Iris Cordeiro, Sara Cordeiro e polo alumno Eiden Rodríguez baixo o deseño e dirección da profesora en prácticas María Pereira. Tamén realizamos un recitado colectivo do poema "Modas Lolita Rivas" por parte dunha representación do alumnado, profesorado e persoal non docente. Moitas grazas por facer posible esta xornada histórica.

Pica na imaxe para acceder á galería ou preme nesta ligazón para acceder ao vídeo do acto.

 

 

Visita da escritora Sonia Mirón

O martes 7 de maio, da man do Dpto. de Lingua castelá, visitounos a escritora Sonia Mirón para falar ao alumnado de 4° ESO do seu proceso creativo e das súas novelas. Un pracer contar con ela.

Conversa con Natalia, nai de día

Hai uns días, desde os ciclos de Integración social e Educación infantil, tivemos a oportunidade de conversar con Natalia Gómez Bayón arredor das familias acolledoras, como nai de acollida que é.

Ao tempo, visibilizounos que o acollemento segue a ser un asunto pendente e urxente. Falounos tamén do labor da Asociación de familias acolledoras de Galicia (Acougo), que enlazando vidas, acompaña todo o proceso, con programas de apoio a crianzas e adolescentes (encontros entre irmás e irmáns, ocio positivo entre iguais, apoio educativo, fins de semana de respiro, campamento de verán…), programas de apoio ás familias e programas de difusión e sensibilización arredor da necesidade de priorizar o acollemento fronte outras medidas, espallando a cultura do acollemento.

Respondeu a innumerábeis preguntas e achegounos a súa experiencia ao respecto das circunstancias que xiran arredor do acollemento: emocións, decisións, necesidades a cubrir, despedidas, reencontros, continuidade, rupturas, posibilidades…

Deixounos claro que hai que reivindicar a acollida fronte ao internamento nos centros, nos que se esvaece a posibilidade de medrar sentíndose parte dunha familia, pois como sentirse parte da sociedade sen antes ser parte da túa familia?

A clave?

Ter claro que hai que moverse no círculo da influencia, o que podemos facer, e non no da preocupación, o que non está nas nosas mans.

En realidade, as aprendizaxes que Natalia nos achegou son para a vida, non só para o acollemento.

Son precisas máis nais e pais de acollida en Galicia e a través de Acougo hai programas que exploran as posibilidades de acollida: ao longo do curso, en fins de semana, acollida temporal ou tamén, permanente se fose o caso.

É posible tamén participar da cultura do acollemento formando parte do voluntariado de Acougo, por se te animas!

Moitas grazas, Natalia, por abrirnos a porta á acollida e convidarnos a reflexionar arredor do que significa acoller!

Olimpíada Matemática

O pasado 25 de abril, Xiana, Nora, Irene, Ania, Yeray, Iago, Pau e Breixo participaron na Olimpíada Matemática de 2º ESO organizada por Agapema e celebrada no IES Castelao de Vigo.

III Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra

Un curso máis, a nosa Brigada Violeta participou no Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, que este ano celebrou a súa terceira edición no Museo Verbum (Vigo) o día 26 de abril. Foi unha xornada chea de momentos inesquecibles onde o alumnado puido compartir experiencias e impresións arredor do tema da igualdade e das moitas desigualdades que aínda persisten. Ademais puidemos gozar da actuación musical de Su Garrido Pombo, elaborar un mural colectivo entre todas e todos, asistir a distintas charlas e obradoiros formativos e participar en actividades creativas como o modelado con barro, a realización de chapas ou a introdución á papiroflexia. Moitas grazas ao alumnado e profesorado dos centros organizadores (IES Álvaro Cunqueiro e IES Primeiro de Marzo) e longa vida aos comandos! 

Excursión a Santiago de Compostela

Parte do alumnado de 4 º da ESO e 1º de Bacharelato foi o pasado mércores 24 de abril de excursión a Santiago de Compostela. Acompañáronos as profesoras de educación plástica, francés e música. Foi unha xornada moi produtiva. Aquí vos deixamos unha foto ao carón da Catedral.

Visita ao Faro de Vigo

O alumnado de 1º e 2º da ESO visitou as instalacións do Faro de Vigo o pasado 22 e 23 de abril. Alí puideron coñecer como é o proceso de produción dun xornal desde dentro. Moitas grazas ao persoal da entidade pola súa amabilidade e as súas explicacións!

DESPEDIDA DO ALUMNADO FRANCÉS EDUMOB

HOXE, VENRES 26 DE ABRIL, DESPEDIMOS A KYLIAN E CÈLESTINE, O ALUMNADO FRANCÉS DO PROGRAMA EDUMOB QUE NOS ACOMPAÑOU DURANTE O MES DE ABRIL. ESPERAMOS QUE NO REGRESO LEVEN NA MALETA UN MONTÓN DE BOAS EXPERIENCIAS, VISITAS, ACTIVIDADES, LUGARES... E SOBRE TODO UN MONTÓN DE BOS AMIGOS E AMIGAS!! ESTAMOS SEGUR@S DE QUE VOLVEREDES. AQUÍ ESPERAMOS.

Distribuir contido